Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Acto de entrega do XI Premio de Poesía Victoriano Taibo. inicio tamén da I Semana poética Victoriano Taibo.

O Auditorio Lois Tobío acolle o acto de entrega do XI Premio de Poesía Victoriano Taibo

Desde este sábado, dá inicio tamén a I Semana poética Victoriano Taibo que enmarca a entrega do premio

 

Organizado polo Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns.

E para achegarnos á data no ambiente poético propicio, o IEM inicia, este sábado día 10, a I Semana poética Victoriano Taibo, que encherá de versos a vila de Gondomar, unha festa poética que terá un fermoso ramo o día 17 coa entrega do premio desta décimo primeira edición a Laura Ramos Cuba.

I Semana poética Victoriano Taibo:

O sábado 10, ás 21:00 h. no Café Rañolas comeza esta celebración poética e será cun Slam poético, un recital aberto en que pode participar quen quixer co único requisito de que os textos que recite, dous, sexan de autoría propia e estean na nosa lingua. Cómpre tan só inscribirse previamente no correo electrónico do IEM (oficina@iem.gal). Un xurado escollido entre o público asistente seleccionará ao gañador ou gañadora da noite.

O luns día 12 a poesía tomará os balcóns e as fachadas de Gondomar, ondeando os seus versos en lonas que reproducirán, entre outros, poemas de autores premiados co Victoriano Taibo.

Nesa semana repartiranse tamén entre 14 establecementos hosteleiros manteis ilustrados con poemas.

E no medio da semana, nun lugar céntrico e frecuentado, podermos gozar dunha sorpresa poético-musical que non poderá ser máis anunciada para que, efectivamente, sexa unha sorpresa.

E así chegaremos ao sábado 17, data de entrega do XI Premio Victoriano Taibo.

A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, amenizará o acto en que a autora recibirá o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recitará algúns poemas da súa obra. No acto tamén intervirá o director do IEM, Xulián Maure. Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal a autora asinará libros para quen o desexe.

O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo.

Está en:  Inicio
Skip to content
SOS CABALOS SALVAXES GALEGOS
Escrito por IEM   
Sábado, 14 Xullo 2018 13:13


NECESITAMOS A TÚA AXUDA

 

Os garranos, burras do monte, bestas ou cabalos salvaxes galegos necesitan da túa axuda para salvarse e, polo que se queres colaborar, podes aportar a cantidade que consideres nesta conta do Instituto de Estudos Miñoráns, que está a colaborar coa coordinadora de asociacións, nas que están, entre outras: Asociación Cabalar Monte Acibal de Amil, A Rapa das Bestas de Sabucedo, Asociación de Propietarios de Cabalos do Monte da Groba, Asociación Lobo, Instituto de Estudos Miñoráns e SOS Groba, entre outras.

Nuns dia temos que presentar en Estrasburgo un recurso para que se recoñeza a singularidade destes animais e se faga un regulamento específico que os protexa e regule, no que se contemplen tódolos valores naturais e culturais, e se ordene a súa presenza nos seus hábitats tradicionais, así como as festas das rapas e os curros.

Ler máis...
 
XEIRAS IEM 2018- GONDOMAR- O Camiño da Nosa Sra. do Norte. Da Capela dos Remedios ao Pazo do Conde de Gondomar. Xoves 12 de xullo ás 18:30 h.
Escrito por IEM -Sec   
Venres, 06 Xullo 2018 16:48

3 xeira

O vindeiro xoves 12 de xullo ás 18:30h terá lugar a terceira xeira de verán polo concello de Gondomar O Camiño da Nosa Señora do Norte. Da Capela dos Remedios o Pazo do Conde de Gondomar, dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello de Gondomar, que será guiada por Antonio Soliño Troncoso.

HABERÁ DOUS INTÉRPRETES EN LINGUA DE SIGNOS PARA XORDOS.

O punto de encontro será no Auditorio Lois Tobio. Gondomar.

