Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

PROSPECCIÓN ARQUEOLÓXICA, DOCUMENTACIÓN E RESTAURACIÓN DOS PETRÓGLIFOS DE GARGAMALA (Mondariz, Pontevedra)

Este proxecto de prospección arqueolóxica, documentación e restauración dos petróglifos de Gargamala (Mondariz), promovido polo Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, será executado polo equipo técnico multidisciplinar do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) dirixido e coordinado polo historiador e arqueólogo Xosé Lois Vilar Pedreira e do que forman parte: María Dolores Álvarez Rey, Eloy Martínez Soto, Bruno Centelles García, Xilberte Manso de la Torre, José Antonio Viña Arias, Eduardo Méndez-Quintas, Andrea Serodio Domínguez, Manuel Ledo Bernárdez e Jesús Rodríguez Diéguez coa colaboración especial, nas tarefas de prospección, de Cándido Verde e José Álvarez Alonso (O Buraco).

Nos días 5 e 6 de outubro de 2018 un incendio arrasou 150 Ha das parroquias de Sabaxáns e Gargamala (Mondariz) que afectou a área nuclear dos petróglifos de Gargamala con distinto grao de incidencia (termoclastos, ennegrecemento da superficie, arrastes de depósitos sobre as superficies) e deixando unha paisaxe depauperada e a pracer dunha forte erosión da tona terrea.

O conxunto de petróglifos obxecto desta actuación sitúase entre os 400 e os 470 m.s.n.m.. A gran maioría deles ocupando a parte alta dos outeiros (GA 36030023-18-11), as valgadas entre eles no caso do Campado (GA 36030055-14-15-54), chans como Campo Redondo (GA 36030038) cun amplísimo dominio visual ,que chega á Serra do Galiñeiro, parello ó emprazamento dos petróglifos da Coutada (Taboexa, As Neves) ou As Portaxes no Monte Tetón (Tebra, Tomiño) tamén obxecto de prospección, estudo, posta en valor e musealización por parte do Instituto de Estudos Miñoráns.

Na zona de actuación destaca a presenza dun ulleiro aproveitado polos veciños para a traída de augas doméstica e na outra vertente hai varios muíños hidráulicos.
Estamos ó redor das coordenadas 545.686/4.679.970 
(datum: ETRS 1989, fuso 29).

Esta concentración de petróglifos atópase na parroquia de Gargamala, no concello de Mondariz, composta polas aldeas de Vedrelos e O Soutiño na zona meridional e A Rúa, Mourelle, Boente e O Barro. A parroquia está rodeada por Frades, Riofrío, Sabaxáns e Toutón como freguesías do mesmo concello e polo norte polas de Traspielas e Ventín do concello de Fornelos de Montes. Estamos no sur do Suído nun mundo de serra onde as aldeas escasean e foi zona tradicional de pastoreo que deixou pegadas etnográficas nos chozos, neveiras, cerres para o gado e nos foxos de lobo.
Estamos no val medio-alto do río Tea cara o que drenan os núcleos habitados de Gargamala. A zona noroeste do Castro Chouso, O Foxo do Lobo, A Chan de Cairón... botan as augas no río Barragán que desauga no río Oitavén ó pé do castro da Cidade (Calvos, Fornelos) na mesma presa das Eiras.


Está en:  Inicio
Skip to content
XEIRA IEM-Tomiño-Pinzás- “Ouro, estrelas e lobos” Mércores,16 de agosto, ás 20:00 h. PDF Imprimir Correo-e

