Aínda quedan prazas para a XVIII Xeira Alén Miñor A Coruña e A Mariña Coruñesa (24-25 de novembro)

 - - -
-

Aínda quedan prazas para a XVIII Xeira Alén Miñor A Coruña e A Mariña Coruñesa 

24-25 de novembro

Prezado/a Visitante,

As primitivas dimensións da Coruña ocupaban o que hoxe se coñece como Cidade Vella. Era A Coruña intramuros, e tanto o seu trazado como a súa arquitectura explican a historia desta cidade.A Cidade Vella fíxose á medida humana.Pedra, vidro e madeira mesturáronse para dar acubillo a fidalgos como a artesáns ou mariñeiros. A Porta Real foi a primeira entrada á primitiva cidade.
Moito que ver ou recoñecer nesta cidade vella, acompañados por un guía que é un dos referentes da cultura contemporánea do país, Felipe Senén. 

A sede oficial da Real Academia (edificio dezaoitesco), noutro tempo  propiedade de Pardo Bazán, moi preto da Colexiata de Santa María (principios do sc. XIV) que foi a igrexa dos gremios do mar e do comercio.

Na contorna sitúase a Praza de Azcárraga. Está trazada sobre dous planos diferentes. No máis elevado enmárcase a antiga praza da Fariña, en cuxa bonita bóveda se acubilla a fonte do Desexo; no plano inferior está o palacio neoclásico da rexión militar noroeste, que data de 1740 e que acolleu a constitución da Xunta Suprema do Reino de Galicia en 1808, con motivo do alzamento coruñés contra as tropas napoleónicas.

O Convento de Santo Domingo levantouse a finais do século XIII, foi incendiado polos homes de Francis Drake a fins do XVII. A Igrexa data do século XVII e é de estilo barroco galego. 

Moitos persoeiros, aventureiros, escritores, filósofos, científicos, ou persoas sen título como  María Pita, que se enfrontou a Drake ou lideraron a resistencia ós franceses, viviron ou tiveron relación coa cidade. O Duque de Toscana, Cosme de Medicis, nunha das súas viaxes de coñecemento, o mariño Alejandro Malaspina, militares ou estadistas, como Porlier ou Melchor de Macanaz. Sir John Moore (repousa nos xardíns de San Carlos). Personaxes, espíritos da cidade ou simples cidadáns que inspiraron á Condesa de Pardo Bazán en "A Pedra Angular" ou a obra de Murguía e de Rosalía, os que xogaron co neno Pablo Picasso, que iluminaron o pensamento de  Wenceslao Fernández Flórez ou de Salvador de Madariaga. 
A cidade vella agocha máis recunchos queridos polos seus veciños, como o A Praza e O Convento das Bárbaras, próximos o Castelo de San Antón (hoxe Museo Arqueolóxico), antiga fortaleza do século XVI que se edificou sobre unha illa para protexer a entrada da ría dos ataques do pirata Drake. Ou o arquivo do Reino De Galicia (1775), que está encargado da recollida, custodia e posta a disposición do público da documentación de ámbito galego e provincial, xerada por diversos organismos de carácter xudicial ou administrativo con sede na provincia da Coruña.
 
Fundación Luís Seoane
 
Espazo multidisciplinar que dá cabida a tódalas expresións artísticas do ser humano independentemente da súa idade ou procedencia. Obradoiros de debuxo, espazos de creación e coñecemento artístico, colectividades ou autores, lecturas significadas, concertos, teatro, ciclos de cine e curtametraxes, clubs literarios e de lectura, danza e expresión etc.
 
Encarna o espírito da Galicia emigrante, das raíces e do desterro, o ideal dunha cultura entroncada no popular e en fin, a resistencia contra a ditadura e contra o longo esquecemento. Seoane é para os seus paisanos algo moi próximo e propio, vivido a través dunha herdanza diseminada por todas partes e cun crisol inmenso de creatividade sen fin: pintura, debuxo e gravado, cerámica, tapices, murais, grafista, ilustracións, escritor, poesía… 
 
