Presentación de “A voz quebrada”, novo libro de Xosé Mª Álvarez Cáccamo editado polo IEM. Imprimir

O IEM - Novas
Escrito por IEM   
Luns, 12 Maio 2014 19:57
portada-a-voz-quebrada

O vindeiro xoves 15 de maio ás 20:30 horas presentarase o libro A voz quebrada. Da Memoria histórica e o terror fascista, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira, 10, baixo, Gondomar). A obra editada dentro da colección Letras da Groba, será presentada polo seu autor, Xosé María Álvarez Cáccamo e contará cunha intervención do historiador Carlos Méixome, director do IEM.

Da obra

Tirando da “memoria de poeta” en palabras de Xosé Manuel Beiras, prologuista do libro, Cáccamo percorre dende as súas vivencias como membro dunha familia de represaliados, os tempos do terror franquista  dende a sublevación do 36 até a morte do ditador. Período histórico marcado pola execucións tras xuízo sumarísimo do seu avó, o médico republicano de Tui, Darío Álvarez Limeses e o asasinato de Alexandre Bóveda, sobriño deste.  O sufrimento familiar continuou co desterro do seu pai Xosé María Álvarez Blázquez e á cadea do seu tío, Darío Álvarez Blázquez. “En Tui –sinala o autor- unha voz bestial pronunciou esta sentenza: <<Perseguiremos aos Álvarez até a terceira xeración>>, a miña”.

Do autor

Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) poeta e crítico literario, publicou tamén obra narrativa e teatral, así como literatura para crianzas. Ocúpase ademais na creación de poemas obxectuais e visuais, expostos con regularidade dende o ano 2007. A reivindicación da memoria histórica das vítimas do terror franquista imposto en 1936 exprésase con frecuencia a través  da súa obra literaria, xornalística e oratoria.