Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Acto de entrega do XI Premio de Poesía Victoriano Taibo. inicio tamén da I Semana poética Victoriano Taibo.

O Auditorio Lois Tobío acolle o acto de entrega do XI Premio de Poesía Victoriano Taibo

Desde este sábado, dá inicio tamén a I Semana poética Victoriano Taibo que enmarca a entrega do premio

 

Organizado polo Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns.

E para achegarnos á data no ambiente poético propicio, o IEM inicia, este sábado día 10, a I Semana poética Victoriano Taibo, que encherá de versos a vila de Gondomar, unha festa poética que terá un fermoso ramo o día 17 coa entrega do premio desta décimo primeira edición a Laura Ramos Cuba.

I Semana poética Victoriano Taibo:

O sábado 10, ás 21:00 h. no Café Rañolas comeza esta celebración poética e será cun Slam poético, un recital aberto en que pode participar quen quixer co único requisito de que os textos que recite, dous, sexan de autoría propia e estean na nosa lingua. Cómpre tan só inscribirse previamente no correo electrónico do IEM (oficina@iem.gal). Un xurado escollido entre o público asistente seleccionará ao gañador ou gañadora da noite.

O luns día 12 a poesía tomará os balcóns e as fachadas de Gondomar, ondeando os seus versos en lonas que reproducirán, entre outros, poemas de autores premiados co Victoriano Taibo.

Nesa semana repartiranse tamén entre 14 establecementos hosteleiros manteis ilustrados con poemas.

E no medio da semana, nun lugar céntrico e frecuentado, podermos gozar dunha sorpresa poético-musical que non poderá ser máis anunciada para que, efectivamente, sexa unha sorpresa.

E así chegaremos ao sábado 17, data de entrega do XI Premio Victoriano Taibo.

A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, amenizará o acto en que a autora recibirá o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recitará algúns poemas da súa obra. No acto tamén intervirá o director do IEM, Xulián Maure. Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal a autora asinará libros para quen o desexe.

O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo.

Está en:  Inicio
Skip to content
XVIII XEIRA ALÉN MIÑOR A CORUÑA E A MARIÑA CORUÑESA (24-25 de novembro) PDF Imprimir Correo-e

O IEM - destacados
Escrito por IEM -Sec   
Mércores, 17 Outubro 2018 23:03
coru1

As primitivas dimensións da Coruña ocupaban o que hoxe se coñece como Cidade Vella. Era A Coruña intramuros, e tanto o seu trazado como a súa arquitectura explican a historia desta cidade.A Cidade Vella fíxose á medida humana.Pedra, vidro e madeira mesturáronse para dar acubillo a fidalgos como a artesáns ou mariñeiros. A Porta Real foi a primeira entrada á primitiva cidade.

Moito que ver ou recoñecer nesta cidade vella, acompañados por un guía que é un dos referentes da cultura contemporánea do país, Felipe Senén.

A sede oficial da Real Academia (edificio dezaoitesco), noutro tempo propiedade de Pardo Bazán, moi preto da Colexiata de Santa María (principios do sc. XIV) que foi a igrexa dos gremios do mar e do comercio

Na contorna sitúase a Praza de Azcárraga. Está trazada sobre dous planos diferentes. No máis elevado enmárcase a antiga praza da Fariña, en cuxa bonita bóveda se acubilla a fonte do Desexo; no plano inferior está o palacio neoclásico da rexión militar noroeste, que data de 1740 e que acolleu a constitución da Xunta Suprema do Reino de Galicia en 1808, con motivo do alzamento coruñés contra as tropas napoleónicas.

O Convento de Santo Domingo levantouse a finais do século XIII, foi incendiado polos homes de Francis Drake a fins do XVII. A Igrexa data do século XVII e é de estilo barroco galego.

Moitos persoeiros, aventureiros, escritores, filósofos, científicos, ou persoas sen título como María Pita, que se enfrontou a Drake ou lideraron a resistencia ós franceses, viviron ou tiveron relación coa cidade. O Duque de Toscana, Cosme de Medicis, nunha das súas viaxes de coñecemento, o mariño Alejandro Malaspina, militares ou estadistas, como Porlier ou Melchor de Macanaz. Sir John Moore (repousa nos xardíns de San Carlos). Personaxes, espíritos da cidade ou simples cidadáns que inspiraron á Condesa de Pardo Bazán en "A Pedra Angular" ou a obra de Murguía e de Rosalía, os que xogaron co neno Pablo Picasso, que iluminaron o pensamento de Wenceslao Fernández Flórez ou de Salvador de Madariaga.

