Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

PROSPECCIÓN ARQUEOLÓXICA, DOCUMENTACIÓN E RESTAURACIÓN DOS PETRÓGLIFOS DE GARGAMALA (Mondariz, Pontevedra)

Este proxecto de prospección arqueolóxica, documentación e restauración dos petróglifos de Gargamala (Mondariz), promovido polo Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, será executado polo equipo técnico multidisciplinar do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) dirixido e coordinado polo historiador e arqueólogo Xosé Lois Vilar Pedreira e do que forman parte: María Dolores Álvarez Rey, Eloy Martínez Soto, Bruno Centelles García, Xilberte Manso de la Torre, José Antonio Viña Arias, Eduardo Méndez-Quintas, Andrea Serodio Domínguez, Manuel Ledo Bernárdez e Jesús Rodríguez Diéguez coa colaboración especial, nas tarefas de prospección, de Cándido Verde e José Álvarez Alonso (O Buraco).

Nos días 5 e 6 de outubro de 2018 un incendio arrasou 150 Ha das parroquias de Sabaxáns e Gargamala (Mondariz) que afectou a área nuclear dos petróglifos de Gargamala con distinto grao de incidencia (termoclastos, ennegrecemento da superficie, arrastes de depósitos sobre as superficies) e deixando unha paisaxe depauperada e a pracer dunha forte erosión da tona terrea.

O conxunto de petróglifos obxecto desta actuación sitúase entre os 400 e os 470 m.s.n.m.. A gran maioría deles ocupando a parte alta dos outeiros (GA 36030023-18-11), as valgadas entre eles no caso do Campado (GA 36030055-14-15-54), chans como Campo Redondo (GA 36030038) cun amplísimo dominio visual ,que chega á Serra do Galiñeiro, parello ó emprazamento dos petróglifos da Coutada (Taboexa, As Neves) ou As Portaxes no Monte Tetón (Tebra, Tomiño) tamén obxecto de prospección, estudo, posta en valor e musealización por parte do Instituto de Estudos Miñoráns.

Na zona de actuación destaca a presenza dun ulleiro aproveitado polos veciños para a traída de augas doméstica e na outra vertente hai varios muíños hidráulicos.
Estamos ó redor das coordenadas 545.686/4.679.970 
(datum: ETRS 1989, fuso 29).

Esta concentración de petróglifos atópase na parroquia de Gargamala, no concello de Mondariz, composta polas aldeas de Vedrelos e O Soutiño na zona meridional e A Rúa, Mourelle, Boente e O Barro. A parroquia está rodeada por Frades, Riofrío, Sabaxáns e Toutón como freguesías do mesmo concello e polo norte polas de Traspielas e Ventín do concello de Fornelos de Montes. Estamos no sur do Suído nun mundo de serra onde as aldeas escasean e foi zona tradicional de pastoreo que deixou pegadas etnográficas nos chozos, neveiras, cerres para o gado e nos foxos de lobo.
Estamos no val medio-alto do río Tea cara o que drenan os núcleos habitados de Gargamala. A zona noroeste do Castro Chouso, O Foxo do Lobo, A Chan de Cairón... botan as augas no río Barragán que desauga no río Oitavén ó pé do castro da Cidade (Calvos, Fornelos) na mesma presa das Eiras.


Está en:  Inicio
Skip to content
Miñor dos Sobranceiros: “Os benfeitores: Manuel Lemos e Manuel Losada” PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Escrito por Rosa Pascual Abal   
Luns, 16 Xuño 2014 22:28

lemos-losada

Resumo: 

Un grupo de miñoráns emigrantes na Arxentina, de mentalidade liberal e democrática, preocupados pola rexeneración económica e social da súa comarca de orixe, crearon a partir de 1905 a UHA pro Valle Miñor, co obxectivo  de crear unha escola que lles proporcionase ás novas xeracións unha educación necesaria tanto para aproveitar as oportunidades da emigración como para o seu propio progreso.

Polo seu papel nesta obra e na comarca achegámonos a dous benfeitores de personalidades e ideas ben diferentes. M. Lemos, líder indiscutible da UHA, que ademais da escola abordará na comarca outros proxectos entre os que destaca o de converter o areal de Lourido nunha área de veraneo para as clases altas, e M. Losada,  que xogará un papel protagonista nos medios empresariais vigueses entre 1916 e 1922, desenvolvendo tamén un gran labor na Sociedade e ba súa vila de Gondomar.

 

1. OS BENFEITORES MIÑORANOS

A  Unión Hispanoamericana pro Valle Miñor (U.H.A.) foi froito da acción colectiva dun conxunto moi numeroso, de emigrantes miñoranos, algúns achegados arxentinos e un grupo  reducido de residentes no Miñor. En Bos Aires en 1905  E. e M. Lemos, L. González, F. Cano e X. Álvarez fundaron unha das primeiras Sociedades de Instrución. O seu principal obxectivo era a construción de escolas nos lugares de orixe.

