Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

PROSPECCIÓN ARQUEOLÓXICA, DOCUMENTACIÓN E RESTAURACIÓN DOS PETRÓGLIFOS DE GARGAMALA (Mondariz, Pontevedra)

Este proxecto de prospección arqueolóxica, documentación e restauración dos petróglifos de Gargamala (Mondariz), promovido polo Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, será executado polo equipo técnico multidisciplinar do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) dirixido e coordinado polo historiador e arqueólogo Xosé Lois Vilar Pedreira e do que forman parte: María Dolores Álvarez Rey, Eloy Martínez Soto, Bruno Centelles García, Xilberte Manso de la Torre, José Antonio Viña Arias, Eduardo Méndez-Quintas, Andrea Serodio Domínguez, Manuel Ledo Bernárdez e Jesús Rodríguez Diéguez coa colaboración especial, nas tarefas de prospección, de Cándido Verde e José Álvarez Alonso (O Buraco).

Nos días 5 e 6 de outubro de 2018 un incendio arrasou 150 Ha das parroquias de Sabaxáns e Gargamala (Mondariz) que afectou a área nuclear dos petróglifos de Gargamala con distinto grao de incidencia (termoclastos, ennegrecemento da superficie, arrastes de depósitos sobre as superficies) e deixando unha paisaxe depauperada e a pracer dunha forte erosión da tona terrea.

O conxunto de petróglifos obxecto desta actuación sitúase entre os 400 e os 470 m.s.n.m.. A gran maioría deles ocupando a parte alta dos outeiros (GA 36030023-18-11), as valgadas entre eles no caso do Campado (GA 36030055-14-15-54), chans como Campo Redondo (GA 36030038) cun amplísimo dominio visual ,que chega á Serra do Galiñeiro, parello ó emprazamento dos petróglifos da Coutada (Taboexa, As Neves) ou As Portaxes no Monte Tetón (Tebra, Tomiño) tamén obxecto de prospección, estudo, posta en valor e musealización por parte do Instituto de Estudos Miñoráns.

Na zona de actuación destaca a presenza dun ulleiro aproveitado polos veciños para a traída de augas doméstica e na outra vertente hai varios muíños hidráulicos.
Estamos ó redor das coordenadas 545.686/4.679.970 
(datum: ETRS 1989, fuso 29).

Esta concentración de petróglifos atópase na parroquia de Gargamala, no concello de Mondariz, composta polas aldeas de Vedrelos e O Soutiño na zona meridional e A Rúa, Mourelle, Boente e O Barro. A parroquia está rodeada por Frades, Riofrío, Sabaxáns e Toutón como freguesías do mesmo concello e polo norte polas de Traspielas e Ventín do concello de Fornelos de Montes. Estamos no sur do Suído nun mundo de serra onde as aldeas escasean e foi zona tradicional de pastoreo que deixou pegadas etnográficas nos chozos, neveiras, cerres para o gado e nos foxos de lobo.
Estamos no val medio-alto do río Tea cara o que drenan os núcleos habitados de Gargamala. A zona noroeste do Castro Chouso, O Foxo do Lobo, A Chan de Cairón... botan as augas no río Barragán que desauga no río Oitavén ó pé do castro da Cidade (Calvos, Fornelos) na mesma presa das Eiras.


Está en:  Inicio
Skip to content
"Nestas pedras será sempre lembrado don Paco del Riego". PDF Imprimir Correo-e

O IEM - destacados
Escrito por IEM   
Xoves, 08 Xaneiro 2015 01:33

Paco-del-Riego

Paseando pola praia de Lourido:  “dúas voltas, dúas veces de ida e volta, ata xunta do Regueiro, mollando os pés na auga ou pisando as areas douradas e falando cos amigos que decote me acompañaban. Eses paseo non me esquecerán nunca, eran dous quilómetros e pico de ida e dous mil e pico metros de volta e o resto ata completar doce quilómetros ata chegar ao río. E despois eran as subidas a Monteferro para contemplar o mar máis aberto, eran a chegada ao monte Lourido e a súa circunvalación para contemplar as pónlas dos piñeiros reflectidas na foz da Ramallosa, no relanzo da foz. Eran as subidas tamén a San Pedro da Ramallosa para contemplar dende o outeiro todo o panorama que se abría diante de nós; pero en realidade Nigrán, e o Val Miñor en xeral, é un val das miñas preferencias. Amo coma ningún o meu val nativo, o val de Lourenzá, pero esperta unha singular afección e amor este val do Miñor, este val miñorano co que me sinto compenetrado e identificado, con el e as súas xentes”. (Paco del Riego, Pazo da Touza, 19-X-2002)

paco-lourido

Don Paco mantivo unha intensa colaboración co IEM dende as primeiras horas da botadura desta gamela do Miñor. Para todas e todos os fornecedores da asociación foi un compañeiro de honra. E para os que embarcamos anos despois sen a fortuna de coñecelo persoalmente, converteuse nun referente necesario. Todas e todos aprendendo  do seu legado e traxectoria.

Naceu en 1913 en Vilanova de Lourenzá, radicouse na cidade de Vigo e por máis de tres décadas fixo de Nigrán a súa morada nos meses de primavera e verán, no seu piso de Panxón.

Este 7 de xaneiro don Paco del Riego cumpriría 102 anos. Neste día queremos lembralo e agradecerlle toda a súa vida dedicada a Galicia e a defensa da nosa cultura.

Visitaremos o camposanto de San Pedro da Ramallosa onde descansan as súas cinsas para lembralo e telo presente neste ano que comeza. Agardamos que o seu exemplo nos axude na difícil tarefa de manter acesa a chama da defensa da cultura galega e do país. (Xilberte Manso, Panxón, 7-I-2015)

 

hotel-paco

 

Na intensidade dos primeiros meses de vida, o IEM promoveu o seu nomeamento como fillo adoptivo de Nigrán. “Consideramos que se hai alguén no que se poden personificar os avatares da cultura e da lingua galega ao longo do século XX é na extraordinaria vida e obra de don Francisco Fernández Del Riego, entregada sen reservas ao engrandecemento cultural de Galicia[i].

O 19 de outubro de 2002 o pleno extraordinario presidido polo alcalde José Manuel Rial Cadaval, outorgou por unanimidade dita distinción a don Paco. Primeiro nun emotivo acto celebrado no salón de plenos do concello e despois no camoés Pazo da Touza. No 2004 don Paco recibiu un dos premios que creamos neses anos, o Nano Cambeiro de xornalismo, instituído en lembranza do director do xornal O Miñor e impulsor inicial do IEM.

Na tarde do 26 de novembro de 2010 recibíamos a triste nova do seu pasamento. Deixábanos o “socio de honra”, o fornecedor de ideas e actitudes en defensa da lingua e da cultura nacional. Mais no noso recordo permanente continuará a selo, como deixamos escrito na praia de Lourido naquelas homenaxes de 2002: "Nestas pedras será sempre lembrado don Paco del Riego".

 

pedra-lourido-paco

 



[i] Proposta do IEM ao Concello de Nigrán para nomear a Francisco Fernández del Riego fillo adoptivo. Redactada por Antonio Lago,  7-IX-2002.