Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

PROXECTO EQUUS CONFIRMANDO O NOVO PARADIGMA. A ARTE DESPOIS DOS LUMES.

PROXECTO EQUUS
CONFIRMANDO O NOVO PARADIGMA.

A ARTE DESPOIS DOS LUMES.

Hoxe, venres 29 de decembro, nunha roda de prensa no salón de actos do Centro de Interpretación do Patrimonio de Taboexa (As Neves) presentouse ao público a que, sen dúbida, é a mellor superficie de arte rupestre descuberta en Galicia nas últimas dúas décadas.

Estiveron presentes na mesa Xosé Manuel Rodríguez, alcalde de As Neves; Cándido Verde, Xosé Álvarez "O Buraco" e Xilberte Manso, descubridores do petróglifo, Xosé Lois Vilar, Eloy Martínez e Manolo Ledo, da sección de arqueoloxía do IEM, acompañados polo presidente da Comunidade de Montes de Taboexa.

Os participantes apoiaron as súas intervencións na proxección de fotografías e renderizados de modelos 3D resaltando as principais características e singularidades do conxunto de petróglifos descuberto.

Ó remate da roda de prensa desprazáronse á zona do descubrimento para completar as súas explicacións.

Desde o Instituto de Estudos Miñoráns continuaremos cos traballos que nos leven a completar o estudo deste extraordinario conxunto de gravados rupestres considerado xa un dos mellores de Galicia polo seu tamaño, pola súa tipoloxía e pola cantidade e variedade de figuras representadas.

Está en:  Inicio
Skip to content
XEIRA IEM-Tomiño. Goián- "O Camiño do Norte a Santiago. Goián. A Vila da Barca." Sábado, 16 de setembro, ás 18:00 h. PDF Imprimir Correo-e

O IEM - destacados
Escrito por IEM -Sec   
Martes, 12 Setembro 2017 22:31
espazo fortaleza

O vindeiro sábado 16 de setembro ás 18:00h gozaremos dunha nova xeira polo concello de Tomiño "O Camiño do Norte a Santiago. Goián. A Vila da Barca.", dentro do programa das xeiras de verán 2017 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada polo especialista Antonio Soliño Troncoso.

 

O punto de encontro será a Igrexa de Goián.

Enlace ao punto de encontro:

https://drive.google.com/open?id=1O3ISag-mf8KRF1h-jyzqNuasC94&usp=sharing

 

AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2017

CAMIÑO DE NOSA SEÑORA DO NORTE. GOIÁN

Guía

ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO

A XEIRA. APROXIMACIÓN

O Camiño do Norte a Santiago sepárase do central en Barcelos -Portugal- e logo de pasar polos concellos de Viana do Castelo e Vila Nova de Cerveira mediante tramos que enxergan un moi importante patrimonio histórico, etnográfico e artístico entra en Galicia por Goián, antes a través dunha barca, hoxe servíndose da ponte de formigón sobre o Miño. A primeira opción citada desembarcaba ao pé da Fortaleza de San Lourenzo e tras bordear o cruceiro da Barca e o Pazo-Torre dos Correa pasa a Estás (Virxe Peregrina do s. XVIII) e logo ao Mosteiro (consérvase a igrexa románica do s. XII mais o Pazo dos Troncoso de Lira) e ao  Seixo, en Tomiño, para continuar por Pousadela e Hospital, onde o topónimo fai referencia ao que existiu para peregrinos dende 1295 (documentado por Hipólito de Sa). Cruzada a ponte do século XIV, segue a Vilameán tras pasar polo Freixoal, onde se conserva un interesante cruceiro do XVII. A continuación tira cara a Tebra (igrexa románica do XII, onde está soterrado Álvaro Suárez de Deza, fundador da Torre renacentista conservada no Outeiro) e a seguir sobe por Cima de Vila para entrar no municipio de Gondomar pola Portela de Couso. Tras cruzar Gondomar e Vigo volve enlazar co central en Redondela.

Esta xeira pretende mostrar o inicio do citado camiño en territorio galego e para iso imos percorrer e visitar parte da actual parroquia de Goián, que no final da Idade Media estaba dividida en dúas: Santiago de Tollo e San Cristovo de Goián. A primeira de reguengo, a segunda de señorío (dende o século XIV estivo vinculada á familia Correa). A partir do XVI Tollo xa aparece como anexo de Goián e no XIX fusiónanse. Coa chegada do Estado Liberal, Goián consegue constituírse en concello en 1813 e repite no Trienio Liberal. A partir de 1836 pasa a integrar o de Tomiño.

Ao longo da última xeira deste ano veremos a configuración urbana dunha vila na que é parte fundamental o concepto de horta murada, falaremos de indianos e da pintoresca arquitectura construída polos “brasileiros”, analizaremos a arquitectura relixiosa actual e citaremos a desaparecida, percorreremos un moi particular cemiterio hixienista, toparémonos coas variantes etnográficas do Baixo Miño, confrontaremos as características da arquitectura militar das fortalezas do XVII coa gótica do castelo de Vila Nova de Cerveira, evocaremos a Vila da Barca e circularemos á beira do Miño polo Camiño da Nosa Señora do Norte para achegarnos ata o Pazo-Torre dos Correa. Ademais, contemplaremos unha paisaxe única sucada pola maior vea de auga de Galicia. Todo durante as tres horas que nos levará percorrer os cinco quilómetros dun treito circular de mínima dificultade.