Xa dende as dúas últimas décadas do século XIX,  ás elites  dos emigrantes  fundaran os Centros galegos para a protección mutua e a asistencia benéfica dos socios. Estas sociedades satisfacían ademais necesidades como a de manter a cohesión étnica,  permitían  crear o vínculo dos fillos que nacen en América coa terra dos seus pais, favorecendo sociabilidades familiares que promovían unha certa endogamia e por último servían como espazo de acollida dos cada vez máis numerosos recen chegados. [1]

Os socios da UHA eran un colectivo heteroxéneo social e ideoloxicamente. Unha gran parte dos asociados  despreocupábase dos obxectivos máis altruístas, xa que a maioría non recibía o recoñecemento simbólico que lles correspondía aos dirixentes polo seu labor.[2]

1.1 Trazos ideolóxicos e culturais da colectividade.

Malia a súa heteroxeneidade existía no noso colectivo un certo ideario, moi conectado con tendencias ideolóxicas e políticas, que ían dende posicións conservadoras a moi radicais. Baseándonos nos obxectivos, podemos afirmar que a  súa posición responde a cultura liberal-democrático-republicana[3] que na primeira década do XX vai espallarse na colectividade emigrante,desta tradición procede:

  • A convicción de que a educación é un mecanismo privilexiado de progreso colectivo, imprescindible para o desenvolvemento dunha cidadanía democrática
  • O seu carácter interclasista, e a consideración do  pobo como suxeito colectivo que cambiará o mundo nun senso de maior liberdade e xustiza social
  • O laicismo. O que xerou no caso das nosas escolas certas tensións co párrocos
  • A reprodución  de sentencias atribuídas a unha gran variedade de personaxes, coas que se pretende dar solidez erudita a teoría republicana dunha política universal e obxectiva
  • Un calendario de efemérides  e sobre todo a participación nos actos do I Centenario da Constitución de Cádiz, aos que asistiron representantes, doándose unha placa conmemorativa.

Outra corrente que vai a ter gran influencia no colectivo emigrante pola acción de personalidades como Labra,[4] será o rexeneracionismo- hispanoamericanista, que comparte co liberalismo as ideas sobre educación e o talante reformista. Aporta elementos novos, como:

  • Patriotismo español
  • Defensa dunha “comunidade hispanoamericana” necesaria para enfrontar o crecente poderío de USA.
  • A defensa da intervención do Estado para garantir unhas  condicións dignas para os emigrantes a través de tratados internacionais

A partires da segunda década do s.XX espallárase pola colectividade o rexionalismo.[5] Publícanse no boletín artigos, debuxos e poemas dos máis coñecidos galeguistas. Pero a posición dos directivos é  claramente españolista. Nas escolas estableceuse a obriga de falar en castelán[6]. Era un tipo de educación desgaleguizadora feito polo que, foron criticados.

As relacións co agrarismo foron boas, e figura en postos directivos en Uruguai, Barreiro, un significado agrarista baionés.

Por último sobre a muller e a súa educación, o Boletín manifesta preocupación pola situación especialmente vulnerable das emigrantes, expostas a abusos de todo tipo polo que se creou un Padroado para que as protexera.

Sobre a tipo de educación que debía proporcionarse ás mulleres había diferentes posturas, dende os que defendían, que hai que  “ilustrar sin pretensiones, para que sean cariñosas, tolerantes”,[7] ata quen denunciaba a marxinación da muller e defendía a súa completa emancipación. O programa educativo das nenas incorporaba materias “femininas” como costura, lencería, cociña. Unha boa mostra desta práctica discriminadora son os premios que cada ano se repartían entre o alumnado. Un dos máis frecuentes para as nenas era un devocionario e para os nenos un reloxo[8]. Tamén é significativo que o señor Urzáiz, deputado e ex-ministro, establecera un premio para a nena que se distinguise pola súa bondade(!!).

1.2 A organización. [9]

Unha sociedade que chega aos 700 membros precisa dunha estrutura e dunha diversificación de papeis que lle permita funcionar. Dende o comezo crease unha Comisión Directiva en Bos Aires (C.D.) que será quen tome as decisións.É unha estrutura moi xerarquizada e moi estable. Lemos foi o líder indiscutible. Había unha Subcomisión no Uruguai e seccións delegadas en varias cidades arxentinas: Mendoza, San Juan, etc.

1_consello_administracion_pA C D necesitaba no Val persoas que a apoiaran, polo que se creou o Consello de Administración, composto por homes pertencentes as elites locais, varios deles vinculados aos grupos políticos do sistema é dicir as redes caciquís, como é o caso de F. Villamarín  . Estes esforzos por comprometer coa obra os prohomes locais non tiveron o efecto  desexado, polo que acabou por suprimirse.

A Comisión de Damas, formada polas mulleres e as fillas dos líderes da C. D., centrouse na recollida de cartos para a creación da escola de nenas. Organizaban “Tés danzantes” onde se reunían os xoves burgueses de Bos Aires.

