Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

PROSPECCIÓN ARQUEOLÓXICA, DOCUMENTACIÓN E RESTAURACIÓN DOS PETRÓGLIFOS DE GARGAMALA (Mondariz, Pontevedra)

Este proxecto de prospección arqueolóxica, documentación e restauración dos petróglifos de Gargamala (Mondariz), promovido polo Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, será executado polo equipo técnico multidisciplinar do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) dirixido e coordinado polo historiador e arqueólogo Xosé Lois Vilar Pedreira e do que forman parte: María Dolores Álvarez Rey, Eloy Martínez Soto, Bruno Centelles García, Xilberte Manso de la Torre, José Antonio Viña Arias, Eduardo Méndez-Quintas, Andrea Serodio Domínguez, Manuel Ledo Bernárdez e Jesús Rodríguez Diéguez coa colaboración especial, nas tarefas de prospección, de Cándido Verde e José Álvarez Alonso (O Buraco).

Nos días 5 e 6 de outubro de 2018 un incendio arrasou 150 Ha das parroquias de Sabaxáns e Gargamala (Mondariz) que afectou a área nuclear dos petróglifos de Gargamala con distinto grao de incidencia (termoclastos, ennegrecemento da superficie, arrastes de depósitos sobre as superficies) e deixando unha paisaxe depauperada e a pracer dunha forte erosión da tona terrea.

O conxunto de petróglifos obxecto desta actuación sitúase entre os 400 e os 470 m.s.n.m.. A gran maioría deles ocupando a parte alta dos outeiros (GA 36030023-18-11), as valgadas entre eles no caso do Campado (GA 36030055-14-15-54), chans como Campo Redondo (GA 36030038) cun amplísimo dominio visual ,que chega á Serra do Galiñeiro, parello ó emprazamento dos petróglifos da Coutada (Taboexa, As Neves) ou As Portaxes no Monte Tetón (Tebra, Tomiño) tamén obxecto de prospección, estudo, posta en valor e musealización por parte do Instituto de Estudos Miñoráns.

Na zona de actuación destaca a presenza dun ulleiro aproveitado polos veciños para a traída de augas doméstica e na outra vertente hai varios muíños hidráulicos.
Estamos ó redor das coordenadas 545.686/4.679.970 
(datum: ETRS 1989, fuso 29).

Esta concentración de petróglifos atópase na parroquia de Gargamala, no concello de Mondariz, composta polas aldeas de Vedrelos e O Soutiño na zona meridional e A Rúa, Mourelle, Boente e O Barro. A parroquia está rodeada por Frades, Riofrío, Sabaxáns e Toutón como freguesías do mesmo concello e polo norte polas de Traspielas e Ventín do concello de Fornelos de Montes. Estamos no sur do Suído nun mundo de serra onde as aldeas escasean e foi zona tradicional de pastoreo que deixou pegadas etnográficas nos chozos, neveiras, cerres para o gado e nos foxos de lobo.
Estamos no val medio-alto do río Tea cara o que drenan os núcleos habitados de Gargamala. A zona noroeste do Castro Chouso, O Foxo do Lobo, A Chan de Cairón... botan as augas no río Barragán que desauga no río Oitavén ó pé do castro da Cidade (Calvos, Fornelos) na mesma presa das Eiras.


Está en:  Inicio Etnografía Patrimonio material A Virxe da Rocha: un singular proxecto de Antonio Palacios, por Xosé Ramón Iglesias Veiga.
Skip to content
A Virxe da Rocha: un singular proxecto de Antonio Palacios, por Xosé Ramón Iglesias Veiga. PDF Imprimir Correo-e

Etnografía - Patrimonio material
Escrito por IEM   
Luns, 17 Setembro 2012 21:05

Monumento-da-Virxe-da-Rocha

Este 18 de setembro de 2012 cumprirase 102 anos do día en que foi colocada a primeira pedra no monte de San Roque sobre a cal elevaríase un dos monumentos emblemáticos do Val Miñor: A Virxe da Rocha. Filla da arte imaxinativa do arquitecto Antonio Palacios, a historia do seu deseño e construción -non exentas de simbolismos, misterios e riviravoltas- foi recompilada no ano 2002 nun magnífico artigo titulado "A Virxe da Rocha: un singular proxecto de Antonio Palacios", polo especialista Xosé Ramón Iglesias Veigas, no número 2 das Revistas do IEM. O compartimos...

