Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

XEIRAS IEM 2018- TOMIÑO- Arquitectura militar histórica. Fortalezas. Xoves 19 de xullo ás 18:30h.

O vindeiro xoves 19 de xullo ás 18:30 h terá lugar a quinta xeira de verán polo concello de Tomiño, Arquitectura militar histórica. Fortalezas. dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada por Antonio Soliño Troncoso.

HABERÁ DOUS INTÉRPRETES EN LINGUA DE SIGNOS PARA XORDOS.

O punto de encontro será no Pazo-Torre dos Correa. Goián:

https://drive.google.com/open?id=1vF-TpyWSLjdaaPzHo8R-rCtn6cDIYqsn&usp=sharing

 

AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2018

ARQUITECTURA MILITAR HISTÓRICA. FORTALEZAS DE GOIÁN

Guía

ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO

O lugar foi considerado estratéxico dende o medievo e consecuentemente controlado por diversos señoríos e as distintas monarquías. En Goián levantouse a Torre dos Correa no século XIV, con xurisdición sobre a desaparecida Vila da Barca, inmediata a ela e ao río ata que se trasladou despois da guerra do XVII para o lugar que agora ocupa a parroquial na parte alta. O nome víñalle da embarcación utilizada para cruzar o río. Tamén en 1321 D. Denis, o rei poeta, concede foro a Vila Nova de Cerveira e fortifícaa. Tempo máis tarde, no XVII, durante a Guerra de Restauración, o exército portugués constrúe un complexo sistema militar, que recolle as innovacións incorporadas no trazado e fundación de fortalezas para contrarrestar os avances da balística, con base en Vila Nova e cabeza en Goián, unidas por unha ponte de barcas, ata que asinada a Paz de Lisboa, en 1668, a coroa española ordena levantar unha fortaleza pétrea de catro baluartes, a actual de San Lourenzo, como contrapunto ás edificacións militares do lado portugués presididas polo antigo castelo gótico.

Ao longo da xeira teremos ocasión de ver e comentar o Pazo-Torre dos Correa, o Castelo da Nosa Señora da Concepción, a Fortaleza de San Lourenzo, o Castelo medieval de Vila Nova de Cerveira, o antigo embarcadoiro da Vila da Barca no Miño e o inicio do Camiño da Nosa Señora do Norte en territorio galego. Tamén falaremos da Atalaia do Espírito Santo, do Forte de Lobelhe, do Facho, do Forte das Chagas e do Castelo de Medos intentando contextualizalos no seu tempo. Farémolo durante as tres horas que nos levará percorrer os 3,4 Km. dunha xeira circular de baixa dificultade. O punto de encontro é o Pazo-Torre dos Correa. Todo o traxecto será acompañado de intérprete de lingua de signos.

 

 

Está en:  Inicio
Skip to content
XEIRAS IEM 2018- GONDOMAR- O Camiño da Nosa Sra. do Norte. Da Portela á Capela dos Remedios. Xoves 5 de xullo ás 18:30 h. PDF Imprimir Correo-e

Escrito por IEM -Sec   
Sábado, 30 Xuño 2018 15:55
captura de pantalla 2018-07-03 a las 1.56.43

O vindeiro xoves 5 de xullo ás 18:30h terá lugar a segunda xeira de verán polo concello de Gondomar Camiño Nosa Sra. do Norte. O Portelo-Capela dos Remedios dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello de Gondomar, que será guiada por Antonio Soliño Troncoso.

HABERÁ DOUS INTÉRPRETES EN LINGUA DE SIGNOS PARA XORDOS.

O punto de encontro será na Capela dos Remedios. Couso.

https://drive.google.com/open?id=1svgRtjWl38_pGikLie63Plwh8g49gZ_c&usp=sharing

 

AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2018

CAMIÑO DE NOSA SEÑORA DO NORTE. COUSO

Guía

ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO

O camiño é un elemento básico na ordenación do territorio, podendo presentarse con diferentes rangos e categorías. Hoxe vamos centrarnos nun dos de xerarquía superior para o contexto que atravesa dende, cando menos, o medievo.

O Camiño de Nosa Señora do Norte a Santiago sepárase do central en Barcelos -Portugal- e logo de pasar polos concellos de Viana do Castelo, Camiña e Vila Nova de Cerveira entra en Galicia por Goián. A primitiva barca tiña desembarcadoiro ao pé da Fortaleza de San Lourenzo e tras bordear o Pazo-Torre dos Correa a vía pasa a Estás e logo ao Mosteiro e ao Seixo, en Tomiño, para continuar por Pousadela e Hospital, onde o topónimo fai referencia ao que existiu para peregrinos dende 1295. A continuación tira cara a Tebra e a seguir sobe por Cima de Vila para entrar no municipio de Gondomar pola Portela de Couso. Pasa pola capela dos Remedios e dende aquí segue baixando por Forca de Lobos ata Feira da Doce, na Estrada. Bordeando o Pazo do Conde de Gondomar continúa por Pousada ata o pé da parroquial de Mañufe e dende aí vai o barrio da Ponte para atravesar o Río Miñor (neste punto parece existiu un antigo hospitaliño). Continúa polo Cruceiro do Acordo, pasa polo Pazo de Fontán e xa entra na parroquia de Vilaza polo Cruceiro do Portelo. Segue polo treito empedrado ante o Pazo de Pampillón e chega á Areiña, lugar a partir do cal vai coincidir coa estrada real de Baiona ao Porriño ata O Tumbio, en Vincios, logo de atravesar nese lugar o río agora coñecido como Zamáns pero citado en documentos medievais como Miñor. A continuación polo barrio da Rocha chega ao Muiño Gaiteiro e dende alí, por detrás da Pasaxe, entra no actual concello de Vigo ante un antigo marco recolocado que indica o inicio de Valadares. O camiño continúa polas Furnas e a zona alta da igrexa de Castrelos para cruzar a Gran Vía e por Romil, a Falperra e Alfonso XII chegar á Colexiata. Dende aquí segue polo Areal ata a vila de Redondela onde volve enlazar co camiño central a Compostela.

 

Ao longo da xeira, coa desculpa deste camiño, veremos e comentaremos un importante patrimonio histórico, etnográfico e artístico que inclúe antigos marcos xurisdicionais, restos romanos, arquitectura vernácula presidida pola casa tradicional, parte do ciclo da auga, recintos sagrados e elementos da arquitectura tradicional e a etnografía relacionados con eles como cruces e cruceiros, transformacións recentes nunha paisaxe milenaria,... Todo durante as escasas tres horas que nos levará percorrer os 2,4 quilómetros do tramo de entrada no municipio de Gondomar ao longo da parroquia de Couso. Traxecto afectado de pouca dificultade. O punto de encontro é a capela dos Remedios, en Couso. Prégase puntualidade.