Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Acto de entrega do XI Premio de Poesía Victoriano Taibo. inicio tamén da I Semana poética Victoriano Taibo.

O Auditorio Lois Tobío acolle o acto de entrega do XI Premio de Poesía Victoriano Taibo

Desde este sábado, dá inicio tamén a I Semana poética Victoriano Taibo que enmarca a entrega do premio

 

Organizado polo Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns.

E para achegarnos á data no ambiente poético propicio, o IEM inicia, este sábado día 10, a I Semana poética Victoriano Taibo, que encherá de versos a vila de Gondomar, unha festa poética que terá un fermoso ramo o día 17 coa entrega do premio desta décimo primeira edición a Laura Ramos Cuba.

I Semana poética Victoriano Taibo:

O sábado 10, ás 21:00 h. no Café Rañolas comeza esta celebración poética e será cun Slam poético, un recital aberto en que pode participar quen quixer co único requisito de que os textos que recite, dous, sexan de autoría propia e estean na nosa lingua. Cómpre tan só inscribirse previamente no correo electrónico do IEM (oficina@iem.gal). Un xurado escollido entre o público asistente seleccionará ao gañador ou gañadora da noite.

O luns día 12 a poesía tomará os balcóns e as fachadas de Gondomar, ondeando os seus versos en lonas que reproducirán, entre outros, poemas de autores premiados co Victoriano Taibo.

Nesa semana repartiranse tamén entre 14 establecementos hosteleiros manteis ilustrados con poemas.

E no medio da semana, nun lugar céntrico e frecuentado, podermos gozar dunha sorpresa poético-musical que non poderá ser máis anunciada para que, efectivamente, sexa unha sorpresa.

E así chegaremos ao sábado 17, data de entrega do XI Premio Victoriano Taibo.

A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, amenizará o acto en que a autora recibirá o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recitará algúns poemas da súa obra. No acto tamén intervirá o director do IEM, Xulián Maure. Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal a autora asinará libros para quen o desexe.

O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo.

Está en:  Inicio
Skip to content
XII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (10 e 14 de setembro de 2018)
Escrito por IEM -Sec   
Domingo, 09 Setembro 2018 16:40

O XII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos que se celebrará en Madrid entre os días 10 e 14 de setembro de 2018 contará cunha ponencia do historiador e membro do Instituto de Estudos Miñoráns Anxo Rodríguez Lemos, doutorando na Universidade de Santiago de Compostela, baixo o título Entre mouros, cantares e terra nomeada: experiencias de traballo con concellos da provincia de Pontevedra. O baionés fará un percorrido a partir das súas recollidas, en campo, de toponimia e tradición oral recompilada ao longo dos concellos de Vigo, Nigrán, Gondomar e Baiona no marco dos convenios que o IEM vén realizando cos concellos do sur da provincia, nos últimos anos, como institución pioneira neste eido do patrimonio inmaterial. A intervención terá lugar ás 18:00h. na facultade de Humanidades da Complutense de Madrid dentro da Mesa redonda arredor do Territorio, con relatorios centrados na Memoria, o Patrimonio e a Identidade.

 
XEIRAS IEM 2018- BAIONA-Montereal de Baiona: Vivindo entre murallas. Martes 28 de agosto ás 18:30h.
Escrito por IEM -Sec   
Domingo, 26 Agosto 2018 00:42
O vindeiro martes 28 de agosto ás 18:30h terá lugar a décimo segunda e última xeira de verán polo concello de Baiona, Montereal de Baiona: Vivindo entre murallas, dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada por Anxo Rodríguez Lemos.

O punto de encontro será en Arcos da Ribeira (Antiga Praza do Pescado).

 

https://www.google.com/maps/d/u/0/viewer?mid=12vVRFVULOHlgLaEoQh-G3xASXZs&ll=42.12155900000004%2C-8.849873500000058&z=17

HABERÁ DOUS INTÉRPRETES EN LINGUA DE SIGNOS PARA XORDOS.

Case tres quilómetros con triple cinturón de muralla pechan, aproximadamente, as 18 hectáreas centrais da península de Monte Boi en Baiona, centro da nosa vindeira xeira. Ao pé dos seus breves extramuros con pronunciadas costas ábrense as praias daCuncheira, Os Frades, A Barbeira e A Ribeira; este último areal, aberto ao Norte e protexido pola Doca, acolle o porto de Baiona, vila inmediata unida a Monteboi polo istmo da Palma.

 

A historia da fortaleza foi parella ó esplendor de Baiona desde que na Alta Idade Media se converte en vila urbana e principal porto das terras de Turonio. Entre os moitos fitos históricos destacables que presenciou, alén da chegada da carabela Pinta en 1493, houbo episodios claves da guerra civil do século XIV, con Suero Yañez de Parada como figura miñorana sobranceira, ou 1452, cando Juan II de Castela e León ratifica a importancia deste porto ó autorizalo para comerciar co estranxeiro xunto coa Coruña. Os dous únicos de toda Galicia con rango semellante.
En 1497 os Reis Católicos mudáronlle o nome de Monte do Boi polo de Monte Real ao fundar unha nova vila no interior da fortaleza baixo o amparo real. A Baiona extramuros floreceu á par da intramuros no século XVI coa reactivación da pesca e o comercio, este último, beneficiado polo favor real de comerciar coas Indias dende 1529 a 1573. Baiona crecería un 132% entre 1528 e 1591, pasando de 393 a 915 veciños e superándose os 100 hab/km2 no Val de Miñor. Entre os séculos XVI e XVIII as murallas son reforzadas e aumentadas ata a súa total ruínacando os canóns da antiga praza militar enmudecen un 24 de outubro de 1843. Coñeceremos a vida cotiá do seu interior, a historia das súas portas históricas, pozo e cisterna, torres defensivas, baluartes ou incluso a vida dos seus propietarios dende que, en 1874, sae tras moitos inconvenientes o espazo amurallado a subasta pública.