No que se refire aos asociados residentes no Val,  as queixas por parte dos directivos da U.H.A. son frecuentes. A primeira, pola baixa asociación, en segundo lugar polas críticas inxustas como as queixas pola calidade do ensino ou as esixencias de gratuidade xeral. Outro problema foron as inxerencias en asuntos internos como no caso do despido do director. Unha das máis graves acusacións que se lle fixo ás escolas, foi a de favorecer a emigración, aínda que os dados proban que a emigración non aumentou  na comarca e o que mellorou foi o seu nivel cultural. Dende América tamén se fan criticas, sobre todo  a falta de solidariedade dos miñoranos que gastan en festas, romarías e foguetes moitos cartos mentres que os emigrantes teñen que mercarlle zapatos aos cativos que van descalzos á escola [10]

É certo  que os veciños reaccionaron con prevención  ante as escolas, pero este desinterese e ingratitude debeuse sobre todo a acción das forzas  contrarias,  porque temían as ideas progresistas e o laicismo que podería vir de América, ou porque se sentiron marxinados.  Outro factor foi a ineficacia dos representantes na difusión e valorización desta obra.

Esta acción colectiva requiriu homes que a dirixiran. Entre eles elixíronse dous pola importancia do seu labor e porque representan diferentes  formas de entender o que correspondía facer e como facelo. Son Manuel L. Lemos e Manuel Losada Carrera.

2 MANUEL L. LEMOS

2.1 Datos biográficos. Personalidade e ideas.

Naceu o 25-1-1875 en Mallón, Nigrán. Era o primeiro  de cinco irmáns, fillos de Manuel Lemos, zapateiro, e Francisca Lago, labradora. Aos 17 anos buscando un futuro mellor, el e máis o seu pai 2_manuel_lemosemigran a Uruguai.  De Montevideo, onde coñeceu á que ía ser a súa dona, Pía, pasou a Bos Aires, traballando como dependente ata que entrou a traballar cun comerciante de viños. Alí adquiriu experiencia e que decidiu crear o seu propio negocio de reparto a domicilio, introducindo cambios no sistema, como suprimir intermediarios traendo o viño directamente en ferrocarril dende as provincias andinas, co que puido vender un viño de mellor calidade a un mellor prezo.

Este negocio, Vinos La Superiora, coa axuda da súa dona, foi un éxito. Pronto as súas sucursais espalláronse polos barrios porteños e doutras localidades, chegando a ter 365. Todas elas tiñan a mesma fachada, pintada de celeste, color das bandeiras galega e arxentina. Para vixialas creou un corpo de inspectores. Moitos dos seus traballadores eran galegos. Tivo tres fillos, unha nena, que casou  cun  miñorano, M. Calvo, e dous varóns[11]

Foi un home de acción, intelixente, decidido e  innovador.  Unha persoa  discreta e xenerosa cos seus cartos e co seu tempo que dedicou a resolver as dificultades que se foron  presentando nos variados campos onde desenvolveu a súa actividade. Controlaba persoalmente o mediante achegados ou familiares os asuntos nos que interviña. Non foi un home interesado na política activa, os seus intereses eran de carácter  social e económico.  Lemos representa o ideario que inspira a UHA No que se refire a súa ideoloxía, a súa traxectoria é a de un home progresista, dun demócrata republicano, non radical. Foi amigo persoal dun dos grandes líderes do socialismo arxentino da época , Flores.

A súa preocupación modernizadora, reformista, e o seu españolismo ten que ver coas concepcións rexeneracionistas, no seu caso suavizadas tanto por un certo rexionalismo de tipo cultural, utilitario no político e non nacionalista, como por un cosmopolitismo  que lévao a recorrer as áreas do mundo máis desenvolvidas do seu tempo e a importar delas os modelos de desenvolvemento que lle parecían máis afortunados.

2.2 O seu labor no Val Miñor.

Foi o seu interese por facer algo útil pola súa terra o que o levou a xuntarse en Xaneiro de 1905 co pequeno grupo de miñoranos aos que xa citamos coa idea de crear un grupo republicano. No ano anterior creárase en Bos Aires a Liga Republicana Española e o republicanismo espallárase pola colectividade emigrante.  Lemos e os seus compañeiros temendo que a definición política do grupo restaría en vez de sumar apoios,  e crendo que traballar polo progreso da súa terra sería levado a cabo mellor e máis doadamente co concurso de todos, decidiron crear unha sociedade de instrución e así en decembro de ese mesmo ano naceu a UHA Val Miñor inspirada en principios de fonda raíz republicana.

Para que unha asociación deste tipo teña viabilidade necesita un catalizador, uns líderes. Lemos foi o líder indiscutible desta sociedade. O seu perfil respondía a dun   dirixente dunha sociedade deste tipo. Tiña unha situación económica acomodada que lle permitía dispor de tempo e diñeiro, prestixio e respectabilidade na comunidade  e un tecido de relacións, que lle proporcionaba o que Seixas chama un amplo capital relacional. [12]

Dende o momento da constitución da UHA comezan os traballos para fundar unha escola no Val. Lemos participou dende o primeiro momento moi activamente en todas as decisións, organizativas, programas educativos, provisión de recursos, de persoal. Unha das súas principais achegas á escola foi encargarse persoalmente da negociación e a compra dos terreos. O seu apoio foi decisivo para creación da escola de nenas, así como na compra da imprenta, o servizo de transporte, e a creación de obradoiros.Viaxou a Madrid para  xestionar a intervención do Estado na a creación da granxa escola e na súa dotación de persoal e recursos, con bos resultados, aínda que o seu funcionamento non fora despois decepcionante. Interveu na instalación e dotación da biblioteca e  na conversión do batallón escolar nun corpo de exploradores, seguindo o modelo americano dos boy-scout.  E por último, cando a crise económica mundial dificulta o envío de remesas e as escolas entran en crise, pula a iniciativa “ Pro vida Propia”, un esforzo que como sabemos non puido lograrse.