A Virxe da Rocha: un singular proxecto de Antonio Palacios

A Virxe da Rocha é unha das obras máis singulares e complexas da produción de Antonio Palacios Ramilo, que nunha lectura superficial pode incluso parecer allea ao resto da súa obra. Sen embargo, na súa concepción, deseño, simbolismo, proceso construtivo, etc, amosa aspectos intimamente ligados á creación do arquitecto porriñés[*1]. Algúns destes aspectos, sobre todo os relacionados co seu marcado simbolismo, foron esquecidos co paso do tempo, outorgándolle ao monumento un carácter enigmático.

A INICIATIVA.

O proxecto xorde por iniciativa do industrial Laureano Salgado Rodríguez no momento de rematar o proceso de electrificación de Baiona, reflectíndose esta circunstancia no deseño dalgún detalle do monumento. Este industrial comunica a iniciativa[*2] de levantar un monumento á Virxe no monte de San Roque no transcurso dun banquete popular celebrado na súa honra no hotel da Palma con motivo de inaugurarse, o 31 de outubro de 1908, a iluminación eléctrica da vila de Baiona. Laureano Salgado, nado en Caldas de Reis, construíra en Vilaza  (Gondomar) o salto do Pego Negro, posibilitando a presenza da enerxía eléctrica no Val Miñor. Tivo tamén activa participación na electrificación do sur da provincia de Pontevedra, creando ou participando en pequenas empresas como  Electra Popular de Vigo e Redondela, Hulla Blanca do Morrazo, Electra de Segade, Electra de Caldas, etc [*3]. Desta actividade deriva posiblemente o contacto do industrial co arquitecto Antonio Palacios, posto que nesas mesmas datas Laureano Salgado e a empresa Electra Popular efectúan os traballos de electrificación do Porriño co tendido de cables entre esta localidade e Redondela, inaugurándose a iluminación eléctrica en setembro de 1908. O propio irmán do arquitecto, José Palacios, farmacéutico no Porriño, asiste ao devandito banquete popular de Baiona.

2De-esquerda-a-dereita

A finais do verán de 1909 Antonio Palacios ten rematado o proxecto, concedéndolle a prensa viguesa unha grande atención. Laureano Salgado contribúe á súa difusión a través dos primeiros números[*4] de El Mirlo Blanco, publicación que patrocina e sae á rúa con motivo desta iniciativa. O propio arquitecto chega a escribir unha breve colaboración literaria en galego para este xornal, na que co título de "Ansiedade" exalta o seu desexo de ver executado o  monumento[*5]. Iniciativas como a da Virxe da Rocha foron para Palacios unha escusa para buscar unha creación orixinal de carácter marcadamente persoal. Neste proxecto maniféstase unha forma de proceder que o arquitecto repite noutras obras galegas situadas fóra do ámbito urbano. Na procura dunha maior liberdade creativa asume os proxectos de forma totalmente gratuíta, confiando a súa execución a potentes filántropos ou ao financiamento popular, como sucede no edificio do Concello do Porriño, no proxecto do templo da Paz do Monte da Guía de Vigo (non construído), no templo Votivo do Mar de Panxón, no da Veracruz do Carballiño, etc. Esta gratuidade3-virxe-da-rocha-setembro-1 non foi pretexto para definir obras secundarias, máis ben o contrario. Palacios verte nelas toda a súa fecunda inventiva ao liberarse da presión do encargante e do condicionante de proxectar para o centro cosmopolita da cidade. Algunhas destas idealizadas propostas quedaron no papel e outras, como a do monumento da Virxe da Rocha, sufriron atrasos e dificultades económicas na súa execución.

A inauguración das obras efectúase o 18 de setembro de 1910 co solemne acto de colocación da primeira pedra no monte de San Roque de Baiona, intervindo como madriña a duquesa da Conquista en representación da raíña Victoria Eugenia. Entre o numeroso público atopábase o bispo de Tui Valeriano Menéndez Conde, o deputado Ángel Urzaiz, o senador Eduardo Gasset, a marquesa do Pazo da Merced, Leopoldo Eijo-Garay (anos máis tarde bispo de Madrid-Alcalá), Mercedes R. de la Escalera, etc. Nos comentarios da prensa da época relacionados co inicio dos traballos sinálase a presenza do prestixioso contratista vigués Antonio González Romero á fronte das obras de cantería.

