Hoxe finou Xosé Reigosa Solleiro. Imprimir

O IEM - Novas
Escrito por IEM   
Martes, 21 Febreiro 2012 23:27
xose-reigosa

O Instituto de Estudos Miñoranos informa aos seus socios/as , amigos/as da triste nova do falecemento de Xosé Reigosa Solleiro, ocorrido no día de hoxe, 21 de febreiro de 2012. Coa súa partida pérdese a un home que durante toda a súa vida traballou arreo na defensa do medio ambiente, así como en innumerables loitas polos dereitos do noso país e a súa xente.
Xosé Reigosa foi activista social e ecoloxista. Fundador e membro de SOS Groba, A Ría non se vende, Galiza non se vende, aínda que a súa grande ferramenta de traballo nos derradeiros anos foi o movemento Salvemos Monteferro.
Gañador, xunto cos seu irmán Anxo Reigosa do V Premio Nano Cambeiro de Xornalismo, outorgado polo IEM polo seu desenvolvemento na web www.salvemosmonteferro.org. Daquela, o xurado informaba que "Esta decisión foi unánime na Xunta de Goberno do Instituto, sentíndose orgullosa de que este grupo de persoas -sensibilizadas coas graves agresións sufridas no entorno natural de Monteferro, paraxe costeira única na ría de Vigo-, fosen quen de artellar a primeira web ecoloxista do Val Miñor en torno a cal se concentrou a gran mobilización social que conseguiu a paralización do proxecto de urbanización de Monteferro."
Foi para nós un gran fornecedor de ideas e actitudes en defensa dos valores e patrimonio da bisbarra do Val Miñor. No noso recordo permanente continuará a selo. Ata sempre Xosé!