Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

XVIII XEIRA ALÉN MIÑOR A CORUÑA E A MARIÑA CORUÑESA (24-25 de novembro)

As primitivas dimensións da Coruña ocupaban o que hoxe se coñece como Cidade Vella. Era A Coruña intramuros, e tanto o seu trazado como a súa arquitectura explican a historia desta cidade.A Cidade Vella fíxose á medida humana.Pedra, vidro e madeira mesturáronse para dar acubillo a fidalgos como a artesáns ou mariñeiros. A Porta Real foi a primeira entrada á primitiva cidade.

Moito que ver ou recoñecer nesta cidade vella, acompañados por un guía que é un dos referentes da cultura contemporánea do país, Felipe Senén.

A sede oficial da Real Academia (edificio dezaoitesco), noutro tempo propiedade de Pardo Bazán, moi preto da Colexiata de Santa María (principios do sc. XIV) que foi a igrexa dos gremios do mar e do comercio

Na contorna sitúase a Praza de Azcárraga. Está trazada sobre dous planos diferentes. No máis elevado enmárcase a antiga praza da Fariña, en cuxa bonita bóveda se acubilla a fonte do Desexo; no plano inferior está o palacio neoclásico da rexión militar noroeste, que data de 1740 e que acolleu a constitución da Xunta Suprema do Reino de Galicia en 1808, con motivo do alzamento coruñés contra as tropas napoleónicas.

O Convento de Santo Domingo levantouse a finais do século XIII, foi incendiado polos homes de Francis Drake a fins do XVII. A Igrexa data do século XVII e é de estilo barroco galego.

Moitos persoeiros, aventureiros, escritores, filósofos, científicos, ou persoas sen título como María Pita, que se enfrontou a Drake ou lideraron a resistencia ós franceses, viviron ou tiveron relación coa cidade. O Duque de Toscana, Cosme de Medicis, nunha das súas viaxes de coñecemento, o mariño Alejandro Malaspina, militares ou estadistas, como Porlier ou Melchor de Macanaz. Sir John Moore (repousa nos xardíns de San Carlos). Personaxes, espíritos da cidade ou simples cidadáns que inspiraron á Condesa de Pardo Bazán en "A Pedra Angular" ou a obra de Murguía e de Rosalía, os que xogaron co neno Pablo Picasso, que iluminaron o pensamento de Wenceslao Fernández Flórez ou de Salvador de Madariaga.

A cidade vella agocha máis recunchos queridos polos seus veciños, como o A Praza e O Convento das Bárbaras, próximos o Castelo de San Antón (hoxe Museo Arqueolóxico), antiga fortaleza do século XVI que se edificou sobre unha illa para protexer a entrada da ría dos ataques do pirata Drake. Ou o arquivo do Reino De Galicia (1775), que está encargado da recollida, custodia e posta a disposición do público da documentación de ámbito galego e provincial, xerada por diversos organismos de carácter xudicial ou administrativo con sede na provincia da Coruña.

 

Está en:  Inicio Artigos A causa contra Paco Mandado e as interioridades da vida baionesa
Skip to content
A causa contra Paco Mandado e as interioridades da vida baionesa PDF Imprimir Correo-e

