AÍNDA QUEDAN PRAZAS PARA A XV XEIRA ALÉN MIÑOR CERDEDO - MONTE SEIXO (5 de maio de 2018)

 - - -
-

AÍNDA QUEDAN PRAZAS PARA A XV XEIRA ALÉN MIÑOR  CERDEDO - MONTE SEIXO.

5 de maio de 2018

Prezado/a Visitante,


Percorreremos, guiados pola sensata palabra colmada de sentimento de Calros Solla, o Monte Do Seixo, mítico cimeiro da Terra de Montes, biqueira da Serra do Cando. Cos seus picoutos, encostas e bosques, con vistas maravillosas (cando o vento norte limpa de nubes o horizonte) á Ría de Pontevedra,os concellos veciños de A Lama, Beariz e Forcarei.

Unha serra parcialmente esnaquizada por un parque eólico no ano 2000, pero que todavía conserva unha forte pegada etnográfica, con moitísimas lendas e referencias prehistóricas, castrexas e de sabedoría tradicional. Esta montaña máxica que para os devanceiros era un medio de comunicación coas deidades celestes atesoura un abraiante patrimonio material, natural e inmaterial: túmulos, vereas, marcos, pedrafitas, milladoiros, foxos, neveiros, afloramentos graníticos de caprichosa feitura. A natureza exprésase nas mandas de garranos e de vacas que campan pola serra tendo conta das súas vidas cando o lobo llo permite. O vento mareiro deloura cornos e crinas nos piricotos orientados cara ó mar.


Iniciaremos o itinerario camiñando dende a necrópole neolítica da Chan de Mamas ata Portalén-Marco do Vento (5 Km. ida e volta). De camiño daremos razón das Lagoas de Xestido, Outeiro da Cama e Laxa Mosqueira (pedras referidas da fertilidade), do Almadraque de Pirocha (representación da Moura-Deusa Nai), da Trampa do lobo, da Cruz do Seixo (Ara Solis), Marco do Vento (marco de deslinde de unidades territoriais locais) e, por suposto, visitaremos e gozaremos dun lugar que non nos deixará indiferentes: Portalén (a porta doutro mundo, oráculo do Samaín, correo dos que xa non están entre nós…), lugar inveterado de culto e ritualidade.

En Castro Grande avanzaremos ate as Pedras Ghiadas (aliñamento lítico), a Mámoa de Xestido e a Lagoa do Medio.

Neste itinerario o guía falaranos das innumerables lendas e tradicións como a do rato Rabisaco, a Besta branca, a Moura de loiros cabelos, a Galiña dos pitos douro etc.

Pola tarde visitaremos o barrio de Pedre co seu conxunto de hórreos, a Ponte Medieval de Santo Estevo de Pedre que salva o Lérez e a aldea vella de Vichocuntín, descuberta hai poucos anos. Componse de media ducia de vivendas cuxa feitura, dimensións, materiais e anexos falan dunha, noutrora, puxante comunidade agropecuaria. Destacan un muíño roulón e un pombal, e un hórreo de catro esteos pousados no valo da congostra, sinal de propiedade do terreo no que asenta.
 
CARACTERÍSTICAS DA XEIRA

DATA: 5 de Maio de 2018

 
GUÍA: Calros Solla Varela(profesor, escritor, membro do colectivo Capitán Gosende)
 
HORARIO APROXIMADO

SAÍDA DO AUTOCAR Sábado: 8:00 de Gondomar, dende a explanada do Pavillón de deportes.


CHEGADA: Sábado, aproximadamente ás 21.00, ó mesmo lugar de partida.


Para anotarse á Xeira haberá que chamar ao IEM ao teléfono 986 360575/627 276816, de luns a venres de 18.00 a 21.00, ou escribir un correo electrónico aoficina@iem.gal

PREZO SOCIOS/AS: 40 EUROS
PREZO NON SOCIOS/AS:45 EUROS
Nº DE CONTA IEM: ES95 2080 5035 0730 4001 4164


O prezo inclúe a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar e o guía.
 - - -


Se non desexa recibir máis información do IEM pode darse de baixa aquí
Se desexa modificar os seus datos de usuario pode facelo aquí

Instituto de Estudos Miñoráns
Avda. da Feira, 10 Baixo 36380 Gondomar
Apdo. Correos Nº 30
Tfno.: 986 360 575
www.iem.gal

CONFIDENCIALIDADE. En cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, de Protección de Datos de Carácter Persoal, informámolo de que se o desexa, poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, remitindo un correo electrónico á dirección oficina@iem.gal A información contida nesta mensaxe e os seus posibles documentos adxuntos é privada e confidencial e está dirixida únicamente ó seu destinatario/a. Se vostede non é o/a destinatario/a orixinal desta mensaxe, por favor elimínea.