Presentación da revista REM nº 16/17 o venres 1 de xuño ás 20:30 h no Auditorio de Nigrán.

 - - -
-

Presentación da revista REM
nº 16/17.

Venres, 1 de xuño ás 20:30 h no Auditorio de Nigrán.

 

Prezado/a Visitante,

O venres 1 de xuño, ás 20:30h no Auditorio de Nigrán, presentarase a revista REM nº 16/17 do Instituto de Estudos Miñoráns.

O acto contará coa colaboración e actuación de alumnas do Conservatorio Elemental de Música de Gondomar e as intervencións de Xulián Maure Rivas, director do IEM, Xosé Lois Vilar Pedreira, Xilberte Manso de la Torre, Víctor Lorenzo, Antonio Soliño Troncoso e José Ramón Ojea Vidal que farán unha breve presentación das súas colaboracións. Presenta o acto María Lemos Cerqueira.
 

Presentación  REM 16
 
Estas son as novas “Achegas” que  entrega a Revista de Estudos Miñoráns (REM). § Empeza cunha breve memoria das contribucións que a Sección de Etnografía e Arqueoloxía do IEM foi elaborando e que acaba de culminar coa presentación da tese doutoral de Eduardo Méndez-Quintas na Universidade de Burgos: Caracterización y variabilidad tecnomorfológica de las industrias achelenses de la cuenca baja de río Miño (NO de la Península Ibérica). § Esta mesma Sección presenta un adianto dos estudos que ven facendo sobre a presenza dos garranos nos montes das terras miñotas e a súa posible relación temática cos petróglifos desta comarca. § Nestes anos en que os desafiuzamentos marcaron a gravidade da crise económica e social, achegamos varios documentos  nos que uns veciños  da Baiona medieval (século XV) quedan privados do foro que tiñan coa igrexa de Santa María. § No número 12-13 desta revista apareceu un pequeno dosier con varios artigos sobre o Porto do Molle. Agora neste número dáse unha breve pero cumprida información do estado actual deste parque empresarial con cerca de mil novos postos de traballo cunha grande porcentaxe de alta cualificación. § Sobre o  proceso sociolingüístico do Val Miñor hai  dous estudos de moi distinta natureza. Por unha parte mídese a deriva do uso bilingüe na xuventude miñorana nos últimos trinta anos e por outra estúdase a natureza social da gheada e do seseo en conversas do Val Miñor. § Documéntase a bioinvasión europea da planta medicinal suramericana “marcela” [Achyrocline satureioides (Lam.) DC.] partindo da súa chegada ao Val Miñor. § Recóllese neste número un breve informe sobre a presencia estival de grupos infantís de saharauís acollidos por familias miñoranas. § Dúas intervencións sobre Relixión do mar, Premio Vitoriano Taibo de 2016 salientan o valor poético e social do mundo mariñeiro na obra de Xosé Iglesias. § Finalmente, nos oitenta anos dos comezos asasinos da ditadura de 1936, inclúense un poema inédito de Antón Tovar e o texto da intervención de Montse Fajardo na homenaxe anual da Volta dos Nove.
Os apartados “Especial Arte” está dedicado ao artista escultor miñorán Vitor Lorenzo e “O meu Val Miñor” recolle dous textos, un de Vitoriano Taibo sobre o primeiro Conde de Gondomar e outro un mitin de Basilio Álvarez pronunciado en 1912 no piñeiral da Ramallosa. Remata a revista coas seccións “As novas do IEM” e o “Índice de colaboradores”.
 
 - - -


Se non desexa recibir máis información do IEM pode darse de baixa aquí
Se desexa modificar os seus datos de usuario pode facelo aquí

Instituto de Estudos Miñoráns
Avda. da Feira, 10 Baixo 36380 Gondomar
Apdo. Correos Nº 30
Tfno.: 986 360 575
www.iem.gal

CONFIDENCIALIDADE. En cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, de Protección de Datos de Carácter Persoal, informámolo de que se o desexa, poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, remitindo un correo electrónico á dirección oficina@iem.gal A información contida nesta mensaxe e os seus posibles documentos adxuntos é privada e confidencial e está dirixida únicamente ó seu destinatario/a. Se vostede non é o/a destinatario/a orixinal desta mensaxe, por favor elimínea.