Con propostas como a da Virxe da Rocha logra Palacios conectar co sentir popular e co fervor relixioso da época, que se manifesta na creación de comités de apoio, nos que con aparente piedade se integran tamén membros da burguesía ou distinguidas damas. Neste caso abórdase a execución do monumento por subscrición popular, creándose unha comisión[*7] presidida pola marquesa do Pazo da Merced, na que ten activa participación Mercedes R. de la Escalera. Á vez, co fin de recadar fondos, inícianse na propia vila de Baiona unha serie de festivais que despois se trasladan a outras localidades, destacando neles a escenificación dun apropósito ou peza lírica titulada La Virgen de la Roca, con letra de José María Barreiro e música do crego baionés Ángel Rodulfo. En febreiro de 1911 esta obra represéntase no teatro Real de Madrid dentro do festival organizado nesa cidade para recadar fondos para o monumento, asistindo ao acto os reis de España. En xuño dese mesmo ano a función lévase a cabo no Teatro Principal de Santiago de Compostela, escenificándose, ademais da devandita obra, un canto coa intervención de Alfonso  R. Castelao e Hipólito Reguenga[*8].  A prensa da época anuncia posteriores festivais en Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, etc[*9]. En agosto de 1911 celébrase en Vigo, con grande éxito de público, na finca da Pastora da familia Ozores[*10]. Con esta serie de festivais o proxecto alcanza unha gran difusión e popularidade, o que non impide que sufra problemas económicos, modificacións na súa execución e alteracións nas decoracións inicialmente propostas.

O MONUMENTO E A SÚA SIMBOLOXÍA.

4-Debuxo-de-perpectivaO proxecto da Virxe da Rocha (1909) sitúase na primeira etapa creativa de Antonio Palacios, titulado como arquitecto no ano 1900 en Madrid. No momento de concretar esta peculiar proposta o arquitecto porriñés alcanzara xa un alto prestixio profesional tras a concreción dos primeiros grandes proxectos madrileños como o Palacio de Comunicacións (1904) e o Hospital de Maudes (1908). Na súa terra, tras as primeiras obras no Porriño e Santiago de Compostela, asume, de forma paralela ao deseño deste monumento baionés, diversos encargos no balneario de Mondariz e a Botica Nova do Porriño.

A procura dunha creación de trazos persoais, propia do conxunto da obra de Palacios, acentúase na súa terra en proxectos singulares como o da Virxe da Rocha. Palacios parte dunha idea simbólica ou xeratriz que afecta ao desenvolvemento de todo o deseño, explicándoa detalladamente nas memorias dos proxectos. No caso do templo (non construído) da Paz do Monte da Guía de Vigo é a neutralidade española na primeira guerra mundial a que xera a concepción do conxunto, mentres que na Veracruz do Carballiño actúa como referente a suposta presenza dunha reliquia da Cruz. Se ben non se localiza a memoria e os planos orixinais da Virxe da Rocha, a prensa da época, que difunde amplamente o proxecto, achega valiosa información sobre a intención do arquitecto de introducir certos simbolismos no deseño do monumento[*11].  A primeira referencia simbólica relaciónase ca feito de ser Baiona o primeiro porto do vello continente no que se tivo coñecemento do descubrimento de América coa arribada da carabela Pinta ao mando de Martín Alonso Pinzón. Este contido simbólico reflíctese no monumento na embarcación que sostén a Virxe co seu brazo dereito. Segundo a idea inicial esta embarcación sería realizada en ferro forxado imitando a carabela Pinta, aparecendo no debuxo de perspectiva do conxunto e na maqueta co velame despregado. A coroa da Virxe relacionábase tamén con ese feito ao imitar a da raíña Católica, propondo o arquitecto facela de ferro forxado con incrustacións de cuarzo cristalizado. Estas referencias simbólicas están expresamente indicadas por Antonio Palacios na propia lenda que acompaña o debuxo de perspectiva do conxunto da Virxe da Rocha. A atención á historia local, ademais de estar presente na mirada ao románico e aos sistemas construtivos tradicionais galegos na arquitectura de corte rexionalista de Palacios, aparece de forma destacada nalgunhas ornamentacións e detalles decorativos, como sucede coa mesma referencia ao descubrimento de América nun lugar tan preferente como os mosaicos da ábsida do templo Votivo do Mar de Panxón. As referencias a esa simboloxía do monumento de Baiona reflíctense tamén con claridade na prensa da época: "La Virgen de la Roca está sobre el monte ante el cual apareció -la primera en volver a España- una de las carabelas de Colón. El monumento parece señalar el espíritu peninsular donde están los destinos de Iberia: más allá del mar; donde veinte pueblos y cien millones de humanos hablan nuestra lengua y sienten nuestra fe... " [*12]

