Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

XEIRAS IEM 2018- NIGRÁN- Ao son das campás de Parada. II Certame de Campás e Campaneiros. Martes 17 de xullo ás 18:30h.

O vindeiro martes 17 de xullo ás 18:30h terá lugar a cuarta xeira de verán polo concello de Nigrán (Parada) Ao son das campás de Parada. II Certame de Campás e Campaneiros, dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada por Anxo Rodríguez Lemos.

O punto de encontro será na Igrexa de Santiago de Parada de Miñor:

HABERÁ DOUS INTÉRPRETES EN LINGUA DE SIGNOS PARA XORDOS.

Rosalía de Castro choraba co seu maxín, plasmado na súa obra Cantares Gallegos, as nostálxicas campás de Bastavales que atronaban co seu tocar o ceo do Val da Maía. Eran as campás un dos elementos sonoros que cada un levaba consigo no seu pensar xunto ás cantigas e pezas musicais aprendidas dende a nenez, rexedoras dun mundo daquela sen a sofisticada tecnoloxía actual pero ben regulado por un tocar encargado de marcar as horas de traballo, anunciar nacementos, casamentos, mortes, festas ou quizáis afastar as temerosas treboadas da comunidade. Modernas maquinarias a base de mazos electrónicos substitúen, aos poucos nas nosas parroquiais, ás mans daquelas persoas encargadas de facer falar as campás. Seguindo ás xornadas iniciadas no ano 2007 pola Asociación Cultural Os Chichisos de Pontevedra, o Instituto de Estudos Miñoráns iniciou en 2015 un certame na vila de Baiona chamado a continuar polas igrexas do Val de Miñor co fin de recoller, da man dos seus campaneiros, aqueles toques antigos en vías de desaparecer para sempre. Este ano serán dúas as campás, do século XIX e XX, as que, dende a igrexa parroquial de Santiago de Parada de Miñor, serán tocadas por Esther Nande Figueroa, sancristana e campaneira do lugar do Sobreiro, a partir das 18:30 na cuarta xeira do IEM.

Está en:  Inicio
Skip to content
Homenaxe a Fernando Pérez- Barreiro Nolla. PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Martes, 04 Xaneiro 2011 22:37
fernando

Desde o Instituto de Estudos Miñoranos queremos participar na homenaxe que o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional tributa a Fernando Pérez-Barreiro Nolla no cabodano do seu inesperado pasamento.
Na "Aula de Cultura Ponte de Rosas", que xestiona o IEM no concello de Gondomar, hai algo máis dun ano que Fernando participou nunha mesa redonda con Xosé Luis Méndez Ferrín e Miguel Barros sobre a figura de Ramón Piñeiro, titular do "Día das Letras Galegas nese ano de 2009.
A súa intervención foi para todos os oíntes unha dose de aire novo, fronte a unha atmosfera encalmada nos últimos lustros de discursos repetidos sobre unha Galicia que non dá collido o paso propio para manterse no seu sitio e non recuar.
Este fillo de Galicia, galego universal, herdou o talante dun Sarmiento ou dun Luis Seoane, que desde fóra miraban pola súa terra e cada un cos seus medios espertaban o afecto e autoestima de todos nós.
Desde o IEM, dedicado a revalorización do local, do próximo e singular da nosa vida colectiva de galegos miñoranos, valoramos en Fernando esa visión que compartimos dunha Galicia máis alá das catro provincias. Nós e a nosa diáspora somos máis nós para encarar un futuro no que non se perdan os valores desta terra de xente acolledora, laboriosa, universal e festeira. Valores que Fernando e a súa dona Teresa Barro levaron con eles e cultivaron na súa diáspora londiniense.
Polo seu fogar acolledor pasaron unha serie de amigos galegos que compartían con eles o entusiasmo de ir facendo Galicia. A laboriosidade de Fernando e Teresa queda consagrada nas obras que nos deixaron, tanto de traducións como de obra propia, e na súa constante disposición a colaborar sempre. Desde antes do Premio Nacional de Tradución que recibiron en 1985 por Alicia no País das Maravillas, en lingua galega, ata a Medalla Castelao en 2009, pasaron décadas de traballo arreo con Galicia como centro de reflexión. A universalidade era a súa postura máis frecuente para estudar calquera problema de proxección galega. As traducións, os artigos, as entrevistas na prensa ou radiofónicas, moitas en colaboración con Xulio Ríos no IGADI, son mostras dos mellores froitos de universalidade en lingua galega. A festa de Fernando era a palabra. Estar cos amigos e falar. Era pouco amigo dos transportes, pero moi amigo de chegar, de estar en calquera cafetería de Baiona, de pasear por Compostela ou por Allariz, de volver ó Ferrol ou á Coruña dos primeiros anos na compaña de Teresa. Todo era festa se estaba presidido por unha conversa amical.
Ademais, como síntese dos valores da xente acolledora, laboriosa, universal e festeira que se perpetúan en Galicia e na súa diáspora, Teresa e Fernando crearon e participaron no "Grupo de Traballo Galego en Londres" durante os últimos corenta anos, facendo estudos e emitindo informes desde a capital inglesa, que foron chegando, primeiro en papel e máis tarde na rede, a amigos e interesados polo presente de Galicia.
Hai un ano que perdemos este amigo, modelo da unión entre o local e o universal. Quédannos os lazos de afecto que foi tecendo entre os amigos e quedan vivas as súas palabras. Hoxe o Instituto de Estudos Miñoranos trae a esta homenaxe unhas palabras de Fernando que queremos compartir cos seus amigos aquí presentes:
Para quen crea no valor da diversidade e na importancia da creación cultural descentralizada, de que a persoa teña un fogar cultural máis íntimo do que o mundo, pero poida apreciar e valerse das creación e valores doutras culturas, a realidade das diásporas pode ser moi esperanzadora.

 

Instituto de Estudos Miñoranos
Baiona, 7 xaneiro 2011