XEIRAS IEM 2018- GONDOMAR- O Camiño da Nosa Sra. do Norte. Da Capela dos Remedios ao Pazo do Conde de Gondomar. Xoves 12 de xullo ás 18:30 h.

 - - -
-

XEIRAS IEM 2018- GONDOMAR- O  Camiño da Nosa Sra. do Norte.  Da  Capela dos Remedios  ao Pazo do Conde de Gondomar.

Xoves, 12 de xullo ás 18:30 h.

 

Prezado/a Visitante,

O vindeiro xoves 12 de xullo ás 18:30h terá lugar a terceira xeira de verán polo concello de Gondomar: O  Camiño da Nosa Sra. do Norte.  Da  Capela dos Remedios  ao Pazo do Conde de Gondomar, dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello de Gondomar, que será guiada por Antonio Soliño Troncoso.

HABERÁ DOUS INTÉRPRETES EN LINGUA DE SIGNOS PARA XORDOS.

punto de encontro será no Auditorio Lois Tobio. Gondomar.

https://drive.google.com/open?id=1hu9VRFycGPLsLHY98GuxkTiblpikKduE&usp=sharing
 
 AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2018
 
POLA FORCA DE LOBOS ATA O PAZO DO CONDE.
O CAMIÑO DA NOSA SEÑORA DO NORTE
 
Guía
ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO
 
Ao longo desta xeira, continuidade da que a semana pasada fixemos en terras de Couso, veremos e comentaremos unha vez máis retallos dun importante patrimonio histórico, etnográfico e artístico e volveremos a preocuparnos pola deriva paisaxística que está a enfilar a contorna por mor de especies arbóreas invasoras e outras razóns non vexetais. Trataremos arquitectura vernácula, tan ben imbricada no territorio e como tantas veces non moi ben atendida, volveremos a comprobar a secular dependencia do campesiñado respecto da auga, visitaremos un recinto feiral dos máis antigos do Val no que outra vez queda patente a evidencia de ritos e costumes que naceron para aplacar medos e angustias emocionais da xente do rural, citarémonos con topónimos evocadores e case sempre reveladores, transitaremos a un tempo dous dos camiños historicamente máis importantes de Val de Miñor, e por último volveremos a toparnos con restos históricos e construídos deixados pola fidalguía e a alta nobreza do Antigo Réxime no condado. Todo durante as tres horas que nos levará percorrer os 4,20 quilómetros do tramo de camiño que atravesa a parroquia de Gondomar; un traxecto afectado de pouca dificultade. O punto de encontro é o Auditorio Lois Tobío, na vila de Gondomar. Prégase puntualidade. O percorrido será acompañado de intérprete de lingua de signos.
O camiño é un elemento básico na ordenación do territorio, podendo presentarse con diferentes rangos e categorías. Hoxe novamente vamos centrarnos nun dos de xerarquía superior para o contexto que atravesa dende, cando menos, o medievo.
O Camiño de Nosa Señora do Norte a Santiago sepárase do central en Barcelos -Portugal- e logo de pasar polos concellos de Viana do Castelo, Camiña e Vila Nova de Cerveira entra en Galicia por Goián. A primitiva barca tiña desembarcadoiro ao pé da Fortaleza de San Lourenzo e tras bordear o Pazo-Torre dos Correa a vía pasa a Estás e logo ao Mosteiro e ao Seixo, en Tomiño, para continuar por Pousadela e Hospital, onde o topónimo fai referencia ao que existiu para peregrinos dende 1295. A continuación tira cara a Tebra e a seguir sobe por Cima de Vila para entrar no municipio de Gondomar pola Portela de Couso. Pasa pola capela dos Remedios e dende aquí segue baixando por Forca de Lobos ata Feira da Doce, na Estrada. Bordeando o Pazo do Conde de Gondomar continúa por Pousada ata o pé da parroquial de Mañufe e dende aí vai o barrio da Ponte para atravesar o Río Miñor (neste punto parece existiu un antigo hospitaliño). Continúa polo Cruceiro do Acordo, pasa polo Pazo de Fontán e xa entra na parroquia de Vilaza polo Cruceiro do Portelo. Segue polo treito empedrado ante o Pazo de Pampillón e chega á Areiña, lugar a partir do cal vai coincidir coa estrada real de Baiona ao Porriño ata O Tumbio, en Vincios, logo de atravesar nese lugar o río agora coñecido como Zamáns pero citado en documentos medievais como Miñor. A continuación polo barrio da Rocha chega ao Muiño Gaiteiro e dende alí, por detrás da Pasaxe, entra no actual concello de Vigo ante un antigo marco recolocado que indica o inicio de Valadares. O camiño continúa polas Furnas e a zona alta da igrexa de Castrelos para cruzar a Gran Vía e por Romil, a Falperra e Alfonso XII chegar á Colexiata. Dende aquí segue polo Areal ata a vila de Redondela onde volve enlazar co camiño central a Compostela.
 
 
 - - -


Se non desexa recibir máis información do IEM pode darse de baixa aquí
Se desexa modificar os seus datos de usuario pode facelo aquí

Instituto de Estudos Miñoráns
Avda. da Feira, 10 Baixo 36380 Gondomar
Apdo. Correos Nº 30
Tfno.: 986 360 575
www.iem.gal

CONFIDENCIALIDADE. En cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, de Protección de Datos de Carácter Persoal, informámolo de que se o desexa, poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, remitindo un correo electrónico á dirección oficina@iem.gal A información contida nesta mensaxe e os seus posibles documentos adxuntos é privada e confidencial e está dirixida únicamente ó seu destinatario/a. Se vostede non é o/a destinatario/a orixinal desta mensaxe, por favor elimínea.