Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Presentación da revista REM Nº18 (2019)

 

O venres 31 de maio, ás 20:30H na Biblioteca Pública Municipal de Baiona, presentarase a revista REM nº 18 (2019) do Instituto de Estudos Miñoráns.

O acto contará con colaboración musical e as intervencións de Xulián Maure Rivas, Natalia Jorge Pereira, Xilberte Manso de la Torre, Soledad García Riveiro e Antonio Soliño Troncoso que farán unha breve presentación das súas colaboracións.

Conduce o acto María Lemos Cerqueira.

Está en:  Inicio Filoloxía e literatura Novas A arquitectura de Xosé Bar Bóo en Gondomar
Skip to content
A arquitectura de Xosé Bar Bóo en Gondomar PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Escrito por Antonio Soliño - Rosa Mouriño   
Xoves, 11 Setembro 2014 20:35

bar_boo

Xosé Bar Bóo nace en Vigo o 25 de setembro de 1922. Comezou dende moi novo a paixón polo deseño, debuxando o mobiliario da casa de seus país na rúa Hernán Cortés así como a organización interior da vivenda, proxectada polo arquitecto vigués Francisco Castro Represas. Estudou bacharelato no Colexio Irmáns Maristas do Pilar de Vigo. Nos anos corenta trasládase a Madrid onde cursa os estudos na Escola Superior de Arquitectura e obtén o título no ano 1957. Continúa a súa formación e acada o título de doutor o 5 de novembro de 1964 na mesma Escola.

praza_abastos_gondomarA obra de Bar Bóo comeza no ano 1955 co proxecto da “Vila na Praia de Samil” e no ano 1957, inda sendo estudante, co edificio Bar Bóo na rúa Marqués de Valladares, en Vigo.

A arquitectura naquel momento en Galicia estaba marcada con un forte carácter historicista, que atopaba en Jenaro de la Fuente Domínguez (1851-1922), Manuel Gómez Román (1875-1964) ou Antonio Palacios Ramilo (1876-1945) os seus máximos expoñentes.

Pódese dicir que a Modernidade a Galicia chegou da man de dúas figuras: na zona norte con Andrés Fernández-Albalat Lois, que se estableceu na Coruña, e un foco sur coa chegada a Vigo de Bar Bóo. Como el mesmo di, xunto con Albalat: “comezaron unha apertura de ventás ó exterior coa intención de actualizar a arquitectura” (1)

Accedeu á docencia no ano 1985 na Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña, impartindo clases no departamento de Composición arquitectónica, e mais tarde en cursos de doutoramento. Participou e dirixiu diversos cursos de intervención no patrimonio arquitectónico, urbanismo e deseño e participou activamente en actividades vinculadas á docencia (conferencias, cursos, congresos, ...) así como outras actividades relacionadas co exercicio da súa profesión (fundador do Colexio de Arquitectos de Galicia -1973-, Fundador do Museo do Pobo Galego -1976-, Membro do Seminario de Estudos Galegos -1982-, etc)

As súas primeiras obras destacan por una forte racionalidade e estudada composición volumétrica. Co paso do tempo e segundo vai a acadando experiencia e dominando os materiais, xorden innovadoras propostas arquitectónicas, con plantas en forma trapezoidal ou circular, vinculadas estas últimas á investigación das arquitecturas vernaculares propias da zona na que é traballa.

camara_agrariaOs materiais foron decisivos na obra de Bóo. O uso da pedra de diferentes cores, texturas ou incluso amosando as posibilidades que lle propina o corte e a manipulación na canteira é fundamental para o entendemento da súa obra. A experimentación das “pastas” é continua ó longo da súa obra. El mesmo define o seu emprego nun artigo da revista Arquitectura no ano 1968:

“Profusamente, por toda a bisbarra, vense as laxas cercando fincas rurais. A causa desta difusión é a súa baratura, derivada da doada extracción, pouco peso en relación con superficie que cobre, elemental posta en obra por simple chantado no terreo e perdurabilidade (practicamente ilimitada) e libre e entretenementos.

