Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

PRESENTACIÓN EN PONTEVEDRA D’A RELIXIÓN DO MAR o venres día 26 ás 20:00 horas.

PRESENTACIÓN EN PONTEVEDRA D'A RELIXIÓN DO MAR

O Ateneo de Pontevedra organiza a presentación, na libraría Paz desta cidade, do poemario A relixión do mar, de Xosé Iglesias Lamela, que obtivo en 2016 o IX Premio de Poesía Victoriano Taibo convocado polo concello de Gondomar e xestionado polo Instituto de Estudos Miñoráns.

O autor, mariñeiro en activo, rende neste libro unha homenaxe ao mar en todas as facetas con el relacionadas e faino coa forza, a autenticidade e a creatividade de quen ama profundamente o que fai e o que di; talvez por iso o poemario tivo unha traxectoria tan afortunada con abundancia de críticas favorables e presentacións en moitos lugares de Galicia. Agora tócalle recibilo a Pontevedra da man do tamén poeta (e máis cousas: profesor, etnógrafo, activista cultural) Calros Solla, gañador en 2011 do IV Premio de Poesía Victoriano Taibo coa obra Holocausto zacoe, que compite con esta en forza, creatividade e orixinalidade, aínda que nun rexistro totalmente distinto.

O acto terá lugar o venres día 26 ás 20:00 horas na Libraría Paz, situada en rúa Peregrina nº 29 de Pontevedra.

Está en:  Inicio Arqueoloxia Artigos Inicio da 3ªc campaña de escavacións arqueolóxicas no xacemento do Paleolítico Antigo d'O Cabrón (Arbo).
Skip to content
Inicio da 3ªc campaña de escavacións arqueolóxicas no xacemento do Paleolítico Antigo d'O Cabrón (Arbo). PDF Imprimir Correo-e

Arqueoloxía - Novas
Escrito por IEM   
Venres, 13 Xullo 2012 20:17
traballos-2011-b
traballos-2011-a
machada-de-man-2
machada-de-man-1
  • Anterior
  • 1 of 4
  • Seguinte

Por terceiro ano consecutivo inícianse traballos arqueolóxicos no xacemento do Paleolítico Antigo d'O Cabrón (Concello de Arbo). Este xacemento é o máis antigo dos coñecidos en Galicia, podéndose remontar máis aló dos 300.000 anos de antigüidade, e o que presenta unhas mellores condicións de conservación. Durante uns 10 días, un grupo de arqueólogos colaboradores da sección de Etnografía e Arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), baixo a dirección de Eduardo Méndez Quintas, realizarán traballos de escavación nos diferentes niveis de ocupación deste xacemento.

O Cabrón, unha chave para coñecer o posible hábitat do homo heildelbergensis ou homo neanderthal arcaicos.

A campaña deste ano ten como obxectivo principal a escavación en extensión dun dos niveis que ofrece mellor e maior concentración de materiais arqueolóxicos. Este nivel foi escavado de forma parcial en campañas precedentes e o estudo dos materiais recuperados na súa interior mostra notables diferenzas tecnolóxicas con respecto a outros niveis do xacemento, teoricamente máis antigos. Todo parece indicar que estamos nunha ocupación recorrente deste  lugar por parte de grupos diferente dun mesmo tipo de homínido (homo heildelbergensis ou homo neanderthal arcaicos*) que desenvolveron actividades diferenciadas (talla de ferramentas de pedra, consumo de animais e/ou vexetais,?) cunha tecnoloxía de tipo achelense, pero que parece mostrar compoñentes funcionais e cognitivas diferentes ao longo do tempo.

Outros dos obxectivos é recuperar conxunto de materiais arqueolóxicos máis amplos e significativos, que permitan ampliar os nosos coñecementos sobre as habilidades motrices e cognitivas destes grupos humanos, así como profundar nas actividades desenvolvidas no xacemento.

Como en anos precedentes realizásense diversas actividades de divulgación de forma paralela aos traballos arqueolóxicos, consistentes en xornadas de portas abertas, experiencias de elaboración e uso de artefactos paleolíticos ou conferencias.

Os traballos de datación poderían situar o xacemento entre 300 e 500 mil anos de antigüidade.

Finalmente este ano vanse a tomar as mostras para a datación absoluta do xacemento mediante o procedemento da Resonancia Paramagnética Electrónica (ESR), polo que ao longo do ano que vén teremos as primeiras datas absolutas para un xacemento Paleolítico Antigo de Galicia. Aínda que, desde a prudencia das investigacións en marcha, apúntase unha cronoloxía estimada próxima aos 300.000 anos, estudos recente doutras zonas próximas, permiten aventurar a posibilidade de que estas datacións poidan retroceder no tempo, aproximándose cara aos 500.000 anos. De confirmase este extremo, estariamos ante un dos xacementos con ferramentas de pedra de tipo achelense máis antigos da península ibérica. Estas datacións serán realizadas nos laboratorios de Geocronología do Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH) de Burgos. Estas medicións serán realizadas polo Dr. Mathieu Duval, responsable de grupo de investigación sobre Resonancia Paramagnética Electrónica do CENIEH.

Como en campañas precedentes, as investigacións están avaladas cientificamente polos doutores Manuel Santonja e Alfredo Pérez-González do CENIEH de Burgos. Así mesmo, os traballos de investigación non poderían realizarse desta forma, se non fose pola xenerosa axuda fornecida polo Concello de Arbo.