J. Solá describe o seu papel nas escolas”Escarbad en sus cimientos, en lo más sólido, en lo fundamental, encontrareis un nombre hecho piedra y hecho hierro: La voluntad de Manuel L. Lemos”[13]

Cando xa as escolas estaban funcionando Lemos inicia, en solitario,o proxecto de potenciar o desenvolvemento turístico da zona e concretamente do areal de Lourido. Este interese no turismo como factor de progreso está enraizado na comunidade emigrante galega.

3_louridoLemos consciente dos excelentes recursos naturais desta comarca  e coñecedor das máis famosas áreas de veraneo, decide actuar para converter os espazos dunares que formaban a praia de Lourido e Panxón nunha estación  para as clases altas, non só españolas, senón tamén europeas e moi especialmente arxentinas

O proxecto tiña dúas fases.[14] Na primeira fase, comezan as obras para darlle accesibilidade ao areal de Lourido. Constrúe unha carreteira de terra que conecta a de Vigo –Ramallosa co actual cruce do monte Lourido, pasando polo alto de Mallón, e abre unha segunda carreteira ata uns 400 m do río Canido. E comeza o movemento das areas, aplanando  as dunas e preparando o terro para a construción.

No entanto compra unha gran cantidade de terras. Realiza unha condución de auga dunha mina próxima para facer habitable a zona. Comezou logo a parcelar e edificar pequenos chalés de tipo modernista, para atraer a inversores e favorecer a construción. Co mesmo fin constrúe un pequeno hotel-restaurante-salón de baile chamado o Pavillón Azul.

Na segunda fase e segundo o proxecto do arquitecto Genaro de la Fuente, tratase de construír unha gran avenida, que iría de Lourido a Panxón , xerando unha gran liña curva , nun lado a praia noutro terrazas con pérgolas, copiando o estilo da Riviera francesa. Tamén prevía a edificación dun gran hotel, con actividades de ocio, restaurantes Estas inversións inmobiliarias, infraestruturas e servizos  representarían un gran factor de progreso para toda a comarca, ademais de unha revalorización inmediata de todos os terreos próximos.

No alto do monte Lourido, no ano 32, construíu unha capela en honor a súa nai,  Dona Francisca Lago, unha muller moi devota e a quen Lemos estaba moi unido. Tamén elixiu Lourido para a súa  vivenda. Á Ramallosa, doou o mercado de abastos, hoxe reformado

A maior parte de toda esta obra realizouse dende os 20 ata a II República, paralizándose coa guerra, despois intenta retomala pero as dificultades para o movemento de capitais dende Arxentina e a difícil situación en España impedíronlle  continuar co proxecto.

2.3 O seu labor na Arxentina

Na Arxentina, a súa actividade terá máis que ver co seu papel como empresario. Neste país sempre pulou polas empresas e os produtos galegos, un exemplo foi o seu apoio ao Banco de Galicia, que lle deu problema pola reacción dos outros bancos españois o que o levou a queixarse de falla de solidariedade entre as empresas españolas

A partir de 1911, despois dunha viaxe por Europa e Estados Unidos regresa con novas ideas e convertese en produtor, adquirindo unha adega  en Mendoza, inversión que irá ampliando noutras provincias. Tamén comprou 250 ha de terreo abrupto na precordillera andina, na Consulta (Val do Uco), decisión  que foi  cuestionada polo directorio da sociedade, polo que fixo a inversión ao seu nome e construíu unha gran bodega. Hoxe, esa zona é a máis prestixiosa na elaboración dos viños da variedade Malbeck. Nas fincas plantaba tamén oliveiras para a produción de aceite. A calidade dos seus viños, para os que importa cepas e técnicas de elaboración europeas, así como uns prezos populares,  foron  razóns da súa gran aceptación e gran éxito empresarial

4_la-superioraEn 1919 creou La Superiora S.A e puxo en práctica as súas ideas sobre a participación  dos traballadores, ofrecendo aos seus obreiros a oportunidade de ser socios. Facilitando a compra de accións preferentes, coa vantaxe de que cando se repartiran dividendos estas recibirían un 4% máis e se houbera perdas sempre terían a ganancia do 4%. Esta iniciativa tivo un apoio total e a Empresa comeza un extraordinario desenvolvemento converténdose na terceira adega en importancia da República e a primeira en exportacións. A compra dun barco para desprazarse polo Mar do Prata e dunha avioneta, mercada en París para o uso dos directivos son signos da súa boa situación económica