O domingo visitaremos Betanzos
 
O Centro histórico foi declarado conxunto-histórico artístico en 1970 e trátase dunha das cidades medievais máis importantes de Galicia (desde 1465),foi capital dunha das sete provincias do antigo Reino de Galicia.
Os ríos que o percorren, Mandeo, Mendo e Mero, que xunto á Ría de Betanzos, conforman unha paisaxe de singular beleza.
No paseo polo centro da vila atoparemos importantes templos románicos como a Igrexa de San Francisco ou a de Sta. María do Azogue, o edificio da Casa Consistorial ou os restos, datados do século XIV, da muralla que rodeaba a cidade, entre outros puntos de interese.
Non se debe deixar de coñecer o legado dos irmáns García Naveira como o Parque do Pasatempo, as Escolas de San Francisco ou a de García Irmáns, estas últimas de estilo modernista.
 
En Bergondo visita o Pazo de Mariñán
 
A construción inicial coñécese como "de Bergondo", non de Mariñán .As orixes do Pazo de Mariñán sitúanse a mediados do século XV, por orde de  Gómez Pérez das Mariñas ("Señor das Mariñas, de Mesía e de Moscoso", cabaleiro da corte de Juan II, que participou dunha maneira activa nas loitas Irmandiñas). O Pazo e os seus xardíns son conxunto histórico-artístico e monumental por Real Decreto do 5 de outubro de 1972. Na actualidade comparte tres usos: actos institucionais da deputación, centro de congresos e foros e museo do propio Pazo, reunindo boa parte da colección artística da institución provincial. 
En Mariñán a arquitectura compleméntase coa paisaxe típica da Mariña que se abre á ría de Betanzos, formada polo río Mandeo. O xardín divídese en tres zonas: ornamental, hortícola e o arboredo. Uns e outros reflicten as distintas formas de aproveitar o terreo. 
O xardín foi trazado a comezos do século XIX, baseándose no que xa existía, moito máis sinxelo. O labor de introdución de especies converte a estes espazos de vexetación practicamente en illas botánicas e, ao mesmo tempo, en depositarios da flora e a sensibilidade ornamental galega. As especies decorativas compoñen o grupo máis numeroso, con gran diversidade e monumentalidade, destacando o abeto do Cáucaso, o ciprés de Lawson, os buxos, os teixos, etc. 
No xardín hai un pequeno embarcadoiro que ademais de ser utilizado como lugar de lecer servía os donos e os traballadores do pazo para atravesar a ría antes da construción da ponte do Pedrido. A partir de 1997 créase o "xardín da palabra", no que ilustres visitantes plantan unha árbore e ao seu pé deixan para o futuro unha mensaxe. 
 
CARACTERÍSTICAS DA XEIRA
 
DATA: 24-25 de Novembro de 2018
 
GUÍA: Felipe Senén (arqueólogo e museólogo)
 
HORARIO APROXIMADO
 
SAÍDA DO AUTOCAR Sábado: 8:00 de Gondomar, dende a explanada do Pavillón de deportes.
 
CHEGADA: Domingo, aproximadamente ás 21.00, ó mesmo lugar de partida.
 
Para anotarse á xeira haberá que chamar ao IEM ao teléfono 986 360575/ 627 276816, de luns a venres de 18.00 a 21.00, ou escribir un correo electrónico a oficina@iem.gal

·      PREZO SOCIOS/AS: 110  EUROS
·      PREZO NON SOCIOS/AS:  125 EUROS
·      Nº DE CONTA IEM: ES95 2080 5035 0730 4001 4164


O prezo inclúe a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar do sábado (A Coruña) e do domingo (Betanzos), almorzo do domingo, hotel na Coruña, as visitas e o guía.
 - - -


Se non desexa recibir máis información do IEM pode darse de baixa aquí
Se desexa modificar os seus datos de usuario pode facelo aquí

Instituto de Estudos Miñoráns
Avda. da Feira, 10 Baixo 36380 Gondomar
Apdo. Correos Nº 30
Tfno.: 986 360 575
www.iem.gal

CONFIDENCIALIDADE. En cumprimento do Regulamento Xeral de Protección de Datos, informámolo de que se o desexa, poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, remitindo un correo electrónico á dirección oficina@iem.gal A información contida nesta mensaxe e os seus posibles documentos adxuntos é privada e confidencial e está dirixida únicamente ó seu destinatario/a. Se vostede non é o/a destinatario/a orixinal desta mensaxe, por favor elimínea.