Deste humilde e único destino xáctome de ter rescatado as “pastas” para as utilizar na construción de edificios como elemento portante e de cerramento. Animáronme a isto dúas cualidades non valoradas en tan rústico uso: a súa beleza e a súa impermeabilidade. Ambas moi superiores ás dos restantes granitos da zona utilizados na construción. A espontánea obtención das “pastas” por simple acuñamento, non vela a brillante colorida dos seus compoñentes nin debilita a súa esgrevia textura granulosa. O engado do produto natural non danado pola ferramenta exerce todo o seu poder” (2)

cine_gondomar

edificio_antonio_caeiroNo que respecta ós interiores, tratou de maneira excepcional o deseño de carpinterías, mobiliario deseñado expresamente para os seus proxectos, trata aspectos funcionais, estéticos, e ergonómicos, pensando en todo momento no benestar da meirande parte dos usuarios. Os mobles son para el un complemento integrante da súa obra, xerador de espazo e de máximo aproveitamento da estancia da que forma parte. Incorporou tamén a cheminea como símbolo do fogar ou espazo xerador ó redor da cal se reúne a familia. Neste senso vólvese a apreciar unha ollada a arquitectura popular, na que o lume funcionaba como núcleo da vivenda tradicional.

As escaleiras son un tema de profundo estudo tamén na súa obra. Deseña pezas tratadas con certo valor escultórico na que a integración estrutural xunto co tratamento no deseño conforman pezas únicas, que se repiten nas súas arquitecturas.

No que respecta a súa obra en Gondomar, Bar Bóo desempeñou as labores de arquitecto municipal da Vila nos anos 60, o que deixou importantes construcións que inda hoxe perduran: Praza de Abastos (anos 64-69), Centros de Inseminación Artificial Gandeira (ano 65),  Edificio Social Irmandade de labregos de San Bieito (Cámara Agraria -1966-), cinematógrafo Gondomar (1967), Edificio de vivendas para D. Antonio Caeiro Álvarez (1968), Edificio Alborés (1968), así como diversas vivendas unifamiliares que inda de menor importancia, non deixan de ser parte do legado que deixou o arquitecto.

Cabe destacar, ademais doutros premios que tivo o arquitecto ó longo da súa carreira profesional, a inclusión dalgunhas obras de Bóo no catálogo da Fundación CO.CO,MO.MO_ Ibérico (documentación e conservación da arquitectura e o urbanismo do movemento moderno), organización creada en 1990 co obxectivo de divulgar e protexer o patrimonio arquitectónico do Movemento Moderno, entre as que se atopa a Praza de Abastos de Gondomar.

 

Dim lights Embed Embed this video on your site

 

  1. Garrido Fenés, A., “La obra de Xosé Bar Bóo. Una arquitectura a la medida del hombre”, Pontevedra, 2000, px. 49.
  2. Bar Bóo, X., “Reflexións sobre a construción con pedra natural”, en Obradoiro, nº 17. COAG, Santiago. 1990, px. 96.

 

 

Para saber máis do arquitecto:

BAR BÓO, X., “Xosé. Bar Bóo, Arquitecto”, en Obradoiro, nº 17. COAG, Santiago. 1990

BAR BÓO, X., “notas al artículo: Intencións na arquitectura de Xosé Bar Bóo, de Xan Casabella”. Boletín Académico nº6, A Coruña, 1987, px 12-15

CASABELLA LÓPEZ, X., “Intencións na arquitectura de Xosé Bar Bóo”, Boletín Académico nº 4, A Coruña, 1986, px. 32-43

GARRIDO FENÉS, A., “La obra de Xosé Bar Bóo. Una arquitectura a la medida del hombre”, Pontevedra, 2000

GARRIDO RODRÍGUEZ, X., IGLESIAS VEIGA, X. R., “Vigo. Arquitectura Urbana. Catálogos do patrimonio”, Vigo, 2000

WWW.DOCOMOMOIBERICO.COM