Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

PROSPECCIÓN ARQUEOLÓXICA, DOCUMENTACIÓN E RESTAURACIÓN DOS PETRÓGLIFOS DE GARGAMALA (Mondariz, Pontevedra)

Este proxecto de prospección arqueolóxica, documentación e restauración dos petróglifos de Gargamala (Mondariz), promovido polo Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, será executado polo equipo técnico multidisciplinar do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) dirixido e coordinado polo historiador e arqueólogo Xosé Lois Vilar Pedreira e do que forman parte: María Dolores Álvarez Rey, Eloy Martínez Soto, Bruno Centelles García, Xilberte Manso de la Torre, José Antonio Viña Arias, Eduardo Méndez-Quintas, Andrea Serodio Domínguez, Manuel Ledo Bernárdez e Jesús Rodríguez Diéguez coa colaboración especial, nas tarefas de prospección, de Cándido Verde e José Álvarez Alonso (O Buraco).

Nos días 5 e 6 de outubro de 2018 un incendio arrasou 150 Ha das parroquias de Sabaxáns e Gargamala (Mondariz) que afectou a área nuclear dos petróglifos de Gargamala con distinto grao de incidencia (termoclastos, ennegrecemento da superficie, arrastes de depósitos sobre as superficies) e deixando unha paisaxe depauperada e a pracer dunha forte erosión da tona terrea.

O conxunto de petróglifos obxecto desta actuación sitúase entre os 400 e os 470 m.s.n.m.. A gran maioría deles ocupando a parte alta dos outeiros (GA 36030023-18-11), as valgadas entre eles no caso do Campado (GA 36030055-14-15-54), chans como Campo Redondo (GA 36030038) cun amplísimo dominio visual ,que chega á Serra do Galiñeiro, parello ó emprazamento dos petróglifos da Coutada (Taboexa, As Neves) ou As Portaxes no Monte Tetón (Tebra, Tomiño) tamén obxecto de prospección, estudo, posta en valor e musealización por parte do Instituto de Estudos Miñoráns.

Na zona de actuación destaca a presenza dun ulleiro aproveitado polos veciños para a traída de augas doméstica e na outra vertente hai varios muíños hidráulicos.
Estamos ó redor das coordenadas 545.686/4.679.970 
(datum: ETRS 1989, fuso 29).

Esta concentración de petróglifos atópase na parroquia de Gargamala, no concello de Mondariz, composta polas aldeas de Vedrelos e O Soutiño na zona meridional e A Rúa, Mourelle, Boente e O Barro. A parroquia está rodeada por Frades, Riofrío, Sabaxáns e Toutón como freguesías do mesmo concello e polo norte polas de Traspielas e Ventín do concello de Fornelos de Montes. Estamos no sur do Suído nun mundo de serra onde as aldeas escasean e foi zona tradicional de pastoreo que deixou pegadas etnográficas nos chozos, neveiras, cerres para o gado e nos foxos de lobo.
Estamos no val medio-alto do río Tea cara o que drenan os núcleos habitados de Gargamala. A zona noroeste do Castro Chouso, O Foxo do Lobo, A Chan de Cairón... botan as augas no río Barragán que desauga no río Oitavén ó pé do castro da Cidade (Calvos, Fornelos) na mesma presa das Eiras.


Está en:  Inicio
Skip to content
SOS CABALOS SALVAXES GALEGOS PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Escrito por IEM   
Sábado, 14 Xullo 2018 13:13


NECESITAMOS A TÚA AXUDA

 

Os garranos, burras do monte, bestas ou cabalos salvaxes galegos necesitan da túa axuda para salvarse e, polo que se queres colaborar, podes aportar a cantidade que consideres nesta conta do Instituto de Estudos Miñoráns, que está a colaborar coa coordinadora de asociacións, nas que están, entre outras: Asociación Cabalar Monte Acibal de Amil, A Rapa das Bestas de Sabucedo, Asociación de Propietarios de Cabalos do Monte da Groba, Asociación Lobo, Instituto de Estudos Miñoráns e SOS Groba, entre outras.

Nuns dia temos que presentar en Estrasburgo un recurso para que se recoñeza a singularidade destes animais e se faga un regulamento específico que os protexa e regule, no que se contemplen tódolos valores naturais e culturais, e se ordene a súa presenza nos seus hábitats tradicionais, así como as festas das rapas e os curros.


Necesitamos fondos para pagar os gastos de todo o procedemento que probablemente superen os 6.000 €, e é polo que lanzamos este comunicado de petición de axuda.