Nesa relación simbólica con América e vocación atlántica da Virxe da Rocha é posible intuír unha mirada á decimonónica estatua da5-maqueta-1910Liberdade de Nova York do escultor Frederic Auguste Bartholdi, situada xeograficamente case enfronte do monumento baionés. Unha mirada como elemento emblemático e referencial, posto que no tratamento plástico da Virxe da Rocha acércase Palacios ás formas sinuosas e brandas do modernismo. O interese do arquitecto por América non é estraño a unha parte da súa obra, reflectindo os seus afamados edificios comerciais madrileños unha mirada á arquitectura derivada da Escala de Chicago. A referencia á estatua da Liberdade puido estar tamén presente na xestación da idea inicial por parte de Laureano Salgado, indicando a prensa da época que o industrial vivira nos Estados Unidos[*13]. Esa referencia aparece nos comentarios que se realizan sobre o proxecto no momento de iniciarse as obras: "La estatua de la Libertad, que en las puertas de Nueva York prepara para la admiración los ojos del visitante de América, no se levanta más alta sobre el mar que se levantará sobre las aguas gallegas el inmaculado rostro de mármol de la Virgen de la Roca"[*14]

Unha segunda simboloxía relaciónase coa Virxe como protectora dos homes do mar, aparecendo nos primeiros comentarios relacionados coa iniciativa denominacións como "Virxe da Luz" ou "Virxe dos Mariñeiros". Na fixación desta simboloxía de carácter relixioso no monumento aparece a conexión coa electrificación de Baiona, contemplándose no proxecto a inclusión dun farol mariñeiro que sería sostido pola Virxe coa súa man esquerda estendida cara ao mar, tal como se contempla na actualidade. Nese farol colocaríase un potente foco eléctrico que serviría de guía aos mariñeiros. Todas estas referencias que o arquitecto introduce no monumento son recollidas na prensa da época con detalle: "La corona de cuarzo cristalizado formará un nimbo luminoso y cegará la vista al ser herida por el sol. En el brazo derecho descansará una gran carabela y de la izquierda penderá un gran farol como el que utilizan para las señales marítimas, el cual encerrará en sus cristales un foco de luz que alumbre el paso de los navegantes. "[*15]  Posteriormente parece que esta última idea foi abandonada polas confusións que podía producir aos navegantes. Noutros proxectos de Palacios aparece tamén nos corpos torreados esa fascinación polos potentes proxectores e reflectores eléctricos que, con forte carácter expresionista, aumentan o carácter emblemático e referencial da obra, como sucede nos alzados e bosquexos do Pazo de Comunicacións, dos edificios singulares propostos no plan de urbanismo de Vigo, do templo da Paz da Guía, etc.

Na concepción do monumento está tamén presente a teima de Palacios pola potenciación turística de Galicia que aparece con frecuencia nos seus escritos, comentarios e memorias dos proxectos. Esa preocupación está presente no seu discurso de ingreso na Real Academia de San Fernando, aludindo nese caso ao importante patrimonio artístico español. En relación con Galicia consideraba que a súa riqueza natural e paisaxística era suficiente reclamo, polo que esta cuestión era "única y exclusivamente un problema de construcción de hoteles, profusamente distribuidos por toda la región y reuniendo, en absoluto, todas aquellas condiciones, sin las cuales, cualquier reclamo es completamente inútil y aún contraproducente ... "[*16] O arquitecto proxecta a Virxe da Rocha como monumento emblemático de Baiona e tamén como reclamo turístico, introducindo na carabela que sostén a Virxe un miradoiro sobre o mar, con discreto acceso polo interior a través dunha escaleira de caracol. En relación con ese interese pola potenciación do turismo, Palacios propón no seu fracasado plan de urbanismo de Vigo (1932) a creación dunha ampla zona balnearia no tramo de costa situado entre Baiona e Samil. O arquitecto contempla a transformación de Baiona nunha gran vila balnearia e turística, sen romper coa súa arquitectura histórica, á que considera xenuinamente galega: "...esta ciudad histórica, de gran carácter; debe ser cuidadosamente conservada, creando las nuevas barriadas jardín para convertirla en lugar balneario de primer orden ... " [*17]

