Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Resolución do II Certame Escolar de Creación Dramática.
Reunidos os membros do xurado integrado por Miguel Anxo Mouriño Fernández, escritor e membro do IEM, Fátima Granxa Paz, en representación dos grupos da sección de teatro do Instituto de Estudos Miñoráns e Luís Carballo Moure, membro do IEM, que actuou como secretario, acordaron por unanimidade a concesión do premio do II Certame Escolar de Creación Dramática, que convoca o IEM en colaboración co concello de Gondomar ao CEIP Souto Donas (Gondomar) pola obra Día de pesadelo.

A obra foi escrita polas alumnas Carolina Figueroa Granxa, Erea Estévez Vilar e Zayra Costasde 6° curso de E.P.

O xurado, tamén acordou conceder accésit as seguintes obras:

Vaia tres na arribada! CEIP De Mallón

A casa embruxada. CEP Sabarís

Unha historia de piratas. C.E.I.P. Serra- Vincios

O premio consta de tres partes: un lote de libros, a publicación da obra na web do IEM e a súa representación polo grupo de teatro "A Moura" de Chaín, no colexio de Souto-Donas.

Ademais, o xurado decide entregar a cada participante un diploma acreditativo de participación no certame escolar de creación dramática.

Gondomar a 30 de marzo de 2019.

Está en:  Inicio Filoloxía e literatura Textos literarios Polo Miñor entre terra e mar, de Francisco Fernández del Riego.
Skip to content
Polo Miñor entre terra e mar, de Francisco Fernández del Riego. PDF Imprimir Correo-e
Filoloxía e literatura - Textos literarios
Escrito por IEM   
Martes, 28 Agosto 2012 22:49
Paco-del-Riego

Presentación: Polo Miñor entre terra e mar é un breve e fermoso texto literario escrito por Francisco Fernández del Riego no xermolar do século XXI (probablemente no ano 2002), no que rescata as súas primeiras impresións, imaxes e sensacións obtidas durante a súa mocidade no Val Miñor. A obra foi publicada orixinalmente na Revista do IEM Nº2, na sección O meu Val Miñor.


