Ábrese inscricións para un curso de fotografía e edición dixital con Pilar Abades e Vítor Vaqueiro Imprimir

O IEM - Novas
Escrito por IEM   
Martes, 26 Agosto 2014 23:06
curso_foto_iem

O Instituto de Estudos Miñoranos organiza un curso de fotografía e revelado dixital con Photoshop que será impartido por dous expertos na materia, os fotógrafos Pilar Abades e Vítor Vaqueiro. O mesmo terá lugar os días 11, 16, 18, 23, 25 e 30 de setembro na Aula de Cultura Ponte de Rosas, en sesións de 2 horas que darán comezo ás 19:30h. Esta actividade formativa ten un máximo de 15 prazas que serán ocupadas por rigorosa orde de inscrición. Os interesados poden inscribirse a través do teléfono 986 360 575 (luns a venres de 18 a 22 h) ou a través do correo oficina@ minhor.org . O prezo total da matrícula do curso será de 20 euros. Para asistir a estas aulas débese contar con cámara dixital e ordenador en clase.

Programa do Curso

1) Módulo fotografía a cargo de Vítor Vaqueiro

Obxectivos:

- Entendemento de conceptos básicos da fotografía: profundidade de campo, exposición, velocidade de obturación e movemento, ópticas e utilización das mesmas, teoría da cor, etc.

-Comprensión da raíz do proceso fotográfico. A fotografía como medio de expresión. A idea de proxecto fotográfico. A cámara fotográfica como simple ferramenta.

-Perspectiva elemental dos eixos que na actualidade configuran a fotografía.

-Interpretación da imaxe fotográfica. Posibilidades.

Metodoloxía:

As aulas vanse articular partindo dunha breve exposición, apoiada en imaxes, para, a seguir, comezar un debate por volta da temática proposta. As aulas contarán con proxección de abundante material gráfico e posuirán estrutura de seminario, con preguntas e propostas, tentando na maior media posíbel a participación do alumnado.

Ao mesmo tempo, ficará aberta a hipótese de preguntas, do tipo que fora e en calquera instante, por parto do alumnado, mesmo aquelas que sexan alleas aos contidos específicos do curso, naturalmente sempre e cando atinxan a cuestións relacionadas coa fotografía.

Días do Módulo con Vítor Vaqueiro: Xoves 11, 18 e 25 de setembro, en sesións de dúas horas cada día dende as 19:30h.

2) Módulo revelado dixital con Photoshop, a cargo de Pilar Abades

Obxectivos principais

-Coñecer o fluxo de traballo con fotografías en Photoshop.

-Saber como importar e exportar adecuadamente.

-Controlar os menús e ferramentas fundamentais para o revelado dixital.

Metodoloxía

A repartición das horas será dividida en dúas partes, unha teórica e outra práctica. Na parte teórica explicaranse os conceptos do temario sobre a propia interfaz do software e a parte práctica realizarase con material gráfico entregado no comezo do curso resolvendo dúbidas e cuestións de xeito máis individualizado.

Índice

0. Presentación

1. Imaxes en mapa de bits (formatos de imaxe, resolución e modo de cor)

2. Interfaz do programa (distribución dos menús e ferramentas)

3. Importar e exportar fotografías.

4. Escalar e recortar a fotografía (interpolación)

5. Axustes de imaxe

5.1 Brillo e contraste

5.2 Niveis

5.3 Curvas

5.4 Exposición

5.5 Equilibrio de cor

5.6 Filtros de fotografías

5.7 Conversión a branco e negro

6. Capas.

7. Máscaras de axuste.

8. Ferramenta: selección.

9. Ferramentas: Pincel corrector e tampón de clonar.

10. Crear un novo documento.

11. Exercicios prácticos.