Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

PROSPECCIÓN ARQUEOLÓXICA, DOCUMENTACIÓN E RESTAURACIÓN DOS PETRÓGLIFOS DE GARGAMALA (Mondariz, Pontevedra)

Este proxecto de prospección arqueolóxica, documentación e restauración dos petróglifos de Gargamala (Mondariz), promovido polo Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, será executado polo equipo técnico multidisciplinar do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) dirixido e coordinado polo historiador e arqueólogo Xosé Lois Vilar Pedreira e do que forman parte: María Dolores Álvarez Rey, Eloy Martínez Soto, Bruno Centelles García, Xilberte Manso de la Torre, José Antonio Viña Arias, Eduardo Méndez-Quintas, Andrea Serodio Domínguez, Manuel Ledo Bernárdez e Jesús Rodríguez Diéguez coa colaboración especial, nas tarefas de prospección, de Cándido Verde e José Álvarez Alonso (O Buraco).

Nos días 5 e 6 de outubro de 2018 un incendio arrasou 150 Ha das parroquias de Sabaxáns e Gargamala (Mondariz) que afectou a área nuclear dos petróglifos de Gargamala con distinto grao de incidencia (termoclastos, ennegrecemento da superficie, arrastes de depósitos sobre as superficies) e deixando unha paisaxe depauperada e a pracer dunha forte erosión da tona terrea.

O conxunto de petróglifos obxecto desta actuación sitúase entre os 400 e os 470 m.s.n.m.. A gran maioría deles ocupando a parte alta dos outeiros (GA 36030023-18-11), as valgadas entre eles no caso do Campado (GA 36030055-14-15-54), chans como Campo Redondo (GA 36030038) cun amplísimo dominio visual ,que chega á Serra do Galiñeiro, parello ó emprazamento dos petróglifos da Coutada (Taboexa, As Neves) ou As Portaxes no Monte Tetón (Tebra, Tomiño) tamén obxecto de prospección, estudo, posta en valor e musealización por parte do Instituto de Estudos Miñoráns.

Na zona de actuación destaca a presenza dun ulleiro aproveitado polos veciños para a traída de augas doméstica e na outra vertente hai varios muíños hidráulicos.
Estamos ó redor das coordenadas 545.686/4.679.970 
(datum: ETRS 1989, fuso 29).

Esta concentración de petróglifos atópase na parroquia de Gargamala, no concello de Mondariz, composta polas aldeas de Vedrelos e O Soutiño na zona meridional e A Rúa, Mourelle, Boente e O Barro. A parroquia está rodeada por Frades, Riofrío, Sabaxáns e Toutón como freguesías do mesmo concello e polo norte polas de Traspielas e Ventín do concello de Fornelos de Montes. Estamos no sur do Suído nun mundo de serra onde as aldeas escasean e foi zona tradicional de pastoreo que deixou pegadas etnográficas nos chozos, neveiras, cerres para o gado e nos foxos de lobo.
Estamos no val medio-alto do río Tea cara o que drenan os núcleos habitados de Gargamala. A zona noroeste do Castro Chouso, O Foxo do Lobo, A Chan de Cairón... botan as augas no río Barragán que desauga no río Oitavén ó pé do castro da Cidade (Calvos, Fornelos) na mesma presa das Eiras.


Está en:  Inicio Conferencias e obradoiros Artigos Nigrán acolle a presentación de A senda de sal de Fran Fernández Davila. Xoves día 14, ás 20 horas,
Skip to content
Nigrán acolle a presentación de A senda de sal de Fran Fernández Davila. Xoves día 14, ás 20 horas, PDF Imprimir Correo-e

Ciclos conferencias e obradoiros - Artigos
Escrito por IEM -Sec   
Domingo, 10 Decembro 2017 18:09
25086835_10213792813792631_1130064502_o

A editorial Galaxia, coa colaboración do IEM, presenta esta novela que ten a Panxón como un dos seus protagonistas

Este xoves día 14, ás 20 horas, no Salón de Plenos de Nigrán, a Editorial Galaxia, coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoráns, IEM, presentan a novela A senda de sal de Fran Fernández Davila.

Na presentación, o autor estará acompañado de Juan González, alcalde de Nigrán, e a escritora Marta Dacosta, da Xunta de goberno do IEM.

O autor, Fran Fernández Davila

Vigués residente en Panxón, enxeñeiro de Minas, nos últimos anos comezou dar a coñecer a súa obra literaria. En poesía resultou finalista do Premio Victoriano Taibo nas dúas últimas edicións, coas obras Capetón e Saint-Pierre-et-Michelon. En 2017, comezou acadar os primeiros premios en narrativa, o de Relato Curto "A Cividade" de Mos, con "O premio", e o de MicroCatrorrelatos, con "As balas de Kock". Ese mesmo ano, obtén o Premio de novela por entrega de La Voz de Galicia con A senda de sal.

A senda de sal

Intriga, segredos, poesía, mar, historia e memoria son os ingredientes cos que o autor compón esta obra que nos vai enredando nas súas redes até atraparnos. A senda de sal é unha novela ambientada no sur de Galiza, que une presente e pasado e crea un fresco literario en que Panxón, o Val de Miñor, é protagonista.

Un vello mariñeiro de Panxón, no solpor da súa vida, sente a necesidade de relatar unha serie de acontecementos da súa mocidade que se remontan á Segunda Guerra Mundial, cando Vigo e o Val Miñor xogaron un papel clandestino pero decisivo, e que tiveron un impacto histórico considerable. A senda de sal arrinca co encontro entre ese mariñeiro e unha muller en crise, a quen escolle para rescatar da

memoria máis distante aqueles feitos en que, sendo neno, tivo unha participación fundamental. Unha trama que afonda nos misterios dun tempo que aínda temos que descubrir. Un tempo en que Galiza e a comarca de Vigo xogaron, moitas veces ao seu pesar, un papel fundamental. Na costa sur de Galicia conflúen os dous bandos que pouco despois deberían de enfrontarse na contenda bélica mundial: aliados e nazis. Un drama en que os galegos tamén se verán implicados.

 

O autor combina á perfección o emprego ben dosificado dun estilo de claras reminiscencias literarias coa eficacia narrativa, facendo que a intriga medre en intensidade, coma quen recada as pezas dun crebacabezas que van tomando sentido aos poucos, mais que non mostran todo o seu significado até que colocamos a derradeira peza.