Polo Miñor entre Terra e mar.
Temos percorrido unha chea de veces os lugares valecos e montesíos que poboan a comarca miñorana. Pero lembramos especialmente os primeiros andares, aínda mozos, por estas paisaxes, agora tan familiares. O río dáballe nome ao val. A orixe das súas augas estaba ao pé do monte Galiñeiro. A corrente fluvial ía debuxando o límite entre os concellos de Gondomar e Nigrán. En Vincios formaba enxurradas caracterizadoras. Entre elas e os piñeiros comezaban paisaxes de gándara. Dábanos a impresión de montaña en plena orla da badía. O Miñor, descendendo logo con curso paseniño, chegaba á praia de Sabarís para desembocar na ría viguesa.
Sentiamos o atraemento do río. Amosábanos aspectos de axeitada independencia xeográfica. Non só no seu contorno, senón tamén de fusión coa beira litoral. Ofrecía unha composición de formas desenvolvidas deseguida cara ao monte e o mar pola rexa unidade montesía. Tiña por plinio e soleira o segmento de seis leguas de costa. Unha costa dura, penedosa, isocronamente batida pola marea. O río e o val, contemplados desde un bicaño, fornecían perspectivas inesquecibles. Mantemos viva na memoria unha fermosa visión desde o alto de Culleiro, espido, avesío, amigo do vento e das néboas. O val Miñor descubríasenos como unha labrada esmeralda. Verde, fresco, acariñador, nostálxico.
Gorentábanos baixar polas encostas d'A Ramallosa entre piñeirais cara ao esteiro. Pararnos na vella ponte coa graza da súa curva. Ollar o Cruceiro e o peto de Ánimas. Camiñar polas parroquias de expresivos topónimos. Chandebrito, Priegue, Camos, Nigrán, San Pedro, á marxe dereita. Borreiros, Donas, Mañufe, Couso, Peitieiros, na esquerda. Tamén achegarnos aos lugares onde se atoparan vestixios prehistóricos, restos arqueolóxicos da cultura dos castros, cerámicos ou de arquitectura, insculturas rupestres. Mesmo anacos de calzadas romanas.
Pracíanos tamén seguir rutas que nos encarreiraban cara aos edificios pacegos, tan abondosos na bisbarra miñorá. Sabido é que os señores galegos do XVIII erixiron para residencia cómodas mansións campestres. Tratábase de mansións sen pretensións, nin esixencia guerreira, malia que algunhas foran reedificadas sobre construcións bélicas. Moitas emprazáronse nas vertentes dos vales. Os brasóns constituían ornamento indispensable tanto por razóns estéticas como sociais. Estaba presente, resumida nas súas armas, a historia das liñaxes dos propietarios.
No límite da parroquia de Gondomar erguía notoria presenza o Pazo do Conde, antiga casa señorial dos Sarmiento. O seu titular en tempos de Filipe III, Diego Sarmiento de Acuña, exerceu papel significativo. Fixo a defensa do Val Miñor en Monterreal, fronte ás tropas de Drake, e foi embaixador en Inglaterra. Preto de Gondomar, en Mañufe, atopábanse as casas fidalgas de Baludio e de Fontán. En Vilaza, as dos Vilarés, de Pampillón, de Barreiro. En San Fiz de Nigrán, os pazos de Cadaval e de Cea. O da Touza, en Camos.
Deixabamos as terras moles, nutrices, do val, cos vellos pazos solarengos, encamiñándonos á beira marítima. Situabámonos en Panxón, lugar de arcaico avoengo. Nos días da dominación romana existiran alí vilas e residencias señoriais. O castro que se ergue sobre o mar testemuña que había algo que gardar e que defender. Fronte á enseada que cingue o outeiro, en breve altura, o "Templo Votivo do Mar", obra de Palacios. Orixinal, con certa grandiosidade, de acento moderno, aínda que inspirado en estilos históricos. Case ao pé gustábanos evocar o que fora templo visigodo, quizais do século VI. Era fermoso o arco triunfal que se conservaba, suscitador da evocación. Subimos ata o cume de Monteferro. Batemos co monumento ergueito en memoria das vítimas do mar, deseñado polo arquitecto Gómez Román. Desde o alto albiscamos unha paisaxe de singular beleza. Alá, ao lonxe, sobre o horizonte dos derroteiros atlánticos, presidía a imaxe broncínea da Virxe da Rocha.
Un día e outro era o paseo polo longo areeiro que vai de Panxón á base da cuíña de Lourido. Compracíanos continuar a paseata arredor do monte. Tamén situarnos, ás veces, no cabezo do outeiro de San Pedro, na outra banda. Desde esta mirada dexergabamos o Lourido fronteiro coas súas árbores reflectidas nas augas encorgadas d'A Foz. Descendiamos cara a Santa Cristina da mesma Ramallosa. Pasada a Ponte, seguiamos camiño a Baiona.
Quedou sempre na nosa lembranza aquela visión primeira, gabeando a partir de aquí ata o monte da Groba. Temos presente aínda o espectáculo da cabalgada salvaxe que contemplabamos. Eguas bravas de Valga, Morgadáns, Torroña, Mougás. No escenario montuno o galopar dos cabalos salvaxes. Fixabamos a atención nas faenas da rapa das bestas, da marcaxe, das vendas e mercas. Avivecíase o noso interese ollando a cabalgada de eguas e poldriños. Aburábana os batedores, valéndose de longas pértegas. Obrigaban así os cuadrúpedes a se xuntar e facelos trotar en bruidosa troupeleada cara ao encerro. Bravíos, belos, xa estaban no curro. Escoitabamos os seus rinchos, presentiamos os seus corcovos entre nubarróns de po.
Alá embaixo, nos derrames do ríspido monte, atopábase a estrada á beira da costa brava, penedosa. Era un panorama ben diferente das paisaxes do Miñor. Contrastaba rudamente co dos horizontes de mar e terra miñoráns. As parroquias dos concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona que os conformaban ofrecían ao visitante acolledora habitabilidade. Por iso resultaba a zona que cubrían típico espazo de expansión residencial.
Velaí algunhas das impresións que nos produciu a primeira viaxe ao fermoso val. Impresións anovadas en sucesivos percorridos pola comarca cada ano, durante os meses estivais.