Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Presentación do libro " Na casa da avoa" de Marta Dacosta o venres 21 de abril ás 20:00h

O venres 21 de abril ás 20:00h terá lugar a presentación do libro " Na casa da avoa" de Marta Dacosta, na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avenida da Feira, 10 baixo en Gondomar.

Acompañada por María Reimóndez (escritora) e Franciso Castro (Editorial Galaxia)

Interpretarán poemas: Carlota Mosquera, Marta Fialho, Noelia Flannagan e Aldán Dacosta (estudantes da ESAD)

Na casa da avoa

Na casa da avoa é unha reflexión tecida con tres fíos: o da literatura, o da historia e o da vida. O tear en que se encontran mulleres míticas e mulleres reais, personaxes literarias e personaxes históricas, todas invisíbeis, porque se unhas son anónimas, outras, malia teren nome e coñecérmolo, foron deformadas, asimiladas e precisamos re-coñecelas.

Estas mulleres son as nosas avoas. Eses seres fabulosos que nos coidaron, que nos amaron e nos inculcaron dunha forma sutil, mais constante, o desexo de rebelarnos ou revelarnos, retirar os veos para vernos como somos, para descubrirnos, coñecernos. Abrazarnos tamén.

Avoas que nos sementaron a necesidade de falarmos coa nosa propia voz. E chegou o tempo de sermos nós as que falemos de Medea, Nefertiti, Ofelia ou Urraca.

Na casa da avoa é un libro de poesía, mais ten vocación de "cobertor desmesurado para abrigar as nosas almas do silencio". Por iso nas súas páxinas hai mulleres de carne e óso, as avoas que nos foron parindo, xeración tras xeración.

 

Está en:  Inicio
Skip to content
Presentación " Un cesto de mazás" de Montse Fajardo o venres 17 de marzo ás 20.30 horas no Mercado de Tomiño PDF Imprimir Correo-e

Escrito por IEM -Sec   
Mércores, 15 Marzo 2017 00:52
cartel un cesto de mazs

O vindeiro venres 17 de marzo ás 20.30 horas no Mercado de Tomiño terá lugar a presentación do libro"Un cesto de mazás". Intervirán:

Xosé Lois Vilar do Instituto de Estudos Miñoráns,

Sandra González Álvarez, alcaldesa de Tomiño,

Luís Bará, autor de " Non des a esquecemento" e

Montse Fajardo, autora de " Un cesto de mazás"

“A idea de poñerlle este título ao libro naceu cando, non hai moito, Luís Bará tivo o aceno de levarlle a Tucha, filla dun represaliado, un cesto de mazás”.Ese cesto “representa a ofrenda que lle facemos todas ao lembrar esa parte do pasado colectivo, pero tamén individual e profundamente íntimo, que determinou negativamente a vida de tantas persoas. Proxectar luz sobre esa verdade silenciada é a nosa homenaxe ás vítimas, que non foron só as que perderon a vida, senón todas aquelas que viviron o desgarro, o trauma de perder un ser querido e soportaron o estigma social, padecendo penurias e humillacións por riba de tanta dor”.

Sinopsis

“Este libro fala de persoas detidas, fusiladas, asasinadas en cunetas, agochadas durante anos en tobos de cortes ou ocos de cociña, humilladas. Fala de foxas, batallóns, depuracións, cárcere e exilio. Das vítimas evidentes pero tamén das outras. Das nais que pasean de noite na procura da Santa Compaña para ver unha vez máis o fillo fusilado. Das que perseguen a morte nas entrañas dos pozos para reencontraren con el. Das nenas que miran pola ventá unha escola na que non teñen cabida as irmás dos rojos. Das obrigadas a bordar panos para recoller as bágoas que aínda lles quedan por verter. Das viúvas que trasladan o cadaleito a soas. Dos orfos que marcan co pau da luz as foxas sen nome”.