Como é frecuente na súa forma de traballar, Palacios contempla unha serie de instalacións complementarias, que non se chegan a realizar, como a creación dunha gran escalinata de acceso, concibida como miradoiro sobre o mar. Tamén prevía levantar unha ara de altar. Nos comentarios que sobre o proxecto realiza Laureano Salgado aparece tamén a idea de construír na base do monumento ou nas proximidades do mesmo unha cripta que fose sepulcro de galegos ilustres.

UNHA PROPOSTA DE MONUMENTO DE MARCADO ACENTO PERSOAL.

6-virxe-da-rocha-detalle

No proxecto inicial Antonio Palacios propón levantar unha monumental figura da Virxe de doce metros de altura, que no monte de San Roque se elevaba 91,60 metros sobre o nivel do mar. A imaxe da Virxe execútase en granito do país, agás a cara e mans que foron labradas en mármore branco de Carrara. O dengue e manto da Virxe serían cubertos con franxas de mosaicos en relevo, executados con pelouros de varios matices, mesturados con cuarzo branco, cun total de 2.500 metros lineais. No ano 1910 Palacios introduce unha modificación sobre o proxecto orixinal ao presentar a maqueta do monumento, realizada á decima parte do tamaño real. Sobre a coroa da Virxe sitúa un nimbo crucífero, que finalmente será executado en cerámica de reflexos metálicos.

7-executada-angel-garcia-diO conxunto do monumento reflicte características propias da produción inicial de Palacios na que aposta decididamente pola integración de materiais, combinando neste caso granito, cuarzo, cerámica e ferro forxado. Neste último material executaríanse a coroa da Virxe, embarcación e farol mariñeiro. Nas destacadas obras madrileñas que o arquitecto aborda nesta etapa aparece con claridade esta integración, como sucede co ferro e cristal no Palacio de Comunicacións ou co granito e a cerámica no Hospital de Maúdes. Nesta última maniféstase tamén o interese polo mosaico cerámico, tratado como trencadís gaudiano. Interese que está presente tamén en obras veciñas da Virxe da Rocha como o templo Votivo do Mar de Panxón, no que utiliza mosaicos cerámicos no interior, ou na Botica Nova do Porriño, na que crea un singular rótulo de trencadís de tonalidades azuis e douradas. Nesa integración de materiais a Virxe da Rocha tería un ha certa unidade cromática, xa que o granito limpo tras a construción, a serie de mosaicos de pelouros e cuarzo, e o mármore de cara e mans da Virxe daríanlle ao conxunto unha entoación que tendería ao branco. O atraso das obras e posiblemente tamén as dificultades económicas provocaron que non se executasen as decoracións propostas en mosaico. O forte contraste que na actualidade amosa o monumento entre a pedra e o mármore débese ao ennegrecemento do granito co paso do tempo.

Na parte escultórica de mans e cara da Virxe intervén Ángel García Díaz, escultor que colaboraba con Palacios neses anos nos detalles ornamentais e escultóricos do Palacio de Comunicacións de Madrid, tendo unha destacada intervención noutros traballos do arquitecto porriñés en Madrid, como o Banco Español do Río da Prata (hoxe Santander Central Hispano), Círculo de Belas Artes, proxecto de Monumento ás Cortes de Cádiz, etc. É posible tamén que Ángel García executase a maqueta do monumento, dada a intensa colaboración que establecen arquitecto e escultor nestes anos, existindo constancia da intervención do escultor noutras maquetas de proxectos de Palacios [*18]. A obra de Ángel García Díaz, escultor nado en Madrid en 1873, está directamente ligada á ornamentación escultórica, colaborando con destacados arquitectos como Ricardo Velázquez Bosco, Fernando Arbós, Luis Bellido, Juan Moya, etc. Antonio Palacios amosou unha decidida atención á integración das diversas artes na arquitectura. Ademais de na súa propia obra, esa preocupación aflora nas súas intervencións públicas e artigos, estando tamén presente nunha ocasión tan solemne como o acto do seu ingreso na Real Academia de Belas Artes de San Fernando: "Para obtener el máximo rendimiento espiritual y material de nuestra pintura y escultura contemporánea aplicadas a la arquitectura será necesario realizar la aspiración, por nadie discutida hoy, de reunir las escuelas profesionales de las tres artes para llegar a la unidad de producción, con sus resultantes en la ejecución de obras de magníficos conjuntos semejantes a los producidos en las grandes épocas del arte antiguo" [*19].  O interese pola relación da arquitectura coas artes aplicadas, que o leva a organizar a exposición de Arte Decorativo de Madrid de 1911 , está tamén presente no seu discurso de ingreso na Academia.

