
XIV XEIRA ALÉN MIÑOR-PONTEVEDRA
7 DE ABRIL 2018
Pontevedra, lugar onde se atopa unha ponte vella.
A construción arredor do século II por parte dos romanos dunha rede viaria de camiños que favorecería as vías de comunicacións e transporte de alimentos e mercadorías entre Braccara Augusta , Lucus Augusti e a Asturica Augusta, concretamente a vía XIX, favoreceu o asentamento e consolidación de pequenos núcleos de poboación que servían de apeadeiro ou lugar de descanso temporal para todo aquel que percorrese dita vía. Un destes pequenos asentamentos, localizado no que é a actual Pontevedra, chamouse Turoquia.
As orixes medievais de Pontevedra, con case total seguridade, gardan relación co reinado de Fernando II de León. A aparición dun documento, en 1163, que recolle a doazón por parte de dito rei da metade da igrexa de Santa María ao mosteiro de Poio, así o corrobora.
Pontevedra, ao igual que na época romana, ten ligado o seu destino ao Lérez, a ponte e os camiños. A vella ponte desapareceu (Vetula Ponte), dando paso, no medievo, a outra que tivese un protagonismo maior e axudase a sentar as bases dun novo núcleo que non deixou de medrar ata os nosos días.
A súa topografía no século XII vese claramente condicionada por atender a dúas funcións loxísticas: O control visual da ría e o territorio circundante e a defensa da cabeceira da ponte.
O máximo esplendor da vila acontece no sc. XV, cando se constrúen as catro igrexas medievais da cidade.
Outórganlle a capitalidade provincial en 1833.
Algunhas localizacións a visitar:
Igrexa de Santa María (Gótico Serodio): O cerne da cidade estableceuse ao redor desta igrexa. A orixinal esmoreceu a finais do sc. XV dando paso á nova construción. O gremio de mareantes foi o gran benfeitor para a súa construción. Naquel momento esta irmandade era das máis representativas na bisbarra, grazas a que conseguira que a pesca da ría se xestionase dende a vila. Foron as xentes mariñeiras as que levantaron este templo, que no sc. XX pasaría a ter a categoría de basílica.
Igrexa de San Bartolomeu O Vello: A edificación orixinal tivo igual destino ca anterior. Temos referencias da primeira construción dende o século XIII, posteriormente( sc.XV- XVI), os xesuítas edificaron a nova igrexa, baseándose no barroco romano.
No sc. XIX demoleuse e no seu lugar construíuse o Teatro Principal.
|