Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Homenaxe a Antonio Fraguas Fraguas. Xoves 23 de maio ás 20:30H

O vindeiro xoves 23 de maio o Instituto de Estudos Miñoráns, IEM, en colaboración co concello de Gondomar, celebrará unha homenaxe a Antonio Fraguas Fraguas, a quen se lle dedica a data das Letras Galegas este ano.

Camiño Noia Campos, catedrática emérita de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo, ofrecerá unha charla sobre este narrador oral excepcional e intelectual con unha popularidade moi pouco común, que contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento.

O grupo Teatro do Ar, representará a obra Distintas compañías inspirada en contos e lendas recollidas por Antonio Fraguas.

Acompañando á palabra e a escena, estará a actuación de Urbano Cabrera, cantautor galego de ampla traxectoria no mundo da música, comprometido coa potenciación do idioma galego, en toda clase de estilos, dende o folkata o blue.

O primeiro disco de Urbano Cabrera, Tarantela, saíu á luz en 1996, ó que seguirán Segundo Andar no 2000 e Penalba en 2004. En 2018 edita o recopilatorio Selección, tanto en formato físico coma en streaming. En maio de 2019 sairá́ publicado o seu derradeiro traballo Soñarás en maio coas chuvias de abril.

O acto terá lugar na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avda. da Feira 10 Baixo, ás 20:30H

Está en:  Inicio
Skip to content
O Escritor na súa Terra: Xosé María Álvarez Cáccamo. Vilaboa PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Escrito por IEM   
Martes, 16 Xuño 2015 21:25
1434108200796LetraECaccamo-

O pasado sábado 6 de xuño tiveron lugar en Vilaboa os actos da homenaxe "O Escritor na súa Terra" que lle correspondeu este ano ao poliédrico Xosé Mª Álvarez Cáccamo, entre cuxas múltiples facetas destaca, sobranceiramente, a de poeta. A primeira parte destes actos desenvolveuse no parque público situado á beira do colexio de Riomaior, entre este centro e o peirao de Sta Cristina, mesmo a carón do mar de San Simón, onde un espírito sensible pode talvez esculcar nos átomos da airexa eferente os salaios da namorada de Mendiño. Parque público que, dende ese día, ostenta orgulloso o nome do poeta. Neste marco excepcional inaugurouse un monumento conmemorativo, unha espiral en pedra, ideado polo escultor Ánxel Huete como símbolo da poesía, esa poesía sempre igual e sempre diferente, pasando sempre polos mesmos lugares pero a distinta altura, sempre vella e sempre nova, efémera e eterna.

Dende o nihil novum sub sole salomónico, poetas de todas as épocas e latitudes repetiron e glosaron a máxima, entre eles Rosalía: somos relós que repetimos eternamemte o mesmo. Hoxe faino de novo Huete co seu magnífico poema pétreo, poema completísimo que amosa, ademais, un breve texto en letras de ferro: O poema arredor da moreira verme de seda. Poema en estado inicial, á espera da metamorfose propiciada polo poeta, auténtico deus creador: dos ovos das súas vivencias nace a eiruga, a idea do poema, que se alimenta durante un tempo moi variable ata converterse en crisálida; ela, produto perfeccionado polo creador, abrirá agora as alas da publicación e será bolboreta a voar de flor en flor con cuxo pole se completará e será, por fin, o poema acabado, os múltiples poemas acabados.
A homenaxe completouse, na súa parte artística e literaria, na Casa da Cultura, onde Pepe Cáccamo recibiu a letra E das mans de Silverio Rivas, autor da peza escultórica.
Foron actos nos que a poesía foi protagonista. Non só pola espléndida metáfora de Huete; os discursos pronunciados por todos os intervenientes estiveron salpicados, ás veces inzados, de poesía; o presidente da AELG, o concelleiro de Cultura, a tenente de Alcalde, todos quixeron unirse á festa poética nas súas intervencións. Queremos salientar aquí, e pór á disposición dos nosos lectores, para sumarnos á homenaxe, a Laudatio de Xavier Rodríguez Baixeras e a resposta de Pepe Cáccamo, dúas magníficas pezas oratorias que representan con enorme solvencia a homenaxe da letra E, de Escritor. Desfrutádeos.

Laudatio

 

Resposta