Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Conferencia da artista e educadora interdisciplinaria Cristina Pato "Transcendendo disciplinas: artista sostible do século XXI". Venres 22 de xuño Ás 20:30h no Auditorio de Nigrán


O vindeiro venres 22 de xuño, ás 20:30 horas, o Instituto de Estudos Miñoráns organiza a conferencia de Cristina Pato "Transcendendo disciplinas: artista sostible do século XXI". Será presentada por Camiño Noia Campos. Nas breves interpretacións musicais será acompañada polo acordeonista miñorán, Premio Grammy, Roberto Comesaña. Terá lugar no Auditorio de Nigrán.

 

Cristina Pato (Ourense, 1980)

Artista e Educadora Interdisciplinaria.
Membro e Asesora de Educación do Silk Road Ensemble de Yo-Yo Ma

Blodgett Distinguished Artist in Residence na Universidade de Harvard (Departamento de Música).

 

Cristina Pato é unha gaiteira, pianista, produtora e educadora apaixonada. Aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” polo The New York Times, e como “un dos mestres vivos da gaita” polo The Wall Street Journal, a súa vida profesional está adicada ao intercambio cultural e a forxar novos camiños para a Gaita Galega. Cristina ten actuado en grandes escenarios de todo o mundo e ten lanzado e producido seis discos como gaiteira solista e dous como pianista, e colaborado en máis de 40 gravacións como artista invitada.

 

A educación xoga un papel esencial na vida persoal e profesional de Cristina. Traballa como Asesora de Educación do Silkroad, e é artista residente na Universidade de Harvard e na Universidade de California Santa Barbara, onde desenrola proxectos educativos interdisciplinares sobre o papel das artes na sociedade.

 

Cristina posúe un Doutorado en Musical Arts pola Rutgers University (EUA) os títulos superiores de Piano, Teoría da Música e Música de Cámara polo Conservatorio de Musica do Liceu, e un Master en Artes Dixitais (Música Dixital) da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona. Foi a fundadora do festival Galician Connection, e escribe unha columna semanal para La Voz de Galicia.

 

En 2017 Cristina Pato foi nomeada Blodgett Distinguished Artist in Residence na Universidade de Harvard (Departamento de Música).

 

Está en:  Inicio
Skip to content
Presentación da revista REM nº 16/17 o venres 1 de xuño ás 20:30 h no Auditorio de Nigrán. PDF Imprimir Correo-e

O IEM - destacados
Escrito por IEM -Sec   
Martes, 29 Maio 2018 00:59
nuevodocumento 2018-05-28_3
O venres 1 de xuño, ás 20:30h no Auditorio de Nigrán, presentarase a revista REM nº 16/17 do Instituto de Estudos Miñoráns.

O acto contará coa colaboración e actuación de alumnas do Conservatorio Elemental de Música de Gondomar e as intervencións de Xulián Maure Rivas, director do IEM, Xosé Lois Vilar Pedreira, Xilberte Manso de la Torre, Víctor Lorenzo, Antonio Soliño Troncoso e José Ramón Ojea Vidal que farán unha breve presentación das súas colaboracións. Presenta o acto María Lemos Cerqueira.

Presentación REM 16

Estas son as novas "Achegas" que entrega a Revista de Estudos Miñoráns (REM). § Empeza cunha breve memoria das contribucións que a Sección de Etnografía e Arqueoloxía do IEM foi elaborando e que acaba de culminar coa presentación da tese doutoral de Eduardo Méndez-Quintas na Universidade de Burgos: Caracterización y variabilidad tecnomorfológica de las industrias achelenses de la cuenca baja de río Miño (NO de la Península Ibérica). § Esta mesma Sección presenta un adianto dos estudos que ven facendo sobre a presenza dos garranos nos montes das terras miñotas e a súa posible relación temática cos petróglifos desta comarca. § Nestes anos en que os desafiuzamentos marcaron a gravidade da crise económica e social, achegamos varios documentos nos que uns veciños da Baiona medieval (século XV) quedan privados do foro que tiñan coa igrexa de Santa María. § No número 12-13 desta revista apareceu un pequeno dosier con varios artigos sobre o Porto do Molle. Agora neste número dáse unha breve pero cumprida información do estado actual deste parque empresarial con cerca de mil novos postos de traballo cunha grande porcentaxe de alta cualificación. § Sobre o proceso sociolingüístico do Val Miñor hai dous estudos de moi distinta natureza. Por unha parte mídese a deriva do uso bilingüe na xuventude miñorana nos últimos trinta anos e por outra estúdase a natureza social da gheada e do seseo en conversas do Val Miñor. § Documéntase a bioinvasión europea da planta medicinal suramericana "marcela" [Achyrocline satureioides (Lam.) DC.] partindo da súa chegada ao Val Miñor. § Recóllese neste número un breve informe sobre a presencia estival de grupos infantís de saharauís acollidos por familias miñoranas. § Dúas intervencións sobre Relixión do mar, Premio Vitoriano Taibo de 2016 salientan o valor poético e social do mundo mariñeiro na obra de Xosé Iglesias. § Finalmente, nos oitenta anos dos comezos asasinos da ditadura de 1936, inclúense un poema inédito de Antón Tovar e o texto da intervención de Montse Fajardo na homenaxe anual da Volta dos Nove.
Os apartados "Especial Arte" está dedicado ao artista escultor miñorán Vitor Lorenzo e "O meu Val Miñor" recolle dous textos, un de Vitoriano Taibo sobre o primeiro Conde de Gondomar e outro un mitin de Basilio Álvarez pronunciado en 1912 no piñeiral da Ramallosa. Remata a revista coas seccións "As novas do IEM" e o "Índice de colaboradores".