Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Presentación da revista REM Nº18 (2019)

 

O venres 7 de xuño, ás 20:30H na Biblioteca Pública Municipal de Baiona, presentarase a revista REM nº 18 (2019) do Instituto de Estudos Miñoráns.

O acto contará con colaboración musical e as intervencións de Xulián Maure Rivas, Natalia Jorge Pereira, Xilberte Manso de la Torre, Soledad García Riveiro e Antonio Soliño Troncoso que farán unha breve presentación das súas colaboracións.

Conduce o acto María Lemos Cerqueira.

Está en:  Inicio Filoloxía e literatura Novas “Palestina: a terra das laranxas tristes". Faladoiro con Moncho Iglesias Míguez no IEM.
Skip to content
“Palestina: a terra das laranxas tristes". Faladoiro con Moncho Iglesias Míguez no IEM. PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Luns, 11 Agosto 2014 22:44
moncho_iglesias

O vindeiro xoves 14 de agosto ás 20:30 horas contaremos coa presenza de Moncho Iglesias Míguez,  profesor da Universidade An‐Najah, en Nablus, Palestina, territorio ao que nestes intres non lle está permitido regresar por mor da ocupación israelí.  Na súa visita á Aula de Cultura Ponte de Rosas, desenvolverá un faladoiro baixo o título “Palestina: a terra das laranxas tristes”, baseada na súa experiencia e convivencia co pobo palestino. Achegamos un fragmento dunha conversa previa, onde Moncho Iglesias adiántanos algúns aspectos do faladoiro  e diálogo que manterá cos asistentes ao coloquio.

A Palestina das laranxas tristes, por Moncho Iglesias Míguez.

"Palestina: a terra das laranxas tristes. Ese é un conto de Ghassan Kanafani, un dos grandes escritores palestinos. A idea é falar desa terra onde as laranxas, as olivas... crecen tristes. Crecen tristes porque teñen que ser abandonadas ou son mesmo expulsadas. Con todo, queda xente con vida para alimentalas e para crecer con elas. E iso é o que quero amosar: a xente viva e con ganas de vivir, a xente que conta, que fala, ou que talvez non ten voz e por iso me gustaría dárllela agora. Así que, o que quero é falar diso: da vida en Palestina, de como é o día a día, de que por moito que se empeñen en facernos ver cadáveres e que se twiteen, se guasapeen ou se gusten fotos que dan pena cun click, hai vida. A xente ten vida e iso non sae fóra das fronteiras da realidade palestina. E quero amosar iso, que a xente gusta de vivir e ten necesidade de facelo”.

Moncho Iglesias por Moncho Iglesias

“Como introdución, dicir que son ourensán de Vigo ou vigués de Ourense, non sei. Nacín en Vigo, pero vimos de Boborás, a un lado do Carballiño e, como escribín nun dos poemas, un non é de onde nace (nin de onde pace), senón de onde ten enterrados os seus mortos. E os meus mortos están en Boborás, aínda que xa os teño tamén en México, en Palestina... Pero da familia directa alá, por Ourense, menos Abuelita, que está aquí, en Vigo”.

Traxectoria e actualidade

Moncho Iglesias Míguez naceu en Vigo no ano 1974. Licenciado en Filoloxía Hispánica, na actualidade traballa na súa tese de doutoramento en Filoloxía Galega, comparando os contos de tradición oral galegos e palestinos. Tras acabar a licenciatura trasladouse a Londres e más tarde a Dublín. Logo foi vivir a un kibbutz durante dous anos, antes de marchar a México, a dar clases de castelán, e onde publicou o seu primeiro libro de poemas, amais de colaborar en diversas revistas literarias. Tras México marchou a India, onde impartiu clases de español. Despois de recibir unha bolsa de estudos, estudou un Master en Literatura Inglesa e aprendeu hebreo na Universidade Hebrea de Xerusalén, onde permaneceu un ano, ao cabo do cal regresou a Vigo, onde estivo traballando na Universidade. Durante tres anos deu aulas na Universidade de Belén, en Palestina, regresando a Vigo para dar clases de castelán en Porto e traballar no IGADI, en Baiona. Actualmente é profesor de lingua castelá na Universidade An‐Najah, en Nablus, Palestina -agora mesmo dá aulas en Santiago, “porque non me deixan entrar en Palestina, e en setembro vou a China”-. Escribe, traduce e colabora con varios medios de comunicación como Praza pública, Dorna, Tempos Novos ou Palestinadigital.

Traballos publicados

En poesía publicou 3´141516, Centro Universitario Indoamericano (México, 2001); Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos, Edicións Positivas (Santiago de Compostela, 2007); pedras de Plastilina, Editorial Toxosoutos (Noia, 2013); Avoíña/Abuelita, Parnass (Barcelona, 2013)

En narrativa ten Tres cores: azul, Estaleiro Editora (Santiago de Compostela, 2010); en ensaio Os contos de animais na tradición oral palestina, Fundación Araguaney (Santiago de Compostela, 2008).

Amais, traduciu obras do árabe ao galego: Carné de identidade e do hebreo para o galego: O condutor de autobús que quería ser Deus e Saudades de Kissinger.

Os seus poemas e escritos figuran en varios libros e antoloxías.