No Boletín reflíctese a preocupación que tiña sobre problemas de carácter social como o pauperismo, e as condicións de vida dos traballadores. A través dunha serie de artigos firmados pola Dirección trátanse cuestións que estaban no debate arxentino: a mutualidade familiar,  o salario mínimo, a xornada laboral o cooperativismo, os Bancos populares, os contratos de traballo, o papel do estado, o papel dos sindicatos , a utilidade das folgas. En todos estes temas a súa posición  será criticar  ao liberalismo radical, amosando sensibilidade social, e criticando tamén as ideoloxías que enfrontan capital-traballo. En xeral, defenden os dereitos dos traballadores, rexeitando tanto a caridade como a omnipotencia do Estado, que debe defender aos máis desfavorecidos. Considera interesantes os consellos de Arbitraxe a conciliación, a participación dos traballadores nos beneficios e as sociedades cooperativas[15]

O compromiso de Lemos cos seus traballadores manifestouse en actuacións como a de procurarlles unhas vivendas dignas, ou na creación dunha escola para os seus fillos e os nenos da comarca. Organizou e costeou colonias de vacacións para os fillos dos obreiros e deu becas a alumnos de escolas industriais. Este tipo de medidas  foron obxecto de debate en Europa  e  se aplicaron  polas socialdemocracias despois da segunda Guerra mundial. Polo tanto poderiamos considerar a Lemos, con todas as reservas que se queiran, un precursor  das políticas sociais do Estado do Benestar. El mesmo resume o cerne do seu ideario

“Será eternamente un mal negocio, o propoñerse gañar diñeiro, sen distinción de forma, polo diñeiro mesmo. O que da proveito e honra é o saber gañalo sen malas artes, merecendo confianza e sabendo responder a ela.

A posesión de capital non debe ser considerada como finalidade da nosa vida, senón como  o medio para poder realizar obras útiles. Cumprir sen desmaios o deber contraído; traballar con alegría; proceder sempre de boa fe; ser merecedores da amizade desinteresada e firme, esa é unha fórmula simple da felicidade”[16]

Por último sinalar que tamén pulou polo progreso das rexións arxentinas

Lemos morreu  no  46, aos 71 anos, en Mendoza. Está enterrado no famoso cemiterio da Recoleta en Bos Aires. Anos despois, nos 60, en recoñecemento da súa obra, colocouse o seu busto en Praia América, co seu nome e as datas de nacemento e morte. A falta de algo máis de información, para a gran maioría da xente do Val  é hoxe un descoñecido.

3  MANUEL LOSADA CARRERA

3.1 Datos biográficos. A personalidade e as ideas.

A falta dun estudo biográfico sobre este interesante personaxe que xogou nos anos 15 ao 25 do século XX un importante papel tanto no Val como en Vigo, a principal fonte de información foi un amplo documento de carácter autobiográfico, escrito e editado por el e tituladoVigo y su progreso, un  puñado de verdades”, que pretendía aclarar as razóns que o levaron a actuar como o fixo nunha serie de proxectos empresariais e filantrópicos.

5_manuel_losada_carreraNaceu en Gondomar nos anos 60 do século XIX, fillo de Casiano Losada e Josefa Carrera. No ano 1882, moi novo, e cunha instrución que el describe como peor que deficiente, emigrou ao Uruguai onde permaneceu tres anos traballando como empregado de comercio. No 1885, trasladouse a Bos Aires, onde seguirá traballando no comercio. No 1888  aséntase en Rosario da provincia de Santa Fé como empregado dunha importante empresa de cereais que se dedicaba tamén a exportación, o que lle facilitará relacións e coñecementos sobre o ramo. A partir de 1891 establécese no sector de cereais e colonización xunto con un socio do que se separará cinco anos despois. No 1898 os negocios vanlle moi ben e amplía a empresa. Uns anos despois, no 1905, xa un home rico, deixa o comercio e queda cos negocios de colonización e gandería.

Dámaso Moreira no ano 1904, invítao a unirse a Unión Republicana, non acepta, xa que non lle interesa a política “a distancia”, e aproveita a ocasión para  expresar a súa opinión de que o que se pode facer por España e favorecer o seu progreso creando escolas prácticas con granxas de experimentación agrícola.

No ano 1906 ven a España coa muller, de orixe vasco, e os seus tres fillos, e tras viaxar por toda España, pon casa en Vigo. Entre 1907 e 1915 fai varios viaxes entre Galicia e a Arxentina, residindo case sempre na Arxentina por motivos de traballo. Nesta etapa, como veremos fai diferentes doazóns a Gondomar polo que é nomeado fillo predilecto [17]

Losada era un home de contrastes, de grandes virtudes e de grandes defectos. Posuía unha gran intelixencia natural que mesturado cunha curiosidade e interese polo coñecemento, lle permitiu aprender con rapidez e converterse nun empresario de éxito, tiña tamén visión de futuro e capacidade de risco. Era unha persoa interesada no desenvolvemento da súa terra e disposta a achegar con xenerosidade  os seus cartos e o seu traballo para favorecelo. A súa honradez, empeño e tenacidade na loita por acadar os obxectivos propostos constituían os seus sinais de identidade. Sempre estaba disposto a ofrecer o seu apoio para que as empresas non se estragasen, aínda estando xa fóra do proxecto. Era un home de acción, pero dunha acción reflexiva, baseada na experiencia, nin improvisada, nin oportunista

A súa idea é de que a cultura é o factor angular do progreso,  repite a miúdo “escuelas, escuelas, escuelas son las que se precisa para redimir sus derechos, fomentando sus progreso dentro de los adelantos modernos, cuando esto se haya conseguido, entonces vendrá la redención del pueblo y el fin del caciquismo”, esta posición sitúao no liberalismo, pero dentro da corrente máis conservadora.

