Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

PROSPECCIÓN ARQUEOLÓXICA, DOCUMENTACIÓN E RESTAURACIÓN DOS PETRÓGLIFOS DE GARGAMALA (Mondariz, Pontevedra)

Este proxecto de prospección arqueolóxica, documentación e restauración dos petróglifos de Gargamala (Mondariz), promovido polo Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, será executado polo equipo técnico multidisciplinar do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) dirixido e coordinado polo historiador e arqueólogo Xosé Lois Vilar Pedreira e do que forman parte: María Dolores Álvarez Rey, Eloy Martínez Soto, Bruno Centelles García, Xilberte Manso de la Torre, José Antonio Viña Arias, Eduardo Méndez-Quintas, Andrea Serodio Domínguez, Manuel Ledo Bernárdez e Jesús Rodríguez Diéguez coa colaboración especial, nas tarefas de prospección, de Cándido Verde e José Álvarez Alonso (O Buraco).

Nos días 5 e 6 de outubro de 2018 un incendio arrasou 150 Ha das parroquias de Sabaxáns e Gargamala (Mondariz) que afectou a área nuclear dos petróglifos de Gargamala con distinto grao de incidencia (termoclastos, ennegrecemento da superficie, arrastes de depósitos sobre as superficies) e deixando unha paisaxe depauperada e a pracer dunha forte erosión da tona terrea.

O conxunto de petróglifos obxecto desta actuación sitúase entre os 400 e os 470 m.s.n.m.. A gran maioría deles ocupando a parte alta dos outeiros (GA 36030023-18-11), as valgadas entre eles no caso do Campado (GA 36030055-14-15-54), chans como Campo Redondo (GA 36030038) cun amplísimo dominio visual ,que chega á Serra do Galiñeiro, parello ó emprazamento dos petróglifos da Coutada (Taboexa, As Neves) ou As Portaxes no Monte Tetón (Tebra, Tomiño) tamén obxecto de prospección, estudo, posta en valor e musealización por parte do Instituto de Estudos Miñoráns.

Na zona de actuación destaca a presenza dun ulleiro aproveitado polos veciños para a traída de augas doméstica e na outra vertente hai varios muíños hidráulicos.
Estamos ó redor das coordenadas 545.686/4.679.970 
(datum: ETRS 1989, fuso 29).

Esta concentración de petróglifos atópase na parroquia de Gargamala, no concello de Mondariz, composta polas aldeas de Vedrelos e O Soutiño na zona meridional e A Rúa, Mourelle, Boente e O Barro. A parroquia está rodeada por Frades, Riofrío, Sabaxáns e Toutón como freguesías do mesmo concello e polo norte polas de Traspielas e Ventín do concello de Fornelos de Montes. Estamos no sur do Suído nun mundo de serra onde as aldeas escasean e foi zona tradicional de pastoreo que deixou pegadas etnográficas nos chozos, neveiras, cerres para o gado e nos foxos de lobo.
Estamos no val medio-alto do río Tea cara o que drenan os núcleos habitados de Gargamala. A zona noroeste do Castro Chouso, O Foxo do Lobo, A Chan de Cairón... botan as augas no río Barragán que desauga no río Oitavén ó pé do castro da Cidade (Calvos, Fornelos) na mesma presa das Eiras.


Está en:  Inicio Artigos O Forestal de Baiona e o Hotel de Canido
Skip to content
O Forestal de Baiona e o Hotel de Canido PDF Imprimir Correo-e

