A música conquista os intramuros do Pazo do Conde de Gondomar. Imprimir

O IEM - Novas
Venres, 22 Agosto 2014 01:06
audicion-paso-conde-gondoma

O cisne de Camille Saint-Saëns puido verse na fonte central do patio de armas. E Praga estaba alí, ao final dunha ruta que dende esa fonte abriuse camiño cara o Moldava que inspirou a Bedrich Semetana no seu Má Vlast. Todo iso e moito máis ocorreu no interior dos pétreos muros do Pazo do Conde de Gondomar grazas á capacidade comunicativa de Manuel López- Benito para contaxiar a súa exquisita sensibilidade musical ao auditorio. O musicólogo abriu a audición coa abertura do Barbeiro de Sevilla (Giocchino Rossi, 1792-1868) acompañado dunhas duascentas almas que aceptaron o convite conxunto feito polo IEM e Escenarios Musicais  para gozar da velada nos xardíns da senlleira casa da familia herdeira de Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar.

A maxia de facer gozar a un público heteroxéneo é especialidade deste home que teima con xenerosidade en levar boa música fóra das grandes salas de concerto ou teatros de ópera. Así logrou deixar cativos cos seus pases e comentarios ata un numeroso grupo de crianzas cuxos pais tiveron o acerto de levar. E alí ficaron, alegres no chan coa chegada de Klid (Bosques Silenciosos) e a posterior entrada dun fragmento da Traviata de Verdi, comentada e dramatizada por Manuel López-Benito.

Xa coas derradeiras raiolas da tarde chegaron os pases do Claire de lune (Claude Debussy) e as xa comentadas O cisne (O carnaval dos animais – Camille Saint Saëns) e a canoa que navegou o Moldava co Má Vlast (Vltava – Bedrich Smetana).

Con este programa rematou o encontro musical que por segunda vez tivo lugar no Pazo do Conde de Gondomar dende que o IEM en parcería con Escenarios Musicais levan adiante esta proposta. Xeira musical que transitou en anos anteriores outros espazos do Val Miñor como a igrexa románica parroquial de Santiago de Parada ou a Colexiata de Baiona. Na despedida, A despedida de Hayden cunha posta en escena dun imaxinario diálogo dunha parella onde un quere quedar e o outro marchar da festa. Irreproducibel  nun texto, só posible asistindo a estas aulas divulgativas do mestre Manuel López Benito.