Non estaba interesado na política e sempre rexeitou os ofrecementos a participar tanto na Arxentina como en España. Consideraba que o problema do atraso español era debido ao parasitismo das elites políticas e económicas, que só se preocupan dos seus mezquinos intereses, ao pobo, que por ignorancia  as aplaude e ao separatismo.

Admirador de Joaquín Costa, as posicións dun forte patriotismo español, lévao a militar nun antigaleguismo que lle fai opinar en contra” de la implantación de dialectos que solo sirven para rebuznar”, [18] frase que solta na inauguración dun curso escolar a todo o alumnado da escola, na súa totalidade galegofalantes!!! E partidario dun achegamento a Portugal,  si en lo relativo a América se vive en España poco menos que en el limbo, en lo concerniente a Portugal, estando como está dentro de la misma península, resulta aún peor”, cree especialmente importante establecer relacións de convivencia  entre Galicia e o norte  de Portugal , para o que sería imprescindible mellorar o sistema de comunicación, o ferrocarril, especialmente desastroso na parte galega.

3.2 O seu labor en Vigo.

Entre 1915 e 1922, retornado a Vigo desenvolve unha extraordinaria actividade empresarial como promotor e en moitos casos xestor principal de importantes iniciativas en diferentes sectores económicos, as máis importantes son:

  • A Sociedade Xeral Mineira de Galicia
  • Tranvías Eléctricos de Vigo
  • Electra Popular de Vigo e Redondela.
  • Creación do Sindicato de Vigo coa participación de bancos para a compra da Compañía de Gas-Vigo, francesa, que se fusionará coa anterior
  • Vidriera Galega.

En todos os casos anteriores, que non podemos pararnos a comentar pero que debuxan un cadro moi expresivo da situación viguesa neses anos, o papel de Losada é fundamental, e en todos acaba tendo que abandonar, por enfrontamentos co resto dos membros dos Consellos, responsabilizando sempre algún, a miúdo indiano como el,  como intrigante que engana aos outros, que quedan como covardes ou ignorantes.

Transmítenos unha visión ácida e posiblemente lúcida da carencias das nosas elites. As súas principais críticas son  a súa ignorancia, a falta de preparación adecuada ao labor que pretenden asumir,o que vai ser a causa principal da mala xestión. A busca do diñeiro fácil, o egoísmo corto de miras, que se manifesta en prácticas especulativas, como por exemplo coas concesións e coas políticas obstrucionistas. A cooptación  de persoas inadecuadas, baseándose no enchufismo e no afán de medrar e non na capacidade. Esta acumulación de esforzos malogrados e as traizóns, ingratitudes e miserias que foron e seguen sendo o cancro do país, provocan nel a lóxica amargura e o levan  a decidir marchar a vivir fóra “formado el decidido propósito de no ocuparme en lo sucesivo de nada persoalmente en mi país, que no fuese defender mi capital, trasladé mi domicilio de Vigo a Portugal en Febrero del 22” [19]

Unha das claves para entender as dificultades de M. Losada está, ao meu entender, no seu propio carácter.  Losada é o antilider, se tal concepto existe, o seu capital relacional é negativo. Sen dúbida isto débese, en parte a insensibilidade e desconsideración coas que aborda as relacións cos outros. Da lectura das cartas aclaratorias que envía aos seus opoñentes podemos deducir que o que el considera análises racionais, honrados e directos son moitas veces auténticos exercicios de descualificación.

O dito ata agora non quita que houbera nas súas críticas sobre as elites  burguesas galegas algo máis cun fondo de verdade, de feito algunhas das súas previsións cumpríronse e algunhas das súas propostas, máis de 80 anos despois podemos consideralas acertadas.

3.3 O seu labor no Val Miñor.

6_concello_gondomarNo 1906  regala ao concello de Gondomar un reloxo  de torre para que se coloque na casa consistorial, pensando que sería útil para fixar unha hora oficial no concello que evitara os habituais conflitos entre os regantes. En agradecemento a esta achega a corporación decide darlle o seu nome a unha rúa do pobo.  Realiza tamén diversas doazóns en metálico tanto para obras do Concello, como para diferentes axudas, todo o cal suma unha cantidade importante.