Xeiras - Calendario
Escrito por IEM -Sec   
Domingo, 13 Agosto 2017 23:49
captura de pantalla 2017-08-13 a las 23.22.42
O vindeiro mércores 16 de agosto, gozaremos dunha nova xeira polo concello de Tomiño na parroquia da Pinzás "Ouro, estrelas e lobos", dentro do programa das xeiras de verán 2017 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada por Xosé Lois Vilar e Bruno Centelles .
A xeira ten como punto de encontro a Casa de cultura de Pinzás ás 20:00h. Non é necesaria a inscrición previa.
Detalles e recomendacións:
Dado que parte do percorrido será nocturno recomendamos levar lanternas e, previsoriamente, roupa de abrigo. Non sobrará algunha manta ou toalla grande para pór no chan e poder mirar para o ceo nunha posición cómoda.
Enlace ao punto de encontro:
AS MINAS DE OURO ROMANAS. OS BURACOS DOS MOUROS E OUTRAS
No longo paseo por Pinzás imos ollar unha explotación aurifera romana: Os Buracos dos Mouros, aínda que hai máis no Recosto de Curuxeiras, no lombo de Reinosos, no Lombo do Cazón, todas en Pinzás e continúan nos montes de Barrantes na Tomada do Ferreiro, A Cova da Vela, As Covechas da Cruz do Viso, A Covecha do Carballo, As Minas Vellas ou de considerable tamaño na Presa da Auga, A Regueira do Penedo ou O Buraco da Cova do Loureiro.
PINZÁS. AS VEIGAS DO MIÚDO
Pinzás é unha aldea situada a 350 metros de altura, composta polos barrios da Alpuxarra, Os Muros e A Igrexa. Vista dende a capital do concello fica alá lonxe, pé da Serra da Groba; vista dende O Val Miñor é a primeira fregresía, é a porta de entrada a Tomiño. Esta condición de lugar de ingreso fai que estreme con Oia, Gondomar e Baiona e coa s parroquias de Barrantes, Burgueira, Belesar, Santa Baia, Causo e Tebra. Os preitos polas estremas e pola terra son centenarios, polo menos dende o século XVII ata que en 1851 a Audiencia de Galicia dictamina gravar ben gravados os marcos nas Pinisas, na Boca do Cereixo, na Casa do Loureiro da Portavedra e no Outeiro das Mas, co nome das fregresías estremantes e a data (1851). Hoxe parte destes marcos son historia e monte de Gondomar. Por empeño dos veciños e repetidas peticións ó bispado de Tui, Pinzás escindiuse de Santa María de Tebra en 1761 cumprindo as peticións eclesiásticas: casa reitoral, igrexa e propiedades para provisión de lume do Santísimo que eran dúas tomadas fechadas, A Tomada da Igrexa de Abaixo e A Tomada da Igrexa de Arriba, e unha propiedade aberta: A Tomada das Almiñas. Pinzás é unha aldea de altura coas casas na cota dos 350 metros pero superando os 580m. na Boca da Calzada en contacto con Burgueira e con Barrantes. Pinzás é unha aldea de altura polo patrimonio natural e cultural que atesoura.
O PATRIMONIO NATURAL. AS AUGAS
Canto o patrimonio natural comparte chan e humedais con Santa Baia e Mañufe, xa que aquí temas as fontes do río principal que atravesa todo o concello até desbeber no Miño acolá en Forcadela. Falamos do Cereixo. Esta vea de auga nace na Fonte Salgueira que ten dúas minas que xuntan augas coa s que baixan da Fonte de San Benito para formar o Arroio Fial que lago será O Río Salgueiro que recibe pola esquerda as augas que baixan de Valdepereiras e da Regueiriña Verde e do Pozo das Truitas e das de Madruga e pola dereita das Campurras, da Fonte das Pulgas, da Fonte Arbela e da Fonte Grande que van conformando O Río Grande que segue recibindo pequenas regueiras da Poza da Auga , de Canteiro, dos Arroíños, das Tomadas de Sabarís, da Costa, ... Pola dereita aínda baixa O Río do Portiño que xunta nos Fiales as augas de varias regueiras (Verde, Castaños, Cava do Gato, ... ) e O Río do Pozo Negro, antes Río Frío que vén de Cavas resumindo Os Carballos Cortados, O Escampado dos Parcos, O Fondón, A Vista Branca, Cavas do Medio, Cavas de Fidalgo, O Estripeiral Pequena, O Penedo dos Millos, a de Serra de Cavas ou O Estripeiral Grande que fende profundamente Os Buracos dos Mauros até A Chan da Poza. Outra manchea de regueiras e regueiriñas botan as augas ó Río Mau que se xunta ca Río Grande por baixo do Muíñode Donato. O Río Mau é A Regueira da Gata Saída que vén congregando todas as vías acuáticas que baixan do Bordo da Poza, ben en monte de Vilachán, ben en monte de Pinzás: As Guteiriñas, Puma riñas As de Vermello, de Campos, da Casiña, da Tomada do Ferreiro. E que lago son Reinosos, Os Barreiros, O Niño Torta, de Pausa, do Grasudo, De Feixoeiro, das Alburas, ...
PEDRAS SOLTAS E ENTERRAMENTOS. A MORTE HAI 6000 ANOS
Pero Pinzás non leva habitado dende uns anos antes de separarse de Tebra. Nin tampouco uns centos de anos xa que en distintos sitios da Chan do Cereixo teñen aparecido pedras de cuarcita traídas do Miño e traballadas hai 200.000 ou 300.000 anos, no que en prehistoria se chama paleolítico. O sitio gustáballe: auga e caza. Vindo máis para acá no tempo consérvanse, polo menos catro enterramentos de hai 5000 ou 6000 anos, o que chamamos mámoas e que están, dúas, na Casiña do Ouro, outra preto da Tomada da Igrexa de Arriba e a cuarta no Escampado dos Parcos.

REMATE DA XEIRA COA NOITE DE ESTRELAS

Remataremos esta xeira, xa en plena noite, facendo un alto no camiño para falar do firmamento, de estrelas e constelacións, de planetas… e das “Bágoas de San Lourenzo”.

Como cada ano, a mediados de agosto, convocámonos para contemplar xuntos una das chuvias de estrelas máis agradecidas de todo o ciclo anual: “As Perseidas”, tamén coñecidas como as “Bágoas de San Lourenzo”.

É certo que as noites máis propicias para a súa observación foron as desta pasada fin de semana, especialmente a do sábado para o domingo, pero tamén é certo que naquela altura tiñamos Lúa chea, o que dificultaba bastante a contemplación do ceo nocturno. Nas xornadas inmediatamente anteriores a situación era aínda peor coa Lúa aparecendo polo leste cada vez máis cedo e cada vez máis chea.

Falaremos das “Cousas do calendario”, dos movementos do noso pequeño planeta e das estacións do ano, de distancias e de tempos, da velocidade da luz, dos corpos celestes e tamén das principais estrelas e constelacións da noite estival.

Compartiremos un pouco da historia da astronomía e dalgunhas “historias” da astronomía e remateremos falando de cometas de estrelas fugaces e meteoritos…