Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

XVIII XEIRA ALÉN MIÑOR A CORUÑA E A MARIÑA CORUÑESA (24-25 de novembro)

As primitivas dimensións da Coruña ocupaban o que hoxe se coñece como Cidade Vella. Era A Coruña intramuros, e tanto o seu trazado como a súa arquitectura explican a historia desta cidade.A Cidade Vella fíxose á medida humana.Pedra, vidro e madeira mesturáronse para dar acubillo a fidalgos como a artesáns ou mariñeiros. A Porta Real foi a primeira entrada á primitiva cidade.

Moito que ver ou recoñecer nesta cidade vella, acompañados por un guía que é un dos referentes da cultura contemporánea do país, Felipe Senén.

A sede oficial da Real Academia (edificio dezaoitesco), noutro tempo propiedade de Pardo Bazán, moi preto da Colexiata de Santa María (principios do sc. XIV) que foi a igrexa dos gremios do mar e do comercio

Na contorna sitúase a Praza de Azcárraga. Está trazada sobre dous planos diferentes. No máis elevado enmárcase a antiga praza da Fariña, en cuxa bonita bóveda se acubilla a fonte do Desexo; no plano inferior está o palacio neoclásico da rexión militar noroeste, que data de 1740 e que acolleu a constitución da Xunta Suprema do Reino de Galicia en 1808, con motivo do alzamento coruñés contra as tropas napoleónicas.

O Convento de Santo Domingo levantouse a finais do século XIII, foi incendiado polos homes de Francis Drake a fins do XVII. A Igrexa data do século XVII e é de estilo barroco galego.

Moitos persoeiros, aventureiros, escritores, filósofos, científicos, ou persoas sen título como María Pita, que se enfrontou a Drake ou lideraron a resistencia ós franceses, viviron ou tiveron relación coa cidade. O Duque de Toscana, Cosme de Medicis, nunha das súas viaxes de coñecemento, o mariño Alejandro Malaspina, militares ou estadistas, como Porlier ou Melchor de Macanaz. Sir John Moore (repousa nos xardíns de San Carlos). Personaxes, espíritos da cidade ou simples cidadáns que inspiraron á Condesa de Pardo Bazán en "A Pedra Angular" ou a obra de Murguía e de Rosalía, os que xogaron co neno Pablo Picasso, que iluminaron o pensamento de Wenceslao Fernández Flórez ou de Salvador de Madariaga.

A cidade vella agocha máis recunchos queridos polos seus veciños, como o A Praza e O Convento das Bárbaras, próximos o Castelo de San Antón (hoxe Museo Arqueolóxico), antiga fortaleza do século XVI que se edificou sobre unha illa para protexer a entrada da ría dos ataques do pirata Drake. Ou o arquivo do Reino De Galicia (1775), que está encargado da recollida, custodia e posta a disposición do público da documentación de ámbito galego e provincial, xerada por diversos organismos de carácter xudicial ou administrativo con sede na provincia da Coruña.

 

Está en:  Inicio
Skip to content
ACTO DE ENTREGA DO X PREMIO DE POESÍA “VICTORIANO TAIBO”. Sábado día 18 de novembro PDF Imprimir Correo-e

Premio Victoriano Taibo - Artigos
Escrito por IEM -Sec   
Martes, 07 Novembro 2017 23:19
vt2017
vt20171
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

O xurado do X Premio de Poesía Victoriano Taibo, formado polos profesores e escritores Xulián Maure, Iria Misa, Gonzalo Navaza, Xosé Iglesias Lamela e Marta Dacosta acordou concederlle o galardón ao poeta de Cee Rafa Vilar polo poemario titulado Erosións.

Trátase dun libro que combina a paixón e a intimidade cunha exquisita sinxeleza e intensidade lírica, froito dun coidadoso traballo de construción poética en que desaparecen as concrecións de xénero para converter os poemas na expresión total do amor. Un amor que non pode desprenderse da realidade e, mentres o eu poético constata a erosión do paso do tempo e as feridas da vida, convida a persoa amada a crear un horizonte "a salvo de naufraxios", a través de cen poemas breves que empregan as palabras imprescindíbeis para construír imaxes intensamente poéticas.

O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo.

O acto de entrega, conducido pola escritora Marta Dacosta, terá lugar o próximo sábado día 18 de novembro ás 19:30 horas no auditorio municipal Lois Tobío, co seguinte programa:

  • A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, abre o acto.
  • O autor recibe o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recita algúns poemas da súa obra.
  • Intervención do director do IEM, Xulián Maure e do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira.
  • Actuación do Coro Cantares do Brión.
  • Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal o autor asinará libros para quen o desexe.
Organiza: Concello de Gondomar e Instituto de Estudos Miñoráns
Colabora: Panadaría Copena, Adegas Val Miñor e Construcións Metálicas Meixoeiro.