POLA FORCA DE LOBOS ATA O PAZO DO CONDE.
O CAMIÑO DA NOSA SEÑORA DO NORTE
Guía
ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO
Ao longo desta xeira, continuidade da que a semana pasada fixemos en terras de Couso, veremos e comentaremos unha vez máis retallos dun importante patrimonio histórico, etnográfico e artístico e volveremos a preocuparnos pola deriva paisaxística que está a enfilar a contorna por mor de especies arbóreas invasoras e outras razóns non vexetais. Trataremos arquitectura vernácula, tan ben imbricada no territorio e como tantas veces non moi ben atendida, volveremos a comprobar a secular dependencia do campesiñado respecto da ga, visitaremos un recinto feiral dos máis antigos do Val no que outra vez queda patente a evidencia de ritos e costumes que naceron para aplacar medos e angustias emocionais da xente do rural, citarémonos con topónimos evocadores e case sempre reveladores, transitaremos a un tempo dous dos camiños historicamente máis importantes de Val de Miñor, e por último volveremos a toparnos con restos históricos e construídos deixados pola fidalguía e a alta nobreza do Antigo Réxime no condado. Todo durante as tres horas que nos levará percorrer os 4,20 quilómetros do tramo de camiño que atravesa a parroquia de Gondomar; un traxecto afectado de pouca dificultade. O punto de encontro é o Auditorio Lois Tobío, na vila de Gondomar. Prégase puntualidade. O percorrido será acompañado de intérprete de lingua de signos.
O camiño é un elemento básico na ordenación do territorio, podendo presentarse con diferentes rangos e categorías. Hoxe novamente vamos centrarnos nun dos de xerarquía superior para o contexto que atravesa dende, cando menos, o medievo.
O Camiño de Nosa Señora do Norte a Santiago sepárase do central en Barcelos -Portugal- e logo de pasar polos concellos de Viana do Castelo,
Ler máis...
 
XEIRAS IEM 2018- TOMIÑO- Arquitectura militar histórica. Fortalezas. Xoves 19 de xullo ás 18:30h.
Escrito por IEM -Sec   
Venres, 13 Xullo 2018 12:20

captura de pantalla 2018-07-13 a las 12.22.39

O vindeiro xoves 19 de xullo ás 18:30 h terá lugar a quinta xeira de verán polo concello de Tomiño, Arquitectura militar histórica. Fortalezas. dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada por Antonio Soliño Troncoso.

HABERÁ DOUS INTÉRPRETES EN LINGUA DE SIGNOS PARA XORDOS.

O punto de encontro será no Pazo-Torre dos Correa. Goián:

 

https://www.google.com/maps/d/u/0/viewer?mid=1vF-TpyWSLjdaaPzHo8R-rCtn6cDIYqsn&ll=41.94536319999999%2C-8.753013600000031&z=17

 

AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2018

ARQUITECTURA MILITAR HISTÓRICA. FORTALEZAS DE GOIÁN

Guía

ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO

O lugar foi considerado estratéxico dende o medievo e consecuentemente controlado por diversos señoríos e as distintas monarquías. En Goián levantouse a Torre dos Correa no século XIV, con xurisdición sobre a desaparecida Vila da Barca, inmediata a ela e ao río ata que se trasladou despois da guerra do XVII para o lugar que agora ocupa a parroquial na parte alta. O nome víñalle da embarcación utilizada para cruzar o río. Tamén en 1321 D. Denis, o rei poeta, concede foro a Vila Nova de Cerveira e fortifícaa. Tempo máis tarde, no XVII, durante a Guerra de Restauración, o exército portugués constrúe un complexo sistema militar, que recolle as innovacións incorporadas no trazado e fundación de fortalezas para contrarrestar os avances da balística, con base en Vila Nova e cabeza en Goián, unidas por unha ponte de barcas, ata que asinada a Paz de Lisboa, en 1668, a coroa española ordena levantar unha fortaleza pétrea de catro baluartes, a actual de San Lourenzo, como contrapunto ás edificacións militares do lado portugués presididas polo antigo castelo gótico.

Ao longo da xeira teremos ocasión de ver e comentar o Pazo-Torre dos Correa, o Castelo da Nosa Señora da Concepción, a Fortaleza de San Lourenzo, o Castelo medieval de Vila Nova de Cerveira, o antigo embarcadoiro da Vila da Barca no Miño e o inicio do Camiño da Nosa Señora do Norte en territorio galego. Tamén falaremos da Atalaia do Espírito Santo, do Forte de Lobelhe, do Facho, do Forte das Chagas e do Castelo de Medos intentando contextualizalos no seu tempo. Farémolo durante as tres horas que nos levará percorrer os 3,4 Km. dunha xeira circular de baixa dificultade. O punto de encontro é o Pazo-Torre dos Correa. Todo o traxecto será acompañado de intérprete de lingua de signos.