IBAN conta do Instituto de Estudos Miñoráns: ES95 2080 5035 0730 4001 4164

indicando SOS CABALOS SALVAXES GALEGOS.

 

Poderás seguir informado na páxina do IEM: www.iem.gal ou no blog do Proxecto Equus: https://proxectoequus.wordpress.com/2017/04/28/o-proxecto-equus/

Os garranos, bestas, cabalos bravos ou burras do monte, denominacións que teñen, dependendo do lugar de Galicia no que se atopen, están en perigo de extinción.

Dende unha coordinadora de asociacións, na que están ecoloxistas, besteiros, naturalistas, asociacións de rapas e curros e científicos de varias universidades de Galicia, lanzamos unha chamada de socorro para tentar axudar a que este rico patrimonio natural e cultural de Galicia non desapareza dos nosos montes e serras.

Son moitas as accións que se están levando a cabo para tentar pór en valor este patrimonio, e dar a coñecer a realidade dun animal que só se coñece cando sae nos medios de comunicación por accidentes ou, agora no verán, cando a xente ve as fotos e imaxes das rapas e curros que hai por toda a nosa xeografía.

DSC08678

A pesares dos esforzos dalgúns grupos e asociacións que están traballando arreo para que estes animais non desaparezan, son moitas as dificultades e atrancos cos que se atopan. Un dos maiores e a falla dun recoñecemento específico da singularidade destes animais e o seu valor como patrimonio natural e cultural, como probablemente os únicos cabalos xenuinamente salvaxes que quedan no mundo e o gran valor etnográfico das rapas e curros. Asemade os beneficios que a súa presenza supón para a biodiversidade e os ecosistemas nos que viven, nomeadamente a súa relación cos lobos e as breixeiras húmidas atlánticas, ámbolos dous ameazados. O chamado Decreto equino 142/2012, do 14 de xuño, supuxo un dos maiores atrancos para o mantemento destes animais salvaxes e para o das festas das rapas e curros, ó tratar os garranos como gando ou animais "mostrencos", obrigar á súa identificación cun microchip e non recoñecer as súas singularidades que levan aparellado unha moi necesaria atención para non provocar o que no mundo dos ecosistemas supón a intervención da man do home con novas variables e controis desestabilizadores.

Recoñecemos a necesidade de que se regulen e se controlen axeitadamente estes animais para minimizar accidentes e incidentes indesexables, pero sempre tendo en conta os seus valores e a necesidade do seu mantemento nunha terra na que están ininterrompidamente, antes incluso que as poboacións humanas que despois os aproveitaron, primeiramente como pezas de caza para comer e despois como animais que domeados supuxeron un gran empurre na evolución social das poboacións , ao seren utilizados como animais de tiro e no transporte de mercadorías e de homes. A domesticación dos garranos ou Equus ferus atlanticus, axudou moito aos nosos antepasados na súa supervivencia e está recollido nos gravados rupestres, e na literatura épica dos romanos que nos visitaron, o aprecio e a importancia que lle deron.

Tócanos agora tentar que se recoñezan estes valores e lograr que non desaparezan dos nosos montes, e que nun mundo e nunha paisaxe galega con profundas transformacións, sexa posible o seu mantemento con outros usos e explotacións dos montes, sen entrar en colisión uns e outros intereses.

P1090543

Agora mesmo temos a necesidade de pedir axuda para poder levar avante unha das dúas canles coas que estamos traballando para acadar o obxectivo de salvar os cabalos salvaxes galegos. A vía legal, coa derrogación do chamado decreto equino no que afecta aos garranos, e a vía da negociación coa Xunta de Galicia e de tódolos grupos parlamentarios para que se redacte un regulamento específico que recoñeza, regule e defenda aos garranos ou cabalos salvaxes de Galicia.

Na primeira das vías os nosos asesores legais dinnos que debemos seguir ata o Tribunal de Estrasburgo, onde probablemente se recoñezan os postulados que nós defendemos e que suporían un pulo para que fose máis doada a segunda vía, da redacción dunha lexislación específica .

O interese desta coordinadora só é o de que a maior brevidade (o tempo vai contra dos intereses dos garranos que cada día van a menos nos nosos montes) se atope unha solución, o que nos obriga a estar en frontes e batallas legais que non desexamos, mais que son necesarias para a defensa dos garranos.

Recorrer ao Tribunal de Estrasburgo supón uns custos económicos, a maiores dos que xa se levan empregado noutros recursos, dos que non dispomos e, por iso, é que necesitamos da túa colaboración.

http://www.iem.gal/component/content/article/39-novas/1565-sos-cabalos-salvaxes-galegos