Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

XEIRAS IEM 2018- TOMIÑO- Arquitectura militar histórica. Fortalezas. Xoves 19 de xullo ás 18:30h.

O vindeiro xoves 19 de xullo ás 18:30 h terá lugar a quinta xeira de verán polo concello de Tomiño, Arquitectura militar histórica. Fortalezas. dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada por Antonio Soliño Troncoso.

HABERÁ DOUS INTÉRPRETES EN LINGUA DE SIGNOS PARA XORDOS.

O punto de encontro será no Pazo-Torre dos Correa. Goián:

https://drive.google.com/open?id=1vF-TpyWSLjdaaPzHo8R-rCtn6cDIYqsn&usp=sharing

 

AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2018

ARQUITECTURA MILITAR HISTÓRICA. FORTALEZAS DE GOIÁN

Guía

ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO

O lugar foi considerado estratéxico dende o medievo e consecuentemente controlado por diversos señoríos e as distintas monarquías. En Goián levantouse a Torre dos Correa no século XIV, con xurisdición sobre a desaparecida Vila da Barca, inmediata a ela e ao río ata que se trasladou despois da guerra do XVII para o lugar que agora ocupa a parroquial na parte alta. O nome víñalle da embarcación utilizada para cruzar o río. Tamén en 1321 D. Denis, o rei poeta, concede foro a Vila Nova de Cerveira e fortifícaa. Tempo máis tarde, no XVII, durante a Guerra de Restauración, o exército portugués constrúe un complexo sistema militar, que recolle as innovacións incorporadas no trazado e fundación de fortalezas para contrarrestar os avances da balística, con base en Vila Nova e cabeza en Goián, unidas por unha ponte de barcas, ata que asinada a Paz de Lisboa, en 1668, a coroa española ordena levantar unha fortaleza pétrea de catro baluartes, a actual de San Lourenzo, como contrapunto ás edificacións militares do lado portugués presididas polo antigo castelo gótico.

Ao longo da xeira teremos ocasión de ver e comentar o Pazo-Torre dos Correa, o Castelo da Nosa Señora da Concepción, a Fortaleza de San Lourenzo, o Castelo medieval de Vila Nova de Cerveira, o antigo embarcadoiro da Vila da Barca no Miño e o inicio do Camiño da Nosa Señora do Norte en territorio galego. Tamén falaremos da Atalaia do Espírito Santo, do Forte de Lobelhe, do Facho, do Forte das Chagas e do Castelo de Medos intentando contextualizalos no seu tempo. Farémolo durante as tres horas que nos levará percorrer os 3,4 Km. dunha xeira circular de baixa dificultade. O punto de encontro é o Pazo-Torre dos Correa. Todo o traxecto será acompañado de intérprete de lingua de signos.

 

 

Está en:  Inicio
Skip to content
XVI XEIRA ALÉN MIÑOR ALTO MIÑO- CASTRO DE VILADONGA (2-3 de xuño de 2018) PDF Imprimir Correo-e

Escrito por IEM -Sec   
Martes, 08 Maio 2018 00:20
101_8317
O nacemento do rio Miño e todo o seu curso alto forman parte do espazo natural "Reserva de Biosfera Terras do Miño" que nos seus máis de 363.000 hectáreas integra diversos hábitats e paisaxes de montaña e fluviais. A Reserva de biosfera Terras do Miño alberga unha das mellores representacións de ecosistemas naturais atlánticas, con grandes carballeiras, bosques de ribeira e matogueira. O sistema fluvial complétase con outras pequenas zonas húmidas como a Lagoa de Cospeito, as Lagoas de Pedroso ou Riocaldo en Begonte, a Lagoa de Bardancos ou Caque en Castro de Ribeiras de Lea, a Veiga de Pumar en Castro de Rei e a Lagoa do Rei de Rábade A paisaxe da Reserva conserva aínda os sistemas agrarios tradicionais, en forma de agras, así como o pastoreo extensivo nas zonas máis elevadas. As parcelas están cercadas por sebes vivas e grandes ferros de xisto ou lousa. A Reserva contén un rico patrimonio cultural que inclúe a maior concentración de xacementos paleolíticos de Galicia (cun gran número de túmulos megalíticos), castros e asentamentos romanos. A iso hai que engadir edificacións medievais de gran interese como o Mosteiro de Meira. Do patrimonio tradicional consérvanse muíños, mazos, ferrerías e olerías, vinculados ao aproveitamento industrial da forza da auga.
Primeiro día
Viladonga é un castro de gran tamaño, monumentalidade e sona. Xacemento senlleiro, da primeira historia dos poboadores galegos. Ten unha forte pegada na tradición oral e no folclore da comarca. E unha das referencias culturais galegas polo seu interese histórico e cultural, pero tamén por como se planificou e se xestionou dende o seus comezos, cumprindo cunha función social, cultural e didáctica, a maiores da puramente turística.
Viladonga é un exemplo dos castros que se seguen habitando despois da conquista romana do noroeste, e convérteo nun lugar clave para estudar e entender o desenvolvemento e a evolución da Cultura Castrexa na etapa galaico-romana, conservando estruturas e materiais de tradición anterior (Idade de Ferro) pero achegando trazos e elementos foráneos procedentes doutras partes do Imperio Romano, próximas ou distantes. Ocupa a coroa dun monte, a unha altura de 550 m e ten unha extensión aproximada de 4 hectáreas. A importancia do museo no contexto do xacemento é fundamental. Paralelamente a isto a súa implicación e compromiso co territorio e a idiosincrasia chairega é total. Dende as orixes das escavacións (1971) ata a apertura do museo (1986) tívose un especial interese en que o criterio museográfico da súa montaxe estivese marcado polo carácter didáctico do alí exposto. A calidade dos fondos mostrados, xunto cos elementos que favorecen ao visitante a comprensión da información asociada á grandiosidade do xacemento e da paisaxe na que está mergullado, farán dela unha estadía inesquecible.
Lagoa de Caque ou Bardancos
Cospeito e a lagoa de Caque forman dous dos principais sistemas lacustres de Galicia. Ambos os espazos son lagos de carácter seminatural, cuxa forma actual é debida a proxectos de rexeneración que deixan atrás os intentos de desecación de tempos pasados. Os observatorios e paseos circulares conxugan a súa accesibilidade coa conservación das fráxiles zonas húmidas. Trátase dunha paisaxe modelada pola actividade agrícola e gandeira no que aínda hai espazo para a conservación de manchas boscosas autóctonas. Carballeiras, soutos e especies asociadas ás ribeiras fluviais converten o lento fluír das augas nun lugar de gran beleza e quietude.