Memoria histórica - Artigos
Mércores, 17 Agosto 2011 21:55
causa-paco-mandado-250
Download this file (A causa contra Paco Mandado e as interioridades da vida baionesa.pdf)
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Unha das curiosidades do período da II República en Baiona é a importancia que tiveron, entre os dirixentes políticos e sindicais das esquerdas e, tras a sublevación militar, defensores da legalidade democrática, tres parellas de irmáns: os Ineses, Luís e Pepe; os Villafines, Agustín e Pepe, e os Mandado Marcote, Joaquín e Francisco. Os dous primeiros matados en Sabarís o 13 de outubro de 1936; os Villafines, ao igual que Joaquín Mandado Marcote, encartados e condenados na causa 138/1936, que poderíamos denominar como a causa xeral contra Baiona.
Contra o irmán deste último, Francisco, instruíuse causa propia, a 917/1936, que quedou sobresida o 19 de novembro de 1936. En todo caso Francisco Mandado Marcote estivo preso dende o 8 de agosto, data na que foi detido polo impresentable, pero sempre presente, Cabo Pena ata, que saibamos, a data de sobresemento. Primeiro no deposito municipal de Baiona e despois no cárcere de Vigo.
A lectura da causa ten o seu interese tanto para coñecer as relacións entre as xentes de esquerda, defensores da República, e os dereitistas que apoian a sublevación militar, como para coñecer os grupos sociais e ideolóxicos agrupados en torno aos militares facciosos.
Iniciase, sorprendentemente, tras o atestado realizado polo Cabo Pena no que se recolle unha tirapuxa de café. Juan Manuel Santos Ramos declara ante o Garda Civil que tivo unha discusión no Café Oriental co "significado comunista" Mandado Marcote. A testemuña deste mozo comerciante baionés, que debeu facer os seus bos negocios naquela altura xa que ao longo da causa sabemos que non pode prestar de novo declaración por atoparse levando alimentos á fronte de Asturias, sírvelle ao Cabo Pena para deter a Francisco Mandado Marcote e provocar a instrución dunha causa na súa contra.
Unha primeira apreciación, que se desprende tamén da lectura doutras causas, é que entre o 17 de xullo en que comezaron a percorrer a vila os primeiros rumores sobre a inminencia do golpe militar e o 24 en que, ás 11 da mañá, entraron na mesma os sublevados, a vida na vila mariñeira seguiu a desenvolverse con certa normalidade dentro da evidente tensión do momento. Os dereitistas máis significados seguiron coa súa vida, mesmo o Presidente Provincial de Acción Popular, Celso Méndez Brandón, de veraneo na vila, non deixou de dar paseos entre os grupos armados, sen ser molestado a pesar de ser coñecido, como se desprende da lectura da causa 138/1936. Outra cousa é que personaxes de moito relevo, con evidente información privilexiada, como é o caso do Presidente e do Secretario da patronal dos armadores, Joaquín Pazo Nartallo e José Vilar Fernández, respectivamente, optasen por marchar da vila o 17 de xullo e pasasen aqueles días en Vigo.
Volvendo ao caso de Paco Mandado, o Cabo Pena tíñao "enfilado". Tanto por ser para el un elemento perigoso que serviu de enlace ao goberno municipal e aos lideres sindicais, como por ser un protexido de "certos señores da vila". Cando Pena ve que a instrución non vai dar de si fai aparecer unha nova testemuña que se presenta voluntariamente en Vigo e acusa a Paco Mandado de estar cun grupo colocando pedras no comezo da rúa Elduayen a fin de impedir o acceso das tropas. A acusación era grave xa que convertería o delito en "rebelión militar", na vez de "auxilio á rebelión" que era como se estaba a instruír. A nova e repentina testemuña, preséntase a finais de outubro despois de que o instrutor emitise o auto de procesamento.
Esta nova testemuña obrigará aos "protectores" de Paco Mandado a empregarse a fondo, nomeadamente ao farmacéutico José Barreiro Álvarez, Alcalde presidente da xestora, nomeado polo Comandante Militar de Baiona, Capitán Blanco. O boticario para salvar ao Paco Mandado ten que declarar que o 24 estivo a almorzar na súa casa e ambos presenciaron a entrada das tropas na vila dende a porta da farmacia. Como remate tivo que poñer o heroísmo dos mortos sobre a mesa ao dicir, no seu informe oficial, que sabía que o Paco Mandado era confidente secreto do seu fillo José Barreiro Troncoso, falecido na fronte de Sigüenza, ao que informaba do pensamento dos dirixentes reunidos na Casa do Concello. Tampouco os sectores vinculados á igrexa deixan de apoiar ao detido, comezando polo propio párroco José Perón Martínez e polas "señoras de Baiona" relacionadas co convento das Dominicas e a catequese, como é o caso de Carmen Troncoso Pérez e da irmá do alcalde, Amparo Barreiro Álvarez.
Outra actitude vai ser a dos armadores. Aínda que non amosan a obsesiva teima do Cabo Pena contra o detido pero non esquecen o seu destacado papel no Sindicato da Industrias Pesqueras de Baiona, adherido a CNT, que presidía o seu irmán Joaquín. Por iso lembran a súa participación na folga de 1931. Sobre a que se declarara a principios de xullo de 1936, Pazo Nartallo, para quen traballaba Paco Mandado como maquinista, di descoñecer que posición tomou pero que ben podía ser que se tivese oposto á mesma. Esta actitude explicaría que na causa, en varias ocasións, Paco Mandado é cualificado como "traidor e vendido á patronal".
Tampouco fica moi clara a relación do detido cos dirixentes municipais e lideres obreiros. É posible que as desavinzas por motivo da folga estivesen aínda frescas, mais tamén o é que o Paco Mandado actúase de intermediario entre os dereitistas locais e as autoridades municipais como deixa entrever o Alcalde Agustín Villafines na causa 138/1936 na que di que foi el quen deu a orde de protexer o convento e a bomba de gasolina (propiedade de José Barreiro Álvarez e vixiada por Paco Mandado) e mesmo que lle ofreceu a súa casa aos dereitistas que tiñan medo. A presenza do detido tanto na Casa do Concello, onde se escoitaban emisoras de Madrid, como na casa de Eduardo Lira, na que se conectaban as que xa estaban en poder dos sublevados, é posible que obedecese a este intercambio de información. É este hipotético servizo de enlace o que leva ao Cabo Pena a realizar uns atestados demoledores contra o detido ao que cualifica de perigoso para a sociedade, revolucionario, comunista avanzado, afiliado á CNT e de hipócrita, así como a acusalo de colaborar co seu irmán Joaquín na colocación dunha bomba, durante a folga de mariñeiros de 1931, na casa de Policarpo Vilar Ochoa.
En calquera caso a sociedade baionesa, como a galega ou a española, na altura de 1936, era moito máis complexa que a que se pode desprender do simple retrato de dous bandos irreconciliablemente enfrontados. A maioría agardaba o trunfo ou esperaba o fracaso dun golpe de Estado e non o mar de sangue que afogou a liberdade durante catro décadas.