A mediados de 1911 debe estar rematada a parte escultórica executada en mármore por Ángel García Díaz, reproducindo a revista Vida Gallega a imaxe da cara, dengue e coroa da Virxe. En 1912 Antonio Palacios, nunha entrevista que concede ao xornal Faro de Vigo con motivo das obras da nova sede deste xornal na rúa Colón e antes de iniciar unha viaxe a Londres, sinala que o monumento "será una realidad a efectos de perspectiva que yo había calculado, por lo que ya me siento satisfecho. Están ya en Vigo la cabeza y manos de la Virgen, labradas una y otras en mármol pulimentado de Carrara, cuyo peso es de ocho toneladas. Espero que esta obra, una vez terminada sea de gran originalidad"[*20] Cara ao final do verán de 1913 está rematado o monumento na parte de cantería, levándose a cabo os traballos de colocación da parte escultórica de mans e cara da Virxe. En setembro dese mesmo ano esperábase a retirada das estadas, deixando entrever a prensa viguesa a posibilidade de levar a cabo a inauguración.[*21] O monumento permanece durante un longo período de tempo incompleto, aparecendo nas diversas reproducións fotográficas o corpo da Virxe e a súa coroa libres de estadas. En relación co que hoxe observamos, faltaba a colocación do nimbo crucífero de cerámica e a arcada superior de remate.

8-virxe-1917

En 1923, baixo a iniciativa de Mercedes R. de la Escalera, reactívanse as iniciativas para completar o monumento, establecendo a comisión contactos con Antonio Palacios e unha serie de enxeñeiros para estudiar o acondicionamento do contorno e a posibilidade de construír unha estrada de acceso.[*22] No verán do ano 1924 o nimbo crucífero de cerámica de reflexos metálicos chega á casa de Laureano Salgado en Baiona, anunciándose a súa colocación no monumento baixo a dirección dos enxeñeiros que traballaban no teatro García Barbón de Vigo. Nese momento o enxeñeiro que colaboraba con Antonio Palacios no citado teatro era Ramón Beamonte, dirixindo as obras da estrutura interna de formigón e da atrevida cúpula nervada do cinematógrafo da planta inferior sobre a que se asenta todo o teatro.[*23] Novamente é necesario organizar festivais para recadar fondos, celebrándose na vila de Baiona no Teatro Cabanillas e na cidade de Vigo en "Las Cabañas".[*24]

9-virxe-1922

A mediados de marzo de 1925 Palacios trasládase a Galicia para visitar diversas obras súas que estaban completando o proceso construtivo como o teatro García Barbón de Vigo, a central eléctrica do Tambre en Noia e as edificacións do Balneario de Mondariz. A prensa recolle a súa intención de desprazarse a Baiona para estudiar o aditamento da arcada superior que completa o monumento no seu tramo superior.[*25]  Nas reproducións fotográficas da Virxe da Rocha en 1926 aínda aparece a construción rodeada de estadas. A inauguración oficial lévase a cabo o domingo 14 de setembro de 1930, coa presenza do bispo de Tui Antonio García e García. O acto inaugural chega tarde para o iniciador do proxecto, Laureano Salgado, que falecera en Caldas de Reis o 5 de maio de 1930.

Existen unha serie de diferenzas entre o que hoxe se observa na parte superior do remate do monumento e a reprodución fotográfica do traballo do escultor Ángel García que publica Vida Gallega no ano 1911 . Na fotografía parecen estar executadas en mármore branco, ademais da cara da Virxe, o seu dengue e coroa. Na actualidade só se contempla na parte superior do monumento a cara da Virxe executada en mármore, polo que é posible pensar nalgunha modificación ou problema construtivo. A presenza da arcada superior ten unha función construtiva de sustentación e a súa inclusión non estaba contemplada no proxecto inicial.

