Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

PROXECTO EQUUS CONFIRMANDO O NOVO PARADIGMA. A ARTE DESPOIS DOS LUMES.

PROXECTO EQUUS
CONFIRMANDO O NOVO PARADIGMA.

A ARTE DESPOIS DOS LUMES.

Hoxe, venres 29 de decembro, nunha roda de prensa no salón de actos do Centro de Interpretación do Patrimonio de Taboexa (As Neves) presentouse ao público a que, sen dúbida, é a mellor superficie de arte rupestre descuberta en Galicia nas últimas dúas décadas.

Estiveron presentes na mesa Xosé Manuel Rodríguez, alcalde de As Neves; Cándido Verde, Xosé Álvarez "O Buraco" e Xilberte Manso, descubridores do petróglifo, Xosé Lois Vilar, Eloy Martínez e Manolo Ledo, da sección de arqueoloxía do IEM, acompañados polo presidente da Comunidade de Montes de Taboexa.

Os participantes apoiaron as súas intervencións na proxección de fotografías e renderizados de modelos 3D resaltando as principais características e singularidades do conxunto de petróglifos descuberto.

Ó remate da roda de prensa desprazáronse á zona do descubrimento para completar as súas explicacións.

Desde o Instituto de Estudos Miñoráns continuaremos cos traballos que nos leven a completar o estudo deste extraordinario conxunto de gravados rupestres considerado xa un dos mellores de Galicia polo seu tamaño, pola súa tipoloxía e pola cantidade e variedade de figuras representadas.

Está en:  Inicio
Skip to content
"Nomes ardidos"- Xosé Lois Vilar Pedreira PDF Imprimir Correo-e

Escrito por IEM -Sec   
Luns, 28 Agosto 2017 19:55

NOMES ARDIDOS

 

A Castor Alonso Cambra

 

Hai unha ducia de anos xa miramos arder o monte de Peitieiros. E coma un reducio volveu no 2013. Este luns todo comezou na metida do sol, a iso das 10, en catro puntos distintos, a 450 metros de altura, no seo dos eucaliptos fillos dos lumes anteriores. E cos eucaliptos todo ardeu: toxo e xestas, fento seco, silvas e tamén carrasco branco.

É o monte do traballo que Rita e Jesús, membros do Instituto de Estudos Miñoráns, están sacando adiante para recoller os nomes da nosa terra, labor cada día máis difícil pola desvinculación dos veciños do monte desde hai décadas. E repoboación a eito, e emigración alén mar e transpirenaica, e unha masa de eucaliptos que non deixa ollar os cotos nunha orografía dura, pina, dificultan levar avante a investigación do IEM. Estamos falando dunha aldea emprazada nos 100 metros sobre o océano Atlántico postwürmense e un monte que roza os 600 metros no pericoto máis alto a pouco máis dun quilómetro das casas.

O problema toponímico solucionóunolo o home da beira do título. Castor Alonso fará oitenta e cinco anos no próximo outubro. Do barrio da Area. Camiñou descalzo estes montes. Gran contador. Tanto toca Suiza –foron vinte anos acolá–, como a compra e venda de burras ou as cabras e ovellas a pastar mentres xogaban ó fenete ou fuxían cara Doude do home do unto que pinchou por riba da Regueira das Chedas.

Castor, o noso informante toponímico, guiounos moitas xornadas ordenadamente polo monte de Peitieiros até achegarnos perigosamente ós dous centos de nomes, que hoxe e aquí non imos citar, pero si indicarvos as estremas do lume, os nomes queimados con premeditación e nocturnidade.

Ardeu a cara oeste do monte peitieirán. O alto que os aborixes da parroquia chaman As Gaias, os de Morgadáns, A Furna, os de Malvas, A Paraguda e para os mariñeiros de Baiona son as marcas da Alta.

As Gaias arderon, si. O Coto da Xesteira foi lambido polo lume e ladeira abaixo O Outeiro de Catro Portas e parou ós pés dos Cotos do Ulleiro de Couso. Arriba tamén as chamas “limparon” O Outeiro da Meda e O Outeiro da Bandeira e en liña deixáronas chegar pola Regueira Grande. Libraron O Boquete e O Campo do Cego onde A Parada das Burras. Aquí é un mundo de confluencias: Morgadáns chámalle Onde Nacen os Ríos que é A Regueira do Estripeiral para os de Malvas onde chega Peitieiros. É xa A Volta do Trebilladouro. O Tribilladouro do Catastro de Ensenada de 1753.

Vindo cara á ladeira norte/noroeste vemos ardidos Os Outeiros Negros e os seus cotos, A Chan das Trepiñas e o coto. Ladeira abaixo as labaradas morreron ó bordo da Chan da Valadegua (ou Vadalegua) deixando viva a foresta eucaliptal da Regueira de Miranda, O Curtiño ou a Casa do Becho. O que non ficou sen arder foron A Chan da Paraguda, regueira e fontela, incluso a ladeira até Os Porriños de Riba e Os Outeiros Negros, impoñentes formas en fervenza cara o alto. Pola beira dereita da regueira parou o lume xusto no Outeiro Rachado.

Ó pararen as chamas no Porriños libráronse A Ladeira dos Cabirtos e A Regueira do Estripeiro, pero sobor da pista continuaron até rematar na Entrada de Campo Covo, antes de chegaren á Cabeza de Seide, queimando A Chan das Pías e o senlleiro e conspicuo Coto das Pías, cunha ancha e fonda pía natural nun coto e varias coviñas noutro. Desde aquí, claro, o mundo enteiro. O Val de Miñor e o seu fillo O Val do Miño.

Unha brisiña movendo o follato, algún verde, a maioría queimado, atrás O Coto de Campo Covo ollándonos pé da chan regueira e ulleira homónima onde parou o lume.

Castor Alonso Cambra, gran contador, cando quere fala poesía. Decídenolo vós:

-”Nesa Ladeira de San Martiño tiña eu unhas eguas negras mui clineiras e cunhas sedas no rabo que parecía unha vasoura”.

Vai por el.

 

Xosé Lois Vilar Pedreira