A cidade vella agocha máis recunchos queridos polos seus veciños, como o A Praza e O Convento das Bárbaras, próximos o Castelo de San Antón (hoxe Museo Arqueolóxico), antiga fortaleza do século XVI que se edificou sobre unha illa para protexer a entrada da ría dos ataques do pirata Drake. Ou o arquivo do Reino De Galicia (1775), que está encargado da recollida, custodia e posta a disposición do público da documentación de ámbito galego e provincial, xerada por diversos organismos de carácter xudicial ou administrativo con sede na provincia da Coruña.

 

 

Fundación Luís Seoane

Espazo multidisciplinar que dá cabida a tódalas expresións artísticas do ser humano independentemente da súa idade ou procedencia. Obradoiros de debuxo, espazos de creación e coñecemento artístico, colectividades ou autores, lecturas significadas, concertos, teatro, ciclos de cine e curtametraxes, clubs literarios e de lectura, danza e expresión etc.

Encarna o espírito da Galicia emigrante, das raíces e do desterro, o ideal dunha cultura entroncada no popular e en fin, a resistencia contra a ditadura e contra o longo esquecemento. Seoane é para os seus paisanos algo moi próximo e propio, vivido a través dunha herdanza diseminada por todas partes e cun crisol inmenso de creatividade sen fin: pintura, debuxo e gravado, cerámica, tapices, murais, grafista, ilustracións, escritor, poesía…

O domingo visitaremos Betanzos

O Centro histórico foi declarado conxunto-histórico artístico en 1970 e trátase dunha das cidades medievais máis importantes de Galicia (desde 1465),foi capital dunha das sete provincias do antigo Reino de Galicia.

Os ríos que o percorren, Mandeo, Mendo e Mero, que xunto á Ría de Betanzos, conforman unha paisaxe de singular beleza.

No paseo polo centro da vila atoparemos importantes templos románicos como a Igrexa de San Francisco ou a de Sta. María do Azogue, o edificio da Casa Consistorial ou os restos, datados do século XIV, da muralla que rodeaba a cidade, entre outros puntos de interese.

Non se debe deixar de coñecer o legado dos irmáns García Naveira como o Parque do Pasatempo, as Escolas de San Francisco ou a de García Irmáns, estas últimas de estilo modernista.

En Bergondo visita o Pazo de Mariñán

A construción inicial coñécese como "de Bergondo", non de Mariñán .As orixes do Pazo de Mariñán sitúanse a mediados do século XV, por orde de Gómez Pérez das Mariñas ("Señor das Mariñas, de Mesía e de Moscoso", cabaleiro da corte de Juan II, que participou dunha maneira activa nas loitas Irmandiñas). O Pazo e os seus xardíns son conxunto histórico-artístico e monumental por Real Decreto do 5 de outubro de 1972. Na actualidade comparte tres usos: actos institucionais da deputación, centro de congresos e foros e museo do propio Pazo, reunindo boa parte da colección artística da institución provincial.

En Mariñán a arquitectura compleméntase coa paisaxe típica da Mariña que se abre á ría de Betanzos, formada polo río Mandeo. O xardín divídese en tres zonas: ornamental, hortícola e o arboredo. Uns e outros reflicten as distintas formas de aproveitar o terreo.

O xardín foi trazado a comezos do século XIX, baseándose no que xa existía, moito máis sinxelo. O labor de introdución de especies converte a estes espazos de vexetación practicamente en illas botánicas e, ao mesmo tempo, en depositarios da flora e a sensibilidade ornamental galega. As especies decorativas compoñen o grupo máis numeroso, con gran diversidade e monumentalidade, destacando o abeto do Cáucaso, o ciprés de Lawson, os buxos, os teixos, etc.

No xardín hai un pequeno embarcadoiro que ademais de ser utilizado como lugar de lecer servía os donos e os traballadores do pazo para atravesar a ría antes da construción da ponte do Pedrido. A partir de 1997 créase o "xardín da palabra", no que ilustres visitantes plantan unha árbore e ao seu pé deixan para o futuro unha mensaxe.

 

CARACTERÍSTICAS DA XEIRA

DATA:24-25 de Novembro de 2018

GUÍA: Felipe Senén (arqueólogo e museólogo)

HORARIO APROXIMADO.

SAÍDA DO AUTOCAR Sábado: 8:00 de Gondomar, dende a explanada do Pavillón de deportes.

CHEGADA: Domingo, aproximadamente ás 21.00, ó mesmo lugar de partida.

Para anotarse á Xeira haberá que chamar ao IEM ao teléfono 986 360575/ 627 276816, de luns a venres de 18.00 a 21.00, ou escribir un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

  • PREZO SOCIOS/AS: 110 EUROS.
  • PREZO NON SOCIOS/AS:125 EUROS.
  • Nº DE CONTA IEM: ES95 2080 5035 0730 4001 4164

O prezo inclúe a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar do sábado (A Coruña) e do domingo (Betanzos), almorzo do domingo, hotel na Coruña, as visitas e o guía.