No 1911, compra a casa natal e a entrega ao concello coa promesa da edificación de dúas escolas de instrución primaria e unha biblioteca. A obra foi proxectada por J.Esténs Romero, o arquitecto das Escolas Proval. [20] Este asunto provocoulle non poucos desgustos, xa que o Concello non cumpriu os compromisos, a obra fíxose tarde e mal e púxose a funcionar sen rematar. Losada tratou de que os veciños protestaran pero non o conseguiu. Doce anos despois, nunha visita á vila atopou que nas escolas os nenos tiñan que estar coas pernas encollidas porque o chan está encharcado da auga que entraba polo teito, indignado, denunciou o caso e conseguiu que as pecharan e se fixera unha investigación pola que foron sancionados algúns funcionarios municipais. Poucos meses despois as escolas  volvéronse a abrir nas mesmas condicións.  Este caso pode ser unha mostra de como ás veces Losada tiña razón. No lugar daquelas escolas está agora o centro de saúde e unha praciña co seu nome.

Na idea de mellorar a agricultura e tras decatarse de que un dos problemas tiña que ver coa calidade da semente, que era necesario anovar periodicamente, enviou sementes de millo  e liño  e pediu que se repartiran entre algúns agricultores. A pesar de que a colleita foi un éxito, pronto deixáronse de utilizar, o que non deixou de asombralo.

No que se refire a escola da UHA foi dende o comezo un entusiasta colaborador, e fixo xenerosas achegas materiais, como unha boa cantidade de cartos na subscrición extraordinaria para o edificio, aínda que pondo como condición que se construíra no  actual emprazamento. Ademais achegou unha boa colección de libros e a subscrición a unha revista americana sobre agricultura. Tamén deu unha cantidade de cartos anualmente para premios.

A partir da súa instalación en Vigo, no ano 16, é nomeado membro do Consello de Administración polo que participou en diversas actividades, traballou para o acondicionamento da biblioteca, elaborou informes para a C. D.  sobre a marcha das obras e dos xardíns, presentou diversa propostas tanto para difundir a obra no Val como de clases prácticas de comercio e colaborou na resolución dos problemas que ían xurdindo. Toda esta gran actividade vaise cortar bruscamente polo seu enfrontamento con Lemos e coa CD o que o levará  no ano 17 a dimitir por primeira vez e a deixar a sociedade no ano 22.[21]

tranviaA rivalidade con Lemos  xa comezará antes da construción do edificio da escola e non fixo máis que ir crecendo. A concepción de Losada era de crear unhas escolas prácticas de formación profesional e experimentación agrícola, non de estudios primarios. En breve, estaba en contra, co seu estilo agresivo, do que el chamaba “programa Lemos.” A raíz da expulsión do director da escola, no ano 23, Losada enfrontarase coa CD facendo grosas imputacións como  a seguinte “ ¿El sr. Lemos procede de buena fe o pretende disgustar a las personas que algo valen, de carácter independiente,...sustituyendolos por subalternos o nulidades que le sirvan de pedestal para el logro de sus bastardas pretensiones de farandulero y mangoneador” Esta  carta non só ofendeu a Lemos senón a toda a CD, o que levou a Losada a abandonar a sociedade [22]

Ademais das achegas materiais Losada, bo coñecedor do Val propón unha serie de medidas para o seu desenvolvemento: Respecto as augas, cree que se deberían crear pequenos encoros nalgúns dos ríos, e unha rede de pequenos canles que fixeran os campos de regadío e que permitiran regularizar os arroios evitando as inundacións. Outra proposta era a de canalizar o Miñor dende o mar ata Gondomar facéndoo navegable para embarcacións axeitadas, tamén “sanear” as marismas e vendelas en lotes. No Pegonegro, propón montar un balneario, aproveitando as augas medicinais que se atoparan alí.

No que se refire ás comunicacións do Val, traballou para traer o tranvía, intervindo no seu trazado, que  se correspondería co actual ata Panxón, pero dende aí el propuña desvialo cara ao interior, por Nigrán, Camos, Parada, San Pedro e iría a dar a Xunqueira, onde pola ponte iríase  cara a Baiona e outro ramal nos levaría a Gondomar. Este traxecto resultaría máis económico e comunicaría o que  eran as zonas máis poboadas do Val. [23]

Despois do ano 27, Losada marchará de novo a Arxentina e máis tarde a EEUU pero esa é outra historia.

En conclusión, estes foron uns breves apuntes para achegarnos ás vidas de dous homes diferentes e semellantes. Fixéronse a se mesmos en condicións adversas, dotados dunha intelixencia natural e unha amplitude de miras que os levou a moverse con naturalidade nos máis diversos círculos. Ningún dos dous esqueceu as súas orixes e ambos trataron de achegar á súa terra o seu esforzo para que fora posible para nós un futuro mellor. O seu labor xeneroso e solidario merece sen dúbida o noso recoñecemento.

Xunto a eles outros moitos, algúns coñecidos como Dámaso Moreira, Euloxio Pino, Francisco Cano, Gumersindo Busto, pero hai moitos máis, centos de homes e mulleres anónimos que contribuíron á construción dunha sociedade civil na nosa comarca, baseada nos valores da solidariedade e da democracia.  Algunhas desas vidas, hoxe esquecidas, constitúen parte do máis valioso e positivo legado inmaterial. Recuperar a súa memoria significa poñer as bases dun futuro máis solidario, democrático e cosmopolita.

