Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Resolución do II Certame Escolar de Creación Dramática.

Reunidos os membros do xurado integrado por Miguel Anxo Mouriño Fernández, escritor e membro do IEM, Fátima Granxa Paz, en representación dos grupos da sección de teatro do Instituto de Estudos Miñoráns e Luís Carballo Moure, membro do IEM, que actuou como secretario, acordaron por unanimidade a concesión do premio do II Certame Escolar de Creación Dramática, que convoca o IEM en colaboración co concello de Gondomar ao CEIP Souto Donas (Gondomar) pola obra Día de pesadelo.

A obra foi escrita polas alumnas Carolina Figueroa Granxa, Erea Estévez Vilar e Zayra Costasde 6° curso de E.P.

O xurado, tamén acordou conceder accésit as seguintes obras:

Vaia tres na arribada! CEIP De Mallón

A casa embruxada. CEP Sabarís

Unha historia de piratas. C.E.I.P. Serra- Vincios

O premio consta de tres partes: un lote de libros, a publicación da obra na web do IEM e a súa representación polo grupo de teatro "A Moura" de Chaín, no colexio de Souto-Donas.

Ademais, o xurado decide entregar a cada participante un diploma acreditativo de participación no certame escolar de creación dramática.

Gondomar a 30 de marzo de 2019.

Está en:  Inicio Conferencias e obradoiros
Skip to content
Don Paco entre Nós. PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Escrito por Xilberte Manso de la Torre   
Luns, 14 Xaneiro 2013 19:57
0001_don_paco_entre_-nos
Francisco Fernández del Riego e o Val Miñor

Este 7 de xaneiro de 2013 Francisco Fernández del Riego cumpriría 100 anos se estivese neste mundo dos vivos. Por desgraza o 26 de novembro de 2010 pasou a outra vida, como se di normalmente na nosa cultura cristiá, e o día 30 do mesmo mes acompañámolo, xa convertido en cinzas, no seu derradeiro paseo polo Val Miñor, ata o cemiterio de san Pedro da Ramallosa onde se foi atopar coa súa querida Evelina, para repousar eternamente no nicho 258.
Chegados a esta data na que as lembranzas se fan para salientar o paso por este mundo dos finados, e sendo esta unha cifra redonda que poucos acadan en vida, son moitos os actos e recordatorios da vida e obra do persoeiro. Mais don Paco, para nós, non é un persoeiro calquera ao que se lle fan gabanzas merecidas pero moitas veces interesadas. Dende a nosa modesta asociación, gustaríanos ofrecerlle neste ano algo máis que unha simple homenaxe ou recordatorio, que intentaremos sexa o máis digna e sentida posible. Tempo haberá ao longo do ano para actos, conferencias, homenaxes, ofrendas que louben a súa obra, personalidade e entrega á tarefa de conservar e construír o noso país e a súa identidade. Nós dende este recanto do mundo que el escolleu para repousar en vida e tamén na morte, queremos renderlle unha homenaxe permanente, por suposto lembrándoo e sobre todo traballando arreo como el nos ensinou, pondo pequenos graos de area na cada día máis difícil tarefa de non deixar ao esquecemento a nosa cultura, a nosa lingua e toda a terra da patria galega. Aí, no traballo cotián é onde tentamos imitalo e, dalgún xeito, homenaxealo. A súa memoria, presente sempre, e a súa gran xenerosidade con nós, fannos debedores agora máis que nunca de honrar a súa figura e tentar que as xeracións futuras saiban algo máis que o seu nome escrito nun libro, nunha placa ou nun busto nunha praza ou un edificio. Explicar o seu labor e as súas obras e, sobre todo, a súa grande e polifacética personalidade e entrega ao país, como un dos verdadeiros bos e xenerosos, será tarefa que non esqueceremos e que tentaremos realizar día a día.
Son moitas as pegadas que deixou no Val Miñor, e máis concretamente en Nigrán, e para nós ao lembralas nesta folla conmemorativa, véñennos á cabeza os intres nos que compartimos mesa e tertulia para abordar proxectos para o Val Miñor, nas que nos gorentaba coas súas anécdotas e a súa gran memoria, que tiña na cabeza o país e os seus máis grandes persoeiros. Polo menos unha vez ao ano tentabamos achegarnos a unha mesa na que non podían fallar os percebes que tanto lle gustaban, e aproveitar para que nos contase o seu parecer de temas da actualidade e nos aconsellase. Sempre modesto, falaba con sumo respecto e agasallábanos co seu humor retranqueiro. De aí viñeron as doazóns da biblioteca da súa casa da praia de Lourido, como a el lle gustaba chamar ao que nós hoxe chamamos praia América. Quixo que Nigrán, que o fixera fillo adoptivo seguindo unha proposta do propio IEM, tivese un agasallo seu para que as xeracións futuras visen nos libros, en parte dos seus numerosos e importantes libros, a tarefa que todos temos por diante para co país e a nosa lingua. Fíxonos depositarios e gardiáns dos seus libros . Recollémolos na súa casa, catalogámolos e pasaron a formar parte da incipiente biblioteca miñorá que o IEM tentaba crear. Nun incidente que non paga a pega lembrar, eses libros fóronnos demandados pola máxima autoridade do concello nese intre, e despois de consultar con don Paco, que reiterou que nós eramos os depositarios e responsables deses libros, para non mesturar o seu nome nunha liorta absurda, fixemos entrega dos mesmo á biblioteca de Nigrán, na que están hoxe. Chegados ata aquí, gustaríanos aproveitar esta data do ano do seu centenario para facer unha petición ás autoridades de Nigrán para que aproveiten a ocasión, xa que se está a elaborar o novo PXOUM, e se contemple a creación dunha nova biblioteca, que satisfaga as demandas dos veciños e veciñas de Nigrán con espazo suficiente, medios e unha situación máis accesible, para que todos poidan gozar dun verdadeiro lugar para a cultura e a formación dos nosos nenos e maiores. Esa nova biblioteca podería denominarse biblioteca municipal Francisco Fernádez del Riego, como homenaxe do concello a tan ilustre e importante veciño.
Poucos anos antes de morrer tivo don Paco que vender a súa casa de Nigrán. Non por que quixese cambiar de aires, senón por imperativos do tempo e das circunstancias. A morte de Evelina e a súa precaria saúde impedíanlle vir tanto como quería a ela, e decidiu vendela. Mais isto non fixo que se afastase do Val Miñor e de Nigrán. Tamén tomara outra decisión que foi a de ficar entre nós, el e a súa dona, o día que rematara a súa vida, e así foi como decidiu que os seus restos ficasen no cemiterio de san Pedro da Ramallosa . Mentres, nós procuramos traelo sempre que a súa saúde llo permitiu a comer uns percebes e ollar ese areal de Lourido que tantas veces pisou. Aí ten a placa que o lembra, e nós agardamos que os veciños de Nigrán nunca o esquezan, nin neste ano do seu centenario nin nos vindeiros.
Val de Miñor, xaneiro de 2013.
Xilberte Manso de la Torre, membro da xunta de goberno do IEM

Descarge o albúm de imaxes: "Don Paco entre nós"