 

 

 
As Xeiras do IEM- A Nosa Señora de Cela.
Escrito por IEM -Sec   
Mércores, 27 Xuño 2018 22:07

cartel xeira anxo

 

 
XEIRAS IEM 2018- NIGRÁN- Ao son das campás de Parada. II Certame de Campás e Campaneiros. Martes 17 de xullo ás 18:30h.
Escrito por IEM -Sec   
Venres, 13 Xullo 2018 00:01
captura de pantalla 2018-07-13 a las 10.18.22
O vindeiro martes 17 de xullo ás 18:30h terá lugar a cuarta xeira de verán polo concello de Nigrán (Parada) Ao son das campás de Parada. II Certame de Campás e Campaneiros, dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada por Anxo Rodríguez Lemos.

O punto de encontro será na Igrexa de Santiago de Parada de Miñor:

HABERÁ DOUS INTÉRPRETES EN LINGUA DE SIGNOS PARA XORDOS.

Rosalía de Castro choraba co seu maxín, plasmado na súa obra Cantares Gallegos, as nostálxicas campás de Bastavales que atronaban co seu tocar o ceo do Val da Maía. Eran as campás un dos elementos sonoros que cada un levaba consigo no seu pensar xunto ás cantigas e pezas musicais aprendidas dende a nenez, rexedoras dun mundo daquela sen a sofisticada tecnoloxía actual pero ben regulado por un tocar encargado de marcar as horas de traballo, anunciar nacementos, casamentos, mortes, festas ou quizáis afastar as temerosas treboadas da comunidade. Modernas maquinarias a base de mazos electrónicos substitúen, aos poucos nas nosas parroquiais, ás mans daquelas persoas encargadas de facer falar as campás. Seguindo ás xornadas iniciadas no ano 2007 pola Asociación Cultural Os Chichisos de Pontevedra, o Instituto de Estudos Miñoráns iniciou en 2015 un certame na vila de Baiona chamado a continuar polas igrexas do Val de Miñor co fin de recoller, da man dos seus campaneiros, aqueles toques antigos en vías de desaparecer para sempre. Este ano serán dúas as campás, do século XIX e XX, as que, dende a igrexa parroquial de Santiago de Parada de Miñor, serán tocadas por Esther Nande Figueroa, sancristana e campaneira do lugar do Sobreiro, a partir das 18:30 na cuarta xeira do IEM.

 
XEIRAS IEM 2018- BAIONA-Baredo: Nosa Señora da Cela, do aviso da súa aparición na Arquiña á actual igrexa parroquial. Martes 3 de xullo ás 18:30 h.
Escrito por IEM -Sec   
Mércores, 27 Xuño 2018 21:40

O vindeiro martes 3 de xullo ás 18:30h terá lugar a primeira xeira de verán polo concello de Baiona en Baredo "Nosa Señora da Cela, do aviso da súa aparición na Arquiña á actual igrexa parroquial.", dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello de Baiona, que será guiada polo especialista Anxo Rodríguez Lemos.

O punto de encontro será no Cruceiro de Baixo (Alimentación Vicente).

 

v. cela

"Nosa Señora da Cela, do aviso da súa aparición na Arquiña á actual igrexa parroquia”

Aquel día repicaron as campás na igrexa parroquial de Baíña. No lugar anexo de Baredo, o común da xente, atopara unha imaxe da Virxe intacta sobre unha pedra do mar, nos Outeiros da Arquiña. Correu a noticia daquel portentoso achádego que, rapidamente, o abade manda trasladar á igrexa de Baiiña co fin de expoñela á publica veneración. Cargada nun carro de bois, a imaxe non quixo deixar o territorio baredano onde quedou ata os nosos días. Erguéuselle unha ermida no lugar da Cela Vella a onde acudían romeiros da Guarda, Oia, Chaín, Panxón ou Baiona a agradecer a intercesión da avogosa santa nos problemas da vida cotiá. Dende O Cruceiro de Baixo, rememoraremos na nosa xeira, aquela aparición traída polo mar picado ata o pé da Cela Vella. Entenderemos a importancia de posuír un santuario de referencia durante a Idade Moderna, o patrimonio material e inmaterial xurdido ao seu arredor, así como a separación no espiritual e administrativo, a comezos do século XIX, de Baredo e Baíña, ata daquela unha soa parroquia. Vén á primeira xeira do IEM por Baredo, ás 18:30 no Cruceiro de Abaixo (Alimentación Vicente), ao pé da actual igrexa parroquial de Baredo, onde remataremos o noso percorrido circular logo de visitar o lugar da Cela Vella.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

Páxina 5 de 217