Palacios concibe o monumento baionés como unha grandiosa escultura que se funde na súa base co contorno de penedos graníticos do monte de San Roque. A pesar das súas proporcións e da dificultade no tratamento do duro granito a figura da virxe non aparece hierática, senón que prega o dengue, manto e túnica de forma natural, dando como resultado unha serie de formas onduladas e sinuosas de sabor modernista. Como sinala González Amezqueta[*26] é unha das obras de Palacios de maiores acentos modernistas, na que se intúe unha primeira mirada a Gaudí. Mirada que tamén se percibe na súa obra de acentos rexionalistas, mentres que na metropolitana desta primeira etapa creativa a súa ecléctica produción acércase, a través de Otto Wagner, á expresión temperada do modernismo vienés, como sucede no Palacio de Comunicacións.

10-Laureno-Salgado

A Virxe da Roca é mostra da versatilidade da produción de Palacios, do seu virtuosismo lingüístico e dos singulares recursos expresivos que verte na súa obra. No monumento integra decididamente diversos materiais, experimentando coas súas posibilidades cromáticas e texturais, nun intento de potenciar a riqueza plástica do conxunto, se ben parte das decoracións propostas en mosaicos quedaron no papel. A súa singular proposta de Baiona reflicte tamén un mundo de desbordante inventiva, cheo de referencias simbólicas. Unha creación desexada e idealizada, que se manifesta con maior intensidade na obra galega situada fóra do ambiente cosmopolita da cidade, na que a partir do ano 1918 busca un maior contacto coas tradicións construtivas locais e cos estilos históricos vernáculos, encamiñando esta parte da súa produción por un peculiar e persoal rexionalismo arquitectónico. A Virxe da Rocha representa o inicio da busca dunha creación de corte persoal, orixinal e exclusiva á que Palacios lle outorga un carácter intemporal: "Pero yo expondré mi criterio sobre el particular, que se reduce a imitar el proceder de nuestros antepasados. Ellos pensaban una obra, la intentaban con el más alto criterio de que eran capaces, después la elevaban lentamente, como una oración, sin las precipitaciones de la época actual, en que se prefiere terminar pronto, aun cuando sea de cualquier manera; sin pensar que, menos para nosotros, construimos siempre para futuras generaciones venideras; así como nosotros gozamos de los grandiosos monumentos que nos legaron. " [*27]

Notas

[*1] Vid. IGLESIAS VEIGA. X. R. ,: Antonio Palacios. Arquitecto. De O Porriño a Galicia, Pontevedra. Deputación Provincial. 1993. páxs. 102-110; "A Virxe da Roca e o mundo simbólico de Antonio Palacios" en Faro de Vigo. Suplemento. 9-VI-1991 páxs. 8-12.

[*2] "Bayona. La luz eléctrica" en Faro de Vigo, 4-XI-1908. páx.1.

[*3] A prensa da época sinala tamén a súa participación en empresas como"Azucarera Gallega". "Villagarcía Industrial." etc. En Vilagarcía crea o balneario "La Concha de Arosa" e intervén na construción do peirao industrial. En Vigo tentou levantar unha casa de baños entre as praias de San Francisco e Coia.

[*4] El Mirlo Blanco, Pontevedra;  31-X-1910; Caldas de Reis, 6-VIII-1910. Laureano Salgado promocionou outras publicacións como os semanarios A Chave dos Raios e Fray Prudencio.

[*5] VIRXE D'A VEIRAMAR!. .. quixera facerte, nonfeita, increada, como xurdindo n'un feitizo divino d'as mesmas penedas d'a montaná  orvallada; nascida n'ela coma cristalizaron de sales d'a escuma prateada d'o mar; brotada como frorida excrecencia d'as entranas mesmas d'a terra, nasa nay; erguéndote, acolarriba. n'alta cima, feiticeira, coma protexendo, ¡branca lúa! os traballos, á ver, d'os meus hirmaus gallegos d'a terra é d'o mare ... (Fragmento)

[*6] "La Virgen de la Roca ... " en Faro de Vigo , 1 e 14 -IX-1910, páx. 1; 20-IX-1910, páx. 1. Vida Gallega, núm. 27, 20-X-1910.