Varias veces temos lido no Boletín da Asociación a queixa de moitos emigrantes “os de alá nin nos coñecen nin queren coñecernos”. Hoxe, grazas a investigación realizada nos ámbitos académicos durante os últimos vinte anos, temos un coñecemento moito máis profundo do que foi a súa realidade. Dálo a coñecer e seguir traballando nesta liña forma parte da  necesaria recuperación da memoria histórica.

 



[1] Sobre sociabilidade republicana , ÁNGEL DUARTE, La república del emigrante.La cultura política de los españoles en argentina( 1875-1910) Lleida 1998, páx. 110-120.

[2] XOSE M. NÚÑEZ SEIXAS, Emigrantes, caciques e indianos Vigo 1998 páx 78- 88

[3] ÁNGEL DUARTE, opus. Cit páx. 121,22 e El otoño de un idealEl republicanismo histórico español y su declive en el exilio de 1939 Madrid 2009. páx. 117-129

[4] BUHA discurso de Labra. Hispanoamericanización. Nº 90 B. A. 1917 e XOSE M. NÚÑEZ SEIXAS, op. cit., páx155-156

[5] JUSTO BERAMENDI, De provincia a nación .historia do galeguismo político.vigo 2007, páx.327,321

[6] BOLETÍN DE LA U.H.A. ( BUHA) Nº20, Bós Aires 1911

[7] BUHA. Nº41. B. A. 1913

[8] BUHA Nº 121, B. A. 1919

[9] PEREIRA DOMINGUEZ, Mª C. La labor educativa iberoamericana y la creación de las Escueals Pro-Valle Miñor a principios el siglo XX. Madrid Univ. Complutense, teses de doutoramento nº 381/382 e no referente ao Consello de Administración  asi como a resposta á obra dos indianos XOSE M. NÚÑEZ SEIXAS, op. cit.,

[10] BUHA Nº 34, 85

[11] M. Pío Calvo Lemos. Discurso con motivo dol 70 aniversar da fundación de Praia América. Arquivo persoal.

[12] X.  M. NÚÑEZ SEIXAS, Emigrantes, caciques e indianos Vigo 1998 páx 102- 104

[13] M. Pío Calvo Lemos. Op.cit.

[14] Proxecto de urbanización de Praia América, Arquito Municipal de Nigrán (AMN)

[15] BUHA nºs 171,172,177,178,180,182,184,186

[16] Arquivo familia Lemos

[17] M. LOSADA CARRERA. Vigo y su progreso . Un puñado de verdades. Alicante 1927

[18] BUHA Nº 112

[19] M. LOSADA CARRERA. Op.cit

[20] M. SOLIÑO Y VARIOS. Gondomar. Historia, Arte  e territorio. Vigo1995

[21] BUHA nº 171-176. B. A. 1923

[22] Rev.  Vida Galega. Nº 239,240 Vigo 1923

[23] A. GIRÁLDEZ LOMBA. Recordando los tranvías de Vigo. Vigo 2005 páx. 214-217

BIBLIOGRAFÍA

Arquivos e bibliotecas:

Arquivo Municipal de Nigrán

Biblioteca Penzol

Biblioteca Municipal de Vigo

Biblioteca do Instituto de Estudos Miñoranos

Documentación privada da familia Lemos

Documentación privada da familia Abal

Prensa

BUHA- Boletín Oficial de la Unión Hispano-Americana pro-Valle Miñor, Bos Aires  (1909-1930)

Vida  Gallega

Revista do Instituto de Estudos Miñoranos

Obras de referencia

AAVV: Gondomar. Historia, Arte  e territorio. Vigo1995. Ed. Ir Indo

BERAMENDI Justo: De provincia a nación. Hª do galeguismo pol.. Vigo 2007. Ed. Xerais

COSTA RICO, Antón: Historia da educación e da cultura en Galicia. Vigo 2004. Ed. Xerais

DUARTE Montserrat, Ángel: La república del emigrante. La cultura política de los españoles en argentina. Lleida 1998. Ed. Milenio

El otoño de un ideal. El republicanismo histórico español y su declive en el exilio de 1939.Madrid 2009, Ed. Alianza

GIRÁLDEZ LOMBA, Antonio: Recordando los tranvías de Vigo. Vigo 1995.. Servicio de publicaciones de la Diputación de Pontevedra

LOSADA CARRERA. Vigo y su progreso . Un puñado de verdades. Alicante 1927

MALHEIRO GUTÍERREZ, X. M: As escolas de emigrantes e o pensamento pedagógico. Ignacio Ares de Parga e Antón alonso ríos. A Coruña 2006. Ed. Do Castro

NÚÑEZ SEIXAS, X. M.: Emigrantes, caciques e indianos. Vigo 1998. Ed. Xerais

PEREIRA DOMINGUEZ, Mª C. La labor educativa iberoamericana y la creación de las Escuelas Pro-Valle Miñor a principios el siglo XX. Madrid U. C. M., teses nº 381/382