Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Homenaxe a Antonio Fraguas Fraguas. Xoves 23 de maio ás 20:30H

O vindeiro xoves 23 de maio o Instituto de Estudos Miñoráns, IEM, en colaboración co concello de Gondomar, celebrará unha homenaxe a Antonio Fraguas Fraguas, a quen se lle dedica a data das Letras Galegas este ano.

Camiño Noia Campos, catedrática emérita de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo, ofrecerá unha charla sobre este narrador oral excepcional e intelectual con unha popularidade moi pouco común, que contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento.

O grupo Teatro do Ar, representará a obra Distintas compañías inspirada en contos e lendas recollidas por Antonio Fraguas.

Acompañando á palabra e a escena, estará a actuación de Urbano Cabrera, cantautor galego de ampla traxectoria no mundo da música, comprometido coa potenciación do idioma galego, en toda clase de estilos, dende o folkata o blue.

O primeiro disco de Urbano Cabrera, Tarantela, saíu á luz en 1996, ó que seguirán Segundo Andar no 2000 e Penalba en 2004. En 2018 edita o recopilatorio Selección, tanto en formato físico coma en streaming. En maio de 2019 sairá́ publicado o seu derradeiro traballo Soñarás en maio coas chuvias de abril.

O acto terá lugar na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avda. da Feira 10 Baixo, ás 20:30H

Está en:  Inicio
Skip to content
Mínima xustificación para un novo logo PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Escrito por IEM -Sec   
Domingo, 01 Maio 2016 22:38
logo iem

Moitas cousas sucederon nestes quince anos de vida do IEM, unha comunidade cultural moi activa que se define no traballo desinteresado e o compromiso co lugar. Quince anos nos que desenvolveu con acerto todo tipo de prácticas ligadas á recuperación e posta en valor do patrimonio material e inmaterial do Val Miñor, ademais de dar entrada a novas xeracións de socios e membros colaboradores, acadar unha sede estable e ampliar as súas actividades á rede, amosando a dimensión universal dun labor inscrito no ámbito local.


 

A idea de renovar o logo non é nova, pois leva anos asomando nas conversas a conta dun folleto impreso, unha charla divulgativa ou calquera outra actividade. En todo caso era menos un problema de imaxe como de falta de criterios ou protocolos no seu uso. E cando o IEM estableceu a súa sede en Gondomar, na Aula Ponte de Rosas, esas carencias fixéronse visibles. Así, dende esa lóxica multidisciplinar que define as súas actividades, axiña foi evidente a necesidade dun novo logo que, ademais de presidir e asinar proxectos e traballos, tentase responder ás moitas cuestións que sobre a imaxe e funcións da institución foron xurdindo nestes últimos anos.

Se cadra vivimos un tempo que estimula a formación de iniciativas que xorden de xeito exponencial aquí e acolá, e abranguen campos, intereses e temáticas moi ricas e diversas. Neste contexto cómpre pensar no IEM como unha referencia inmaterial, estable e aberta, que ofrece visibilidade, apoios, complicidade e compromiso. Así, recoller, acoller, canalizar ou fomentar son accións que expresan moito mellor, coido, o sentido dos traballos e funcións actuais do IEM. Dese xeito, se aceptamos que a perspectiva crea o marco, podemos pensar nun logo que abandona o aire limpo dos cumes, descende das alturas e bota a rodar pola cunca.

Este é o novo logo do IEM. Se cadra unha imaxe con pretensións icónicas para un tempo dixital. Un logo que, con excepcións, prescinde do título completo, Instituto de Estudos Miñoráns, concepto distante e anacrónico seica, e vén centrarse só no anagrama. É esta unha decisión avalada pola tendencia global imposta pola comunicación nas redes sociais, mais tamén polo necesario achegamento ao uso cotián e coloquial. IEM. O IEM. Unha idea de síntese formal que se prolonga na unificación de figura e texto, -ler a figura, escenificar o texto- o que lle presta maior visibilidade e presencia, sobre todo no pequeno tamaño e no papel impreso. Lonxe da saturada estética que nos abafa, esta proposta, máis núa e austera, máis atenta ao ritmo, vén defender aquela vella tese pola que o ollo, por razóns de economía e eficacia visual, prefire as formas sinxelas e plásticas que integran continente e contido e provocan a interpretación cómplice na mente do espectador.

Autor

Fino Lorenzo