[*7] "La Virgen de la Roca" en Faro de Vigo, 9-IX-1909, páx. 1.

[*8] Vida Gallega, núm. 30, xullo de 1911; "La Virgen de la Roca", en Faro de Vigo, 4, 7 e I0-VI-1911 , páx. 1

[*9] Nos festivais de Pontevedra e Caldas de Reis anúnciase tamén a presenza de Alfonso R. Castelao e Hipólito Reguenga ("La Virgen de la Roca" en Faro de Vigo, 21-VI-1911; 14-VIl-1911 , páx. 1)

[*10] Ibidem, 12, 15 e 18-VIII-1911, páx. 1

[*11] Vida Gallega, núm.1 1, XI-1909; núm. 27, 20-X-1910; El Mirlo Blanco, 31-X-19I0; 6-VIII-19I0; Faro de Vigo, 9-X-1909, páx. 1; 18-XII-1909, páx. 1...

[*12] "Sesenta años de trabajo por el progreso de Galicia. ¿Quien era Laureano Salgado?" en Vida Gallega, núm. 450, 30· V-1930

[*13] Ibidem: "Viviera en los Estados Unidos y el mundillo de los negocios le habían bautizado con un remoquete inevitable: el rey de los saltos de agua". Como a estatua da Liberdade porta un facho iluminado na súa man, no proxecto inicial do monumento baionés a Virxe sostiña unha luminaria eléctrica.

[*14] SOLÁ, Jaime, "Crónica. El Rey de los saltos de agua" en Vida Gallega, n° 29, xuño 1911: "Esta imagen, que se elevará más de ochenta metros sobre el nivel del mar, sólo tendrá igual en la famosa estatua de "La Libertad" que existe en Nueva York.

[*15] "El arquitecto Palacios. Un faro original" en Faro de Vigo , 18-XIl-1909, páx. I (Reproduce un artigo publicado na revista Electrón de Madrid sobre os proxectos de Palacios). Noutros artigos aparecen referencias relacionadas coa colocación dun reflector eléctrico no monumento: "Sobre la estatua brillará un proyector eléctrico de gran potencia que iluminará el mar en una extensión considerable" (Vida Gallega, núm. 27, 20-X-1910)

[*16] Arquivo Municipal de Vigo, Urb-46. Memoria del proyecto de Extensión y Reforma Interior de Vigo, 1932, Tomo 1, páx. 49

[*17] Ibídem., Urb-48, tomo III, páx. 298 ..

[*18] ARÉVALO, Juan Manuel. "Palacios y las artes decorativas" en Antonio Palacios. Constructor de Madrid. (Catálogo), Madrid, Círculo de Belas Artes, 2001, páxs. 301-311.

[*19] PALACIOS RAMILO, A., Discurso de ingreso na R. A. de Belas Artes de San Fernando, 27-VI-1926. Núm, 29, xuño de 1911.

[*20] "Baiona" en Faro de Vigo , 12-VII -1913. 15-IX-1913, páx. 3

[*21] "Baiona" en Faro de Vigo , 12-VII -1913. 15-IX-1913, páx. 3

[*22] "Bayona. La Virgen de la Roca" en Faro de Vigo , 13-IX-1923, páx. 5.

[*23] "Nuestras visitas ... " en El Pueblo Gallego, 4-IV-1924, pax. 11; "Virgen de la Roca" en Faro de Vigo, 13-VII-I924.

[*24] Galicia. Diario de Vigo, 22-VI-1924; 7-VIII.1924, páx. 1; Faro de Vigo, 29-VII -1924, páx. 5; 1 e 7-VIII-1924, páx. 8; 3-IX-1924, páx. 1. O festival vigués foi organizado por unha comisión de damas presidida por Elena Molíns e María Albarrán de Buenaga.

[*25] "El teatro casino y el arquitecto Palacios" en Faro de Vigo , 2-IV-1925 , páx. 1.

[*26] GONZÁLEZ AMEZQUETA, A., "La arquitectura de Antonio Palacios" en Revista Nacional de Arquitectura , núm. 106, 1967. páxs. 37-38.

[*27] " Memoria do proxecto non construído do templo da Encarnación de Celanova (1918).