Castro de Rei
Capitalidade histórica do concello, co seu antigo núcleo ás beiras do río Azúmara. Posúe un rico patrimonio con moitísimas referencias de arquitectura civil: pazos, casas grandes e torres, a maioría delas construídas entre os séculos XVIII e XIX. Noite en Lugo.
Segundo día
Achegamento á Lagoa de Fonmiñá (un dos illós do primeiro Miño...) onde se xuntan augas subterráneas e de orixe kárstica, procedentes de diversos nacentes. Aquí o Miño “colle corpo” para seguidamente e paseniño percorrer os 340 km aprox. ata mixturarse co salgado da costa Miñota.
Estas augas proceden do seu nacemento, uns 10 kms máis arriba, no Pedregal de Irimia. Morrena glaciar de, aproximadamente, 700 mts de lonxitude. Depósito de rochas onde emerxen as augas subterráneas polo final dun embude de pedras. Este espazo é obxecto de multitude de lendas relacionadas co río Miño.
Mosteiro Cisterciense de Meira
Coñecido desde o ano 997, cando posiblemente era unha casa beneditina. A súa fundación efectuouse entre os anos 1151 e 1154. A casa foi reformada e en 1503 integrouse á Congregación Cisterciense de Castela, o que levou este establecemento a unha época de estabilidade e riqueza que permitiu a súa renovación arquitectónica. Nesta época emprendeuse a construción dun novo claustro en substitución da anterior e doutro, de nova planta, coas súas dependencias anexas.
Xa no século XIX, o mosteiro sufriu os efectos da guerra da Independencia, transformándose en hospital. Unha vez recuperado e restaurado sufriu unha nova dispersión temporal dos monxes con motivo do Trienio Liberal. Despois a desamortización de 1835 deixouno definitivamente sen comunidade relixiosa. O mosteiro atopábase en estado de ruína cando en 1845 foi entregado ó Concello. Máis adiante, restauráronse algunhas das dependencias, especialmente a igrexa e actualmente só se conserva este edificio e unha parte das dependencias ocupadas pola reitoría e as oficinas municipais.

Mazo de Ferreira Vella (Riotorto)
A primeira referencia histórica á artesanía do ferro en Riotorto atopámola na documentación medieval do Século XVI do convento de Vilanova de Lourenzá. Esta foi de gran peso no municipio de Riotorto. Por iso é polo que se concibiu a idea de restaurar e mellorar os mazos co fin de dar a coñecer esta profesión que, actualmente, se atopa en perigo de extinción.
Os ferreiros destacaron e destacan principalmente pola elaboración manual de fouces e coitelos, ferramentas que, en todo caso, se caracterizan por unha maior calidade fronte ao produto de fábrica. Antigamente denominábanse mazos de auga e movíanse por forza da auga, hoxe en día todos son mazos eléctricos. Con estes e co martelo na bigornia (neste caso manualmente), os ferreiros van dando forma ao aceiro, que previamente poñen ó lume a altas temperaturas.

CARACTERÍSTICAS DA XEIRA DATA: 2-3 Xuño de 2018
GUÍA PRINCIPAL: Felipe Arias Vilas (Exdirector do museo do Castro de Viladonga, arqueólogo, historiador e profesor-investigador ad honorem na Facultade de Humanidades da USC en Lugo
HORARIO APROXIMADO SAÍDA DO AUTOCAR Sábado: 8:00 de Gondomar, dende a explanada do Pavillón de deportes. CHEGADA: Domingo, aproximadamente ás 21.30, ó mesmo lugar de partida. Para anotarse á Xeira haberá que chamar ao IEM ao teléfono 986 360575/627 276816, de luns a venres de 18.00 a 21.00, ou escribir un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ·
PREZO SOCIOS/AS: 130 EUROS · PREZO NON SOCIOS/AS: 140EUROS · Nº DE CONTA IEM: ES95 2080 5035 0730 4001 4164

No caso de habitación individual engadiranse 50€.
PRAZO DE REMATE PARA INSCRIBIRSE-22/5
O prezo inclúe a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar de sábado e domingo, hotel, almorzo do domingo, o guía e as visitas.