Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

XEIRAS IEM 2018- TOMIÑO- Arquitectura militar histórica. Fortalezas. Xoves 19 de xullo ás 18:30h.

O vindeiro xoves 19 de xullo ás 18:30 h terá lugar a quinta xeira de verán polo concello de Tomiño, Arquitectura militar histórica. Fortalezas. dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada por Antonio Soliño Troncoso.

HABERÁ DOUS INTÉRPRETES EN LINGUA DE SIGNOS PARA XORDOS.

O punto de encontro será no Pazo-Torre dos Correa. Goián:

https://drive.google.com/open?id=1vF-TpyWSLjdaaPzHo8R-rCtn6cDIYqsn&usp=sharing

 

AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2018

ARQUITECTURA MILITAR HISTÓRICA. FORTALEZAS DE GOIÁN

Guía

ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO

O lugar foi considerado estratéxico dende o medievo e consecuentemente controlado por diversos señoríos e as distintas monarquías. En Goián levantouse a Torre dos Correa no século XIV, con xurisdición sobre a desaparecida Vila da Barca, inmediata a ela e ao río ata que se trasladou despois da guerra do XVII para o lugar que agora ocupa a parroquial na parte alta. O nome víñalle da embarcación utilizada para cruzar o río. Tamén en 1321 D. Denis, o rei poeta, concede foro a Vila Nova de Cerveira e fortifícaa. Tempo máis tarde, no XVII, durante a Guerra de Restauración, o exército portugués constrúe un complexo sistema militar, que recolle as innovacións incorporadas no trazado e fundación de fortalezas para contrarrestar os avances da balística, con base en Vila Nova e cabeza en Goián, unidas por unha ponte de barcas, ata que asinada a Paz de Lisboa, en 1668, a coroa española ordena levantar unha fortaleza pétrea de catro baluartes, a actual de San Lourenzo, como contrapunto ás edificacións militares do lado portugués presididas polo antigo castelo gótico.

Ao longo da xeira teremos ocasión de ver e comentar o Pazo-Torre dos Correa, o Castelo da Nosa Señora da Concepción, a Fortaleza de San Lourenzo, o Castelo medieval de Vila Nova de Cerveira, o antigo embarcadoiro da Vila da Barca no Miño e o inicio do Camiño da Nosa Señora do Norte en territorio galego. Tamén falaremos da Atalaia do Espírito Santo, do Forte de Lobelhe, do Facho, do Forte das Chagas e do Castelo de Medos intentando contextualizalos no seu tempo. Farémolo durante as tres horas que nos levará percorrer os 3,4 Km. dunha xeira circular de baixa dificultade. O punto de encontro é o Pazo-Torre dos Correa. Todo o traxecto será acompañado de intérprete de lingua de signos.

 

 

Está en:  Inicio Arqueoloxia Artigos Asínase convenio para a investigación e divulgación do xacemento paleolítico en Arbo.
Skip to content
Asínase convenio para a investigación e divulgación do xacemento paleolítico en Arbo. PDF Imprimir Correo-e

Arqueoloxía - Novas
Domingo, 17 Xullo 2011 12:38
edu-carlos-xavier-simon-paula-lima

 
O alcalde de Arbo, Xavier Simón, e o director do IEM, Carlos Méixome, asinaron esta mañá, no salón de plenos da casa do concello de Arbo, un convenio de colaboración para iniciar unha segunda fase de escavación e investigación do importante xacemento paleolítico situado na finca d´O Cabrón, no concello de Arbo, así como realizar unha serie de actividades de divulgación dos resultados.

Na próxima semana un equipo de oito arqueólogos do Instituto de Estudos Miñoranos iniciará esta segunda fase de escavacións coa apertura de catro novas catas que ampliarán substancialmente a superficie escavada o pasado verán que achegou uns resultados espectaculares. Os investigadores consideran que esta segunda fase pode fornecer novos datos para coñecer os primeiros poboadores de Galicia.
O concello de Arbo achegará a cantidade de 1.000€ para sufragar os gastos de transporte e manutención dos arqueólogos voluntarios do IEM. O convenio abre as portas a futuras accións conxuntas entre o IEM e o concello. De forma inmediata contempla a realización de dúas xornadas de portas abertas a fin de que os veciños e veciñas de Arbo, ou outras persoas interesadas, poidan non só coñecer os traballos arqueolóxicos senón tamén recibir as explicacións dos investigadores sobre os achados. Así mesmo, ao remate desta nova fase de investigación, celebrárase, no Museo do Viño de Arbo, unha conferencia para dar conta dos resultados. Posteriormente realizarase unha exposición sobre os traballos arqueolóxicos e os seus resultados e elaboraranse unidades didácticas para os distintos niveis educativas.
Na rolda de prensa estiveron tamén presentes a concelleira de Cultura de Arbo, Paula Lima Casas, e o investigador Eduardo Méndez Quintas quen expresou o seu agradecemento tanto ao propietario dos terreos que facilitou en todo momento o labor dos investigadores como ao prospector arqueolóxico Manuel Ledo que descubriu o xacemento.
O alcalde de Arbo, Xavier Simón, sinalou a importancia deste convenio para coñecer os tempos máis recuados tanto no concello de Arbo como en todo o NO peninsular e amosou a disposición do goberno municipal a facilitar e impulsar os traballos arqueolóxicos que permitiran non só subliñar a particularidade de Arbo senón tamén abrir novos camiños de actividade económica.
O xacemento d´O Cabrón foi escavado polo IEM no verán de 2010 e permitiu definir un dos lugares de habitación humana máis antiga de Galicia e en mellor estado de conservación. A falta dunha datación máis precisa a tipoloxía instrumental permite situar o xacemento na tecnoloxía achelense que o situaría entre os 200.000 e o medio millón de anos. A comezos deste ano o arqueólogo Manuel Santonja e o xeólogo Alfredo Pérez González, ambos do Centro Nacional de Investigación en Evolución Humana (CNEIH) de Burgos visitaron o xacemento d´O Cabrón e amosáronse moi esperanzados polos datos que xa achegou e polo que poida fornecer.