Memoria histórica - Artigos
Venres, 19 Agosto 2011 22:54
Hotel de Canido
Aínda que natural de Arbo, onde se establecería tras cumprir a pena de prisión, Jaime Martínez Estévez residía, na altura de 1936, en Baiona. Na vila mariñeira, que os fachendosos denominan real, traballaba de Garda Forestal. Alí transcorría a súa vida en tempos axitados pola crise económica mundial, o ascenso dos fascismo en Europa e as tensións políticas da II República, até que se produciu a sublevación militar do 18 de xullo.
Dous días despois declarouse o Estado de Guerra en Vigo. Na tarde do 21, tropas ao mando do Tenente Coronel Canellas tomaron posicións en Canido. Poucas horas despois o mando militar deixou un retén de oito soldados e abandonou a aldea mariñeira de incipiente turismo. Coñecedores da sublevación militar en Vigo os miñoráns leais á República organizaron, como puideron e coas armas que toparon, un desesperado intento de deter as tropas no cruce de Canido ; mentres os de Gondomar tentaron impedirlle o paso na ponte da Pasaxe, en Vincios. En varias camionetas dirixirónse a Vigo, dúas delas, unha que partiu de Baiona e outra de Panxón, á noitiña, ficaron nas proximidades da estación do tranvía de Canido
Na camioneta de Baiona ía tamén Jaime Martínez Estévez que, segundo se desprende da causa 297/1936 contra el instruída polo Capitán de Infantería Adolfo Sobrino Sotelo e despois polo Comandante de Infantería Benito Otero Brage, debeu regresar a Baiona esa mesma noite. O 24, cando as tropas tomaron Baiona, o Forestal presentouse ante as autoridades golpistas e continuou co seu traballo até o momento no que a resultas da denuncia presentada polo hostaleiro de Canido Jesús González Estévez, coñecido segundo informacións orais como "O Cochón", foi detido, polo Brigada de Carabineiros de Bouzas Jesús Camacho Gómez. Era o primeiro de agosto de 1936. Comezaba a terrible persecución que asolaría o noso país nos meses seguintes.
Jaime foi acusado polo hostaleiro e por dous militares que estaban de veraneo de portar unha pistola e practicar un rexistro na procura de armas no hotel. O detido acepta as acusacións pero aduce que foi forzado polos dirixentes entre os que cita aos máis coñecidos, os irmáns Luís e Pepe López Luís e Pepe "O Bagullo".
Os informes máis negativos contra Jaime chegan de Baiona. O Capitán Blanco, comandante militar de Baiona, di que non se presentou voluntariamente senón forzado, mentres que o Cabo da GC, Pena, di del que é de pésima conduta, que se emborracha con frecuencia, que non cumpre co seu deber e que é de dominio público que bate na súa muller e que se non o tivo denunciado antes da sublevación militar foi polos grandes apoios que tiña ao ser de ideas esquerdistas moi avanzadas.
As cousas non se lle presentaban nada ben ao detido e procurou un bo defensor, nada máis e nada menos que a Valentín Paz Andrade. O avogado presenta as súas consideracións o cinco de setembro. Paz Andrade argumenta que o seu defendido foi obrigado, que nese momento aínda non estaba declarado o Estado de Guerra en Baiona e que Jaime ignoraba que en Canido (Vigo) si, que non cometeu ningún acto violento, que a pistola que levaba foille retirada polos acompañantes despois do rexistro e que animou a estes a non facer máis rexistros e marchar, que se retirou a Baiona ese mesma día, que se presentou voluntariamente aos militares e prestou servizo como Garda Municipal ata o día que foi detido.
A estratexia defensiva de Paz Andrade estaba ben argumentada e para consolidala solicitou a testemuña de varios veciños de Baiona, informes dos distritos forestais da Coruña e Pontevedra así como un careo entre o detido e o Capitán Blanco. Máis os militares non estaban para debates legais senón para reprimir baixo formalidades aparentes. O instrutor non admite a petición de informes nin a declaración das testemuñas, porque só servirían para dilatar o proceso, agás a do Presidente da Xestora de Baiona, José Barreiro Álvarez e do Garda Municipal Justo García, as dúas favorables a Jaime, e rexeita o careo entre o detido e o Capitán Blanco polo mesmo motivo e porque de non coincidir as declaracións só se podería ter en conta a deste último.
Mais era evidente que os sublevados non ían permitir sutilezas xurídicas cando se estaban a celebrar en Vigo entre catro e cinco Consellos de Guerra diarios. O seis de outubro comunicáselle ao procesado que o seu defensor, Paz Andrade, abandonaba o caso por atoparse fora da cidade por tempo indefinido. O detido nomea un novo defensor civil Rafael Quintana Aubert que non acepta por ter moito traballo.
Finalmente vai ser defendido polo Alférez de Complemento, José Queizán Hermida, pai da escritora contemporánea, que segue a liña argumental de Paz Andrade e rexeita o relato dos feitos do fiscal militar e logra que o Consello de Guerra, celebrado o 17 de decembro de 1936 na sala da Audiencia do Palacio de Xustiza de Vigo baixo a presidencia do Tenente Coronel de Infantería Retirado Félix León López considere o delito como "auxilio á rebelión" e non de "rebelión" como pedía o Fiscal e que a pena sexa de 15 anos de reclusión temporal e non a de reclusión perpetua como solicitaba a acusación militar exercida polo Alférez Honorífico do corpo Xurídico Militar José María Puga Ramón.
Acertara Jaime ao elixir defensor pois como deixou escrito Josefa García Segret no seu libro Abajo las dictaduras, Queizán Hermida xuntaba á súa condición de avogado a de Álferez, e a ambas a honestidade persoal. Foi tamén o defensor da viúva de Hipólito Gallego Camarero, o mestre de Forcadela asasinado en Mondariz, e mesmo quen a puxo na pista de simular o embarazo que ao final lle salvaría a vida, coa colaboración, entre outros do doutor Dario Álvarez Blázquez.
Jaime pasou tres anos na cadea. En Vigo primeiro, na illa de San Simón e na prisión de Astorga. O 28 de setembro de 1940 foille concedida a prisión atenuada baixo vixilancia no seu domicilio na parroquia de San Xoán, no concello de Arbo. O 23 de xaneiro de 1943 foille conmutada a pena de 15 anos por tres e o 5 de febreiro a Garda Civil de Arbo comunicoulle que deixaba de estar baixo vixilancia. Finalmente, en maio de 1943, o Capitán Xeral ordenou o arquivo das actuacións.
Nada máis sabemos da súa vida truncada pola persecución desatada pola sublevación militar de xullo de 1936, pero de seguro que non foi moi doada.