Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

XVIII XEIRA ALÉN MIÑOR A CORUÑA E A MARIÑA CORUÑESA (24-25 de novembro)

As primitivas dimensións da Coruña ocupaban o que hoxe se coñece como Cidade Vella. Era A Coruña intramuros, e tanto o seu trazado como a súa arquitectura explican a historia desta cidade.A Cidade Vella fíxose á medida humana.Pedra, vidro e madeira mesturáronse para dar acubillo a fidalgos como a artesáns ou mariñeiros. A Porta Real foi a primeira entrada á primitiva cidade.

Moito que ver ou recoñecer nesta cidade vella, acompañados por un guía que é un dos referentes da cultura contemporánea do país, Felipe Senén.

A sede oficial da Real Academia (edificio dezaoitesco), noutro tempo propiedade de Pardo Bazán, moi preto da Colexiata de Santa María (principios do sc. XIV) que foi a igrexa dos gremios do mar e do comercio

Na contorna sitúase a Praza de Azcárraga. Está trazada sobre dous planos diferentes. No máis elevado enmárcase a antiga praza da Fariña, en cuxa bonita bóveda se acubilla a fonte do Desexo; no plano inferior está o palacio neoclásico da rexión militar noroeste, que data de 1740 e que acolleu a constitución da Xunta Suprema do Reino de Galicia en 1808, con motivo do alzamento coruñés contra as tropas napoleónicas.

O Convento de Santo Domingo levantouse a finais do século XIII, foi incendiado polos homes de Francis Drake a fins do XVII. A Igrexa data do século XVII e é de estilo barroco galego.

Moitos persoeiros, aventureiros, escritores, filósofos, científicos, ou persoas sen título como María Pita, que se enfrontou a Drake ou lideraron a resistencia ós franceses, viviron ou tiveron relación coa cidade. O Duque de Toscana, Cosme de Medicis, nunha das súas viaxes de coñecemento, o mariño Alejandro Malaspina, militares ou estadistas, como Porlier ou Melchor de Macanaz. Sir John Moore (repousa nos xardíns de San Carlos). Personaxes, espíritos da cidade ou simples cidadáns que inspiraron á Condesa de Pardo Bazán en "A Pedra Angular" ou a obra de Murguía e de Rosalía, os que xogaron co neno Pablo Picasso, que iluminaron o pensamento de Wenceslao Fernández Flórez ou de Salvador de Madariaga.

A cidade vella agocha máis recunchos queridos polos seus veciños, como o A Praza e O Convento das Bárbaras, próximos o Castelo de San Antón (hoxe Museo Arqueolóxico), antiga fortaleza do século XVI que se edificou sobre unha illa para protexer a entrada da ría dos ataques do pirata Drake. Ou o arquivo do Reino De Galicia (1775), que está encargado da recollida, custodia e posta a disposición do público da documentación de ámbito galego e provincial, xerada por diversos organismos de carácter xudicial ou administrativo con sede na provincia da Coruña.

 

Está en:  Inicio
Skip to content
40 organizacións reclaman a protección da Serra da Groba PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Xoves, 22 Marzo 2012 13:08
serragroba

40 organizacións ecoloxistas, de defensa do patrimonio cultural e veciñais, vimos de presentar de maneira conxunta alegacións á Proposta de ampliación da rede Natura 2000 de Galicia, elaborada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A citada Proposta estivo aberta á participación pública até o pasado sábado, día 17 de marzo.
Queremos manifestar, nomeadamente, o noso total desacordo coa delimitación do LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) Serra da Groba e Monte da Valga.
Queremos denunciar que a extensión do novo LIC é claramente insuficiente, impedindo que se poidan protexer de maneira efectiva os valores naturais máis representativos desta serra litoral.
A delimitación que propón a administración galega exclúe do espazo protexido a maior parte das turbeiras e breixeiras húmidas que existen na serra da Groba. Paradoxalmente, a presenza destes hábitats no espazo natural foi a razón esgrimida pola propia Xunta de Galicia para a declaración deste LIC de nova creación, en cumprimento da Decisión 2004/813/CE da Unión Europea.
Nesta decisión comunitaria, a Unión Europea insta ao Estado Español a ampliar a protección destes hábitats na rede europea Natura 2000, pois considéraos insuficientemente representados. Este incumprimento da normativa comunitaria en territorio galego, xa motivou de feito unha condena do Tribunal de Xustiza comunitario ao estado español.
Como dato revelador, segundo os nosos cálculos case o 70% da superficie de turbeiras do sistema montañoso da Groba quedaría fóra da área de protección.
Por outra parte, a delimitación do novo espazo protexido é absolutamente arbitraria, pois deixa fóra de protección toda a liña de cumes da serra, dando como resultado un trazado absurdo que vai en contra dos criterios máis básicos de ordenación do territorio e de delimitación de espazos protexidos.
A desprotección na que quedan sumidos os principais valores naturais da serra da Groba resulta evidente:
- Non se contempla a existencia de cervunais, unha tipoloxía de pasteiros de montaña amplamente distribuídos ao longo de toda a serra da Groba, considerados na normativa comunitaria como de conservación prioritaria.
- Na serra da Groba existen un mínimo de 3 especies vexetais incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas; dúas delas considéranse En Perigo de Extinción. As súas poboacións quedan excluídas da área protexida.
- O trazado do novo LIC constitúe unha nova ameaza para a sobrevivencia dunha das maiores poboacións de cabalo galego de monte, variedade de cabalo primitivo de grande valor xenético que cumpre un papel fundamental na conservación dos hábitats naturais e da biodiversidade da serra da Groba.
Por desgraza o que está a suceder coa serra da Groba non é unha excepción, pois a Proposta de ampliación da rede Natura que ven de presentar a Xunta de Galicia continúa deixando o noso país no último lugar en superficie protexida de todo o estado español, a máis de 10 puntos porcentuais por debaixo da media estatal. Iso a pesar de que somos a 3ª comunidade autónoma en nº de hábitats de interese comunitario por unidade de superficie (a media galega supera os 17 hábitats de interese comunitario por cada 100km2).
As organizacións que asinamos estas alegacións informamos á Xunta de Galicia da existencia de numerosos hábitats e especies amparados pola lexislación comunitaria (nomeadamente pola Directiva 92/43/CEE e pola Directiva 2009/147/CE, máis coñecidas como Directiva Hábitats e Directiva Aves, respectivamente.).
Acompañando as nosas alegacións adxuntamos ademais unha proposta alternativa, que inclúe unha memoria descritiva dos principais valores naturais da serra, así como diversos planos. Nestes planos representamos a distribución das principais turbeiras e hábitats prioritarios da zona, e ofrecemos unha delimitación alternativa para o novo Lugar de Importancia Comunitaria Serra da Groba e Monte da Valga. 

Para descargar a alegación completa preme aquí.

Simulación do parque eólico Albariño I na Serra da Groba

Dim lights Embed Embed this video on your site