Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Homenaxe a Carlos Casares no auditorio municipal Lois Tobío de Gondomar o 17 de maio ás 19:30h.

Cartel divulgativo do evento da autoría de Fino Lorenzo.

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Instituto de Estudos Miñoráns e o concello de Gondomar, a través da concellería de Cultura, homenaxearán a Carlos Casares, miñorán de adopción, cun acto amenizado polo grupo musical, nesta ocasión en formato trío, 2naFronteira (cuxo amplo repertorio incluirá algún poema do escritor celebrado) e dirixido por Marta Dacosta, que irá dando paso a outras actividades, entre as que sobresae a lectura pública de textos do autor homenaxeado. Cómpre tamén salientar a proxección do vídeo Do Vilariño ao Carlos Casares, elaborado polo alumnado e o profesorado do CEIP Carlos Casares, de Vilariño (Nigrán).
O acto comezará ás 19:30h no auditorio municipal Lois Tobío, de Gondomar.

Está en:  Inicio
Skip to content
Valentín Paz Andrade e José Queizán: dous bos defensores PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Escrito por Carlos Méixome   
Mércores, 16 Maio 2012 19:01
Valentin_paz_and


Noutra ocasión falamos dende as páxinas d’A Peneira da causa militar 297/1936 instruída contra o Garda Forestal de Baiona Jaime Martínez Estévez e vista no Consello de Guerra celebrado, o 17 de decembro de 1936, en Vigo, no que resultou condenado a 15 anos de prisión polo delito de “auxilio á rebelión”. Comentabamos daquela que o Forestal procurara un bo defensor, nada máis e nada menos que a Valentín Paz Andrade. O avogado galeguista elaborou unha hábil estratexia defensora argumentando a actuación forzada do seu patrocinado e, nomeadamente, que no momento dos feitos non se declarara o Estado de Guerra en Baiona, onde residía o seu defendido quen ignoraba que si se fixera en Canido (Vigo), lugar dos feitos que os sublevados querían xulgar.

No expediente da causa figura unha providencia, asinada polo instrutor Otero Barge o seis de outubro de 1936, na que se lle comunica ao detido que nomee un novo defensor pois o avogado Paz Andrade estará “ausente por tiempo indefinido de esta ciudad”. Efectivamente don Valentín levaba case un mes fora de Vigo cumprindo a orde do seu primeiro desterro na vila de Verín que remataría en Requeixo da Serra, no corazón da Serra de Queixa, polo Nadal de 1937.

O Forestal propuxo a súa defensa a outro civil, Rafael Quintana Aubert, mais este non a aceptou aducindo o moito traballo acumulado no seu despacho. A desculpa pode ser certa pero tamén o é que naquela altura as autoridades militares rebeldes xa decidiran que non lles gustaba a intervención de civís como defensores. Este extremo déixao ben claro o mesmo Paz Andrade: “Os consellos de guerra escomenzaron axiña. Moitos familiares dos encartados viñeron a me encargar as defensas, o mesmo que farían a outros letrados. Antes de que puderamos actuar, a autoridade militar dispuxo que somente poderían ser exercidas por oficiaes do Exército. Cando se celebrou en Vigo a primeira vista, no Pazo de Xustiza, os acusados eran persoas que eu coñecía, e algunha era amigo. Antes de escomenzar a sesión, conversei con o fiscal militar e algúns auditores, aos que tamben coñecía profesionalmente. Pol-as poucas palabras que crucei con eles, decateime que respondían a instruccións tan drásticas, que o diálogo era inútil.[1]

Ante estas circunstancias o Forestal baionés, e seguro que non foi casualidade, escolleu para a súa defensa ao Alférez de Complemento e avogado, José Queizán Hermida que vai seguir a liña argumental presentada por Paz Andrade. A intervención do pai de María Xosé Queizán fará que o Consello de Guerra, presidido polo Tenente Coronel de Infantería retirado Félix León López, considere o hipotético delito cometido por Jaime Martínez como de “auxilio á rebelión” e non de “rebelión” tal e como solicitaba o Fiscal militar, José María Puga Ramón. A diferenza estaba entre os quince anos de condena que lle caeron e a “reclusión perpetua” solicitada pola acusación militar.

Que Queizán seguise a estratexia defensora de Paz Andrade, e mesmo que fose solicitada a súa intervención noutros casos, non ten moito de estraño xa que era pasante no despacho de don Valentín que o recorda no libro de conversas con Tucho Calvo citado: “Impuxéronlle a estrela de Alférez Provisional. Estuvera no frente de Madrid, cando a capital resistira a primeira ofensiva. Viñera a Vigo con licencia cando eu voltara dos primeiros desterros. Na batalla do Ebro resultou morto por explosión dunha granada de man. Púdose recuperar o cadáver e recibiu sepultura en Vigo”.

As posibilidades de actuación de Paz Andrade como avogado defensor quedaban truncadas non só polo desterro iniciado o 13 de setembro senón pola decisión dos sublevados a que fixemos referencia.

A situación de Xosé Queizán Hermida era ben diferente, xuntaba a súa condición de avogado coa de Alférez de Complemento e a súa intervención sería solicitada en diversas ocasións. Entre outras por Josefina Garcia Segret que lle dedica gabanciosas palabras no seu libro Abajo las dictaduras!![2] A viúva de Hipolito Gallego Camarero, o mestre de Forcadela (Tomiño), asasinado e brutalmente mutilado o cinco de outubro de 1936 nas proximidades do concello de Mondariz xunto a outros baixomiñotos (o comerciante de Amorín, Manuel Piñeiro Zúñiga; Francisco Rodríguez Otero, o célebre “Paquiño de Figueiró”; o cerralleiro de Caldelas de Tui, Domingo Paramos Núñez e os veciños de Guillarei, Manuel Pérez Besada e Fernando Rubio Estévez), contou coa inestimable axuda do mozo Queizán.

Josefina escollera como defensor ao pasante de Paz Andrade, non por casualidade senón como resultado do cruzamento de diversas informacións, entre as que fora definitiva a opinión de Urania Mella. Sabía ben que era un dos poucos que reunía as condicións de militar e avogado e dos aínda menos que podían colaborar na argucia que tiña imaxinado para salvar a vida. Queizán agarrouse á insinuación da Segret de que sospeitaba que estaba embarazada, como a un cravo ardendo. Empregou este feito non ante o tribunal senón ante algún xefe militar e dese xeito logrou o indulto para a súa defendida, condenada a morte. Mesmo insinuou, ante un coronel, a posterior solución: “vostede tranquila, non vaia abortar”. Logo a imprescindible colaboración dos doutores tudenses: Abraldes e Darío Álvarez Blázquez lograron o obxectivo. Josefa Segret andou por penais e cárceres ata marzo de 1944 en que foi posta en liberdade.

Carlos Méixome

14 maio 2012

 

 

 

 



[1] Calvo, T.: Valentín Paz-Andrade, a memoria do século. Ediciós do Castro, Sada, 1998, p. 123

[2] Garcia Segret, J.: Abajo las dictaduras!!. Edición da autora, Vigo, 1982