Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

XVIII XEIRA ALÉN MIÑOR A CORUÑA E A MARIÑA CORUÑESA (24-25 de novembro)

As primitivas dimensións da Coruña ocupaban o que hoxe se coñece como Cidade Vella. Era A Coruña intramuros, e tanto o seu trazado como a súa arquitectura explican a historia desta cidade.A Cidade Vella fíxose á medida humana.Pedra, vidro e madeira mesturáronse para dar acubillo a fidalgos como a artesáns ou mariñeiros. A Porta Real foi a primeira entrada á primitiva cidade.

Moito que ver ou recoñecer nesta cidade vella, acompañados por un guía que é un dos referentes da cultura contemporánea do país, Felipe Senén.

A sede oficial da Real Academia (edificio dezaoitesco), noutro tempo propiedade de Pardo Bazán, moi preto da Colexiata de Santa María (principios do sc. XIV) que foi a igrexa dos gremios do mar e do comercio

Na contorna sitúase a Praza de Azcárraga. Está trazada sobre dous planos diferentes. No máis elevado enmárcase a antiga praza da Fariña, en cuxa bonita bóveda se acubilla a fonte do Desexo; no plano inferior está o palacio neoclásico da rexión militar noroeste, que data de 1740 e que acolleu a constitución da Xunta Suprema do Reino de Galicia en 1808, con motivo do alzamento coruñés contra as tropas napoleónicas.

O Convento de Santo Domingo levantouse a finais do século XIII, foi incendiado polos homes de Francis Drake a fins do XVII. A Igrexa data do século XVII e é de estilo barroco galego.

Moitos persoeiros, aventureiros, escritores, filósofos, científicos, ou persoas sen título como María Pita, que se enfrontou a Drake ou lideraron a resistencia ós franceses, viviron ou tiveron relación coa cidade. O Duque de Toscana, Cosme de Medicis, nunha das súas viaxes de coñecemento, o mariño Alejandro Malaspina, militares ou estadistas, como Porlier ou Melchor de Macanaz. Sir John Moore (repousa nos xardíns de San Carlos). Personaxes, espíritos da cidade ou simples cidadáns que inspiraron á Condesa de Pardo Bazán en "A Pedra Angular" ou a obra de Murguía e de Rosalía, os que xogaron co neno Pablo Picasso, que iluminaron o pensamento de Wenceslao Fernández Flórez ou de Salvador de Madariaga.

A cidade vella agocha máis recunchos queridos polos seus veciños, como o A Praza e O Convento das Bárbaras, próximos o Castelo de San Antón (hoxe Museo Arqueolóxico), antiga fortaleza do século XVI que se edificou sobre unha illa para protexer a entrada da ría dos ataques do pirata Drake. Ou o arquivo do Reino De Galicia (1775), que está encargado da recollida, custodia e posta a disposición do público da documentación de ámbito galego e provincial, xerada por diversos organismos de carácter xudicial ou administrativo con sede na provincia da Coruña.

 

Está en:  Inicio
Skip to content
I Certame escolar de creación dramática -IEM PDF Imprimir Correo-e

Escrito por IEM -Sec   
Mércores, 06 Setembro 2017 20:54
1.1 dramatica
1.2 dramatica
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Desde a Sección de Teatro do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) vimos realizando nestes anos unha mostra de teatro afeccionado do Val de Miñor. Agora, co curso académico que comeza neste mes de setembro, queremos pór en marcha outro devezo: a creación dun certame de escrita dramática para o estudantado, desde 5º de Primaria, até rematar a educación secundaria, cunha idade máxima de 20 anos.

Por que crear un certame de escrita dramática dirixido á mocidade?
O teatro debería ser unha materia formativa máis. A través del non só aprendemos a interpretar, representar, crear espazos, desenvolver emocións, senón que tamén aprendemos a relacionarnos co público. Vocalizar, proxectar a voz, colocarse ante un auditorio, controlar a linguaxe corporal, empatizar ou perder o medo escénico, son ferramentas da vida diaria que calquera persoa debería coñecer e que o teatro nos dá.
O teatro é tamén unha forma de achegarse á literatura, á música ou á plástica, mesmo outra forma de se achegar á tecnoloxía e á informática. É unha disciplina e é unha técnica. É un medio de ampliar os nosos coñecementos.
A literatura dramática é a irmá desfavorecida dos xéneros literarios, por iso consideramos que crear un certame de textos dramáticos é un incentivo para achegarnos á expresión escrita e á creación literaria, ao tempo que nos dotamos do pretexto perfecto para a representación: contarmos cun texto de noso, acaído á idade do alumnado que o pode representar.

Neste primeiro proxecto temos previsto que a representación das obras premiadas sexa unha tarefa encomendada aos grupos de teatro afeccionado que forman parte da Sección de Teatro do IEM, deixando para os participantes o importantísimo reto de proporcionar as obras necesarias, reto que o seu profesorado pode aproveitar para fomentar e desenvolver as capacidades e destrezas do alumnado (creatividade, expresión e representación escrita, expresión plástica, etc.)

Estamos ilusionados e ilusionadas con esta proposta e agardamos que a acollades coa mesma emoción e a convición de que é unha ferramenta pedagóxica tradicional e modernísima que redundará exitosamente na formación do alumnado.
Animádevos a participar!!!