Presentación do libro "Un cesto de mazás", da xornalista Montse Fajardo. Imprimir

Filoloxía e literatura - Artigos
Escrito por IEM   
Martes, 03 Novembro 2015 18:10
un_cesto_mazas

O vindeiro venres 13 de novembro ás 20.30 horas presentaremos Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu, da escritora e xornalista, Montse Fajardo. O libro será presentado polo autora e contará cunha introdución a cargo de Luis Bará, investigador da Memoria Histórica, membro de Iniciativa Galega pola Memoria e concelleiro de Cultura e Patrimonio de Pontevedra. Será na Aula de Cultura Ponte de Rosas, na avenida da Feira Nº 10, baixo, en Gondomar.

“A idea de poñerlle este título ao libro naceu cando, non hai moito, Luís Bará (...) tivo o aceno de levarlle a Tucha, filla dun represaliado, un cesto de mazás”, lémbranos nestes días Isabel González Avión, nun artigo de Praza.  Advírtenos que ese cesto “representa a ofrenda que lle facemos todas ao lembrar esa parte do pasado colectivo, pero tamén individual e profundamente íntimo, que determinou negativamente a vida de tantas persoas. Proxectar luz sobre esa verdade silenciada é a nosa homenaxe ás vítimas, que non foron só as que perderon a vida, senón todas aquelas que viviron o desgarro, o trauma de perder un ser querido e soportaron o estigma social, padecendo penurias e humillacións por riba de tanta dor”.

Sinopsis

“Este libro fala de persoas detidas, fusiladas, asasinadas en cunetas, agochadas durante anos en tobos de cortes ou ocos de cociña, humilladas. Fala de foxas, batallóns, depuracións, cárcere e exilio. Das vítimas evidentes pero tamén das outras.  Das nais que pasean de noite na procura da Santa Compaña para ver unha vez máis o fillo fusilado. Das que  perseguen a morte nas entrañas dos pozos para reencontraren con el. Das nenas que miran pola ventá unha escola na que non teñen cabida as irmás dos rojos. Das obrigadas a bordar panos para recoller as bágoas que aínda lles quedan por verter. Das viúvas que trasladan o cadaleito a soas. Dos orfos que marcan co pau da luz as foxas sen nome”.

Testemuñas

 

Dim lights Embed Embed this video on your site