 

 
Eloy Martínez, Xosé Lois Vilar e Xilberte Manso presentan en Italia os resultados do Proxecto Equus
Escrito por IEM -Sec   
Xoves, 30 Agosto 2018 17:20

2018-08-30-covadeamorinalta00contraste

Eloy Martínez, Xosé Lois Vilar e Xilberte Manso, membros da sección de arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), presentaron onte algunhas xoias da arte rupestre do sur da provincia de Pontevedra e do norte de Portugal no XX Congreso Internacional sobre a arte rupestre (IFRAO). A investigación, enmarcada dentro do Proxecto Equus, ten como obxectivo o estudo dos petróglifos con representación de équidos existentes no sur da provincia de Pontevedra e no norte de Portugal. Trátase dun proxecto iniciado oficialmente en 2015, pero que en realidade remonta a súa orixe a máis de 10 anos vinculados coa investigación da arte rupestre e, neste caso, coas escenas de caza dos petróglifos galegos e portugueses.

Ler máis...
 
NOTA INFORMATIVA: Hoxe venres 24 de agosto charla no local do IEM sobre "Petróglifos e as novas ferramentas de análise" por Xosé Lois Vilar, e proxección con tecnoloxía 3D
Escrito por IEM -Sec   
Venres, 24 Agosto 2018 10:51
Hoxe venres 24 de agosto, ás 20:00 H no local do IEM (Avda, da Feira, 10 Baixo- Gondomar) terá lugar unha charla sobre "Petróglifos e as novas ferramentas de análise" por Xosé Lois Vilar, seguida dunha proxección de gravados rupestres con modelos en tecnoloxía 3D.

Esta actividade complementa á xeira de onte O Monte Tetón. A paisaxe tatuada polo concello de Tomiño.

 

 
AÍNDA QUEDAN PRAZAS PARA A XVIII XEIRA ALÉN MIÑOR (TERRAS DE CALDELAS, TRIVES E MANZANEDA) 12-13-14 Outubro 2018
Escrito por IEM -Sec   
Domingo, 26 Agosto 2018 12:25
captura de pantalla 2018-08-26 a las 12.28.54
ITINERARIO

Venres 12 (Ribeira Sacra)

Saída 8.00 Gondomar (pavillón de deportes)

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil

Sen dúbida é un dous máis importantes mosteiros Bieitos da Ribeira sacra. Segundo a tradición, San Martín Dumiense fundouno cando chegou a Galicia no s.VI, antes de que os suevos mudasen a capital á Braga. A Igrexa é románica de finais do século XII e comezos do s. XIII, con restauracións posteriores.

Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

Como noutros centros monásticos fundados ao abeiro das encaixadas ribeiras do curso final do río Sil, foi considerado inicialmente como un centro eremítico, transformándose posteriormente nun cenobio.

Aínda que non se conserva ningún vestixio arquitectónico ou epigráfico do edificio orixinal, a non ser algunha pedra reutilizada, quedan testemuños certos da presenza do mosteiro en época prerrománica, datando as primeiras referencias documentais de finais do século IX.

A igrexa do mosteiro, constitúe un magnífico expoñente do esplendor arquitectónico do románico galego e da importancia do labor escultórico dos mestres medievais que traballaron na súa fábrica.

Xantar en Montederramo

Paseo xeolóxico polo Canón do río Mao e enterramentos antropomorfos de Barxacova (San Vítor)

É un lugar de singular beleza. O río Mao xurde da unión de dúas ramas (Altos do Rodicio e Serra de San Mamede). Paradoxalmente, nos seus nacentes desenvólvese dun xeito paseniño polas penichairas. Unha vez superadas a súa orografía, transfórmase e ten unhas pendentes superiores ó 7 por cento, onde serpentea polos canóns que vai formando ó seu paso.

 

Ler máis...
 
XEIRAS IEM 2018- TOMIÑO-O Monte Tetón. A paisaxe tatuada. Xoves 23 de agosto ás 20:00h.
Escrito por IEM -Sec   
Xoves, 16 Agosto 2018 22:34
O vindeiro xoves 23 de agosto ás 20:00h terá lugar a décimo primeira xeira de verán polo concello de Tomiño, O Monte Tetón. A paisaxe tatuada, dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada por Xosé Lois Vilar Pedreira.

O punto de encontro será no Alto do Padrón. Estrada Gondomar- Tomiño.

https://www.google.com/maps/d/u/0/viewer?mid=1Vr7dRzrqjsdunbNMkJWfT44cyBeAaHAU&ll=42.06286980000004%2C-8.744373900000028&z=17

HABERÁ DOUS INTÉRPRETES EN LINGUA DE SIGNOS PARA XORDOS.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

Páxina 3 de 217