Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Conferencia: Existen evidencias do cambio climático? Dende o mércores 6 e ata o mércores 27 de febreiro

A partir do mércores 6 e ata o mércores 27 de febreiro O IEM desenvolverá un ciclo de conferencias sobre o cambio climático que contará con expertos na materia como Castor Muñoz Sobrino, Ricardo Prego Reboredo, Xosé Antón Álvarez Salgado e José M. Sánchez.
Terán lugar na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Gondomar)

  • Mércores 6 febreiro/ 20,30h
Como podería afectar o cambio climático ós ecosistemas do NW ibérico.
Castor Muñoz Sobrino
Dpto. Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo
Facultade de Ciencias. Universidade de Vigo
Presenta Xosé Ramón García
Xunta de Goberno do IEM

  • Mércores 13 febreiro/ 20,30h
É o Antropoceno a era do cambio climático?
Ricardo Prego Reboredo
Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC)
Presenta Juan Hermida
Profesor do IES A Sangriña. A Guarda

  • Mércores 20 febreiro/ 20,30h
Algunhas evidencias do cambio climático no mar de Galicia
Xosé Antón Álvarez Salgado
Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC)
Presenta Olga Mijón
Profesora do IES Rosais 2. Vigo

  • Mércores 27 febreiro/ 20,30h
As invasións biolóxicas e nós
José M. Sánchez
Dpto. Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo
Facultade de Ciencias. Universidade de Vigo
Presenta Marcos Lago
Profesor do IES Primeiro de Marzo. Baiona
Está en:  Inicio
Skip to content
XIX XEIRA ALÉN MIÑOR O RIBEIRO, 1º PARTE, Ribadavia e bisbarra (2 marzo)

Escrito por IEM -Sec   
Mércores, 16 Xaneiro 2019 23:18
ribadavia-e1498471567597

XIX XEIRA ALÉN MIÑOR

O RIBEIRO, 1º PARTE, Ribadavia e bisbarra (2 marzo)

Ribadavia é un claro exemplo de urbe medieval baseada, case en exclusiva, na produción vitícola nos derradeiros 1000 anos. Foi declarada monumento nacional no 1947, grazas principalmente ao conxunto de rúas e prazas con pórticos de fermosa fisionomía.

Tamén destacan os seus templos e pazos de diferentes estilos dende o sc. IX ao XX. A importancia da pegada dos xudeus na vila é moi notoria, principalmente na arquitectura, nos costumes e na toponimia. O Museo Sefardí é unha mostra clara da importancia da cultura, das circunstancias e a historia da poboación que viviu neste lugar durante séculos.

Moitos persoeiros falaron e escribiron prosa e poesía motivados polo encanto desta terra e os seus viños. Castelao, Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Alexandre Bóveda, Lope de Vega, Cervantes, Cosme de Médici e moitos outros.

Cunqueiro referíase O Ribeiro como “More philosophico, axeitado para unha filosofía humana, peripatética e sentimental. Apropiado para a nosa forma de ser, para a nosa lentitude dialogante, porque nos aviva e nos estimula”.

Aínda se conservan viñas tradicionais que parten desde case o río e chegan a coroar moitos outeiros. A partires do sc. VIII modificaron a paisaxe enchendo de miradoiros-socalcos as parroquias que miran O Avia, O Varón, O Viñao e O Arnoia. Nalgunhas delas, desleixadas co tempo, o carballo e a vexetación asociada forman unha simbiose naturalizada cos muros senlleiros. Esas castes de uva foron catadas no resto da península, Illas Británicas, Francia e Países Baixos, e posteriormente levadas a América (Arxentina, Uruguai e Cuba).

A importancia e dependencia do viño do Ribeiro foi tal que nos séculos X-XII as rendas do viño axudaron a financiar obras de tanta magnitude como as catedrais de Ourense ou Santiago. Xa no sc XII-XV os cobros dos foros do viño subvencionan en gran medida a reconquista e a construción das cidades de Pontevedra, A Coruña, Santiago e Ourense.

O viño segue sendo un dos motores económicos da bisbarra, aínda que decrecese en extensión cultivada: no ano 1917 no Ribeiro había 10.000 hectáreas cultivadas e na actualidade coa denominación de Orixe Ribeiro hai 2.800.

Lugares (destino/obxecto) da nosa visita

Conxunto histórico da Vila de Ribadavia

Museo Etnolóxico

Convento de Santo Domingo (Construído entre os séculos XIII e XIV. Posúe unha colección de capiteis historiados, ademais de diferentes expresións de arte sepulcral, retablos e imaxes relixiosas. A súa igrexa é considerada unha valiosa mostra da arquitectura gótica dos mendicantes)

Museo Sefardí de Galicia

Museo do viño de Galicia

Mosteiro de San Clodio do Ribeiro de Avia (De orixe altomedieval, os monxes Bieitos estiveron moi vencellados a produción vitivinícola dende séculos )

Igrexa de San Xes de Francelos (Unha das referencias prerrománicas máis importantes de Galicia. Sc IX)

Conxunto histórico artístico de Pazos de Arenteiro (Un dos pobos máis fermosos de Galicia pola súa arquitectura e a súa paisaxe)

CARACTERÍSTICAS DA XEIRA

 

DATA: 2 de Marzo de 2019.

GUÍAS: Antonio Míguez e Noemí Álvarez (Arqueólogo e Museóloga)

HORARIO APROXIMADO

SAÍDA DO AUTOCAR Sábado: 8:00 de Gondomar, dende a explanada do Pavillón de deportes.

CHEGADA: Aproximadamente ás 21.00, ó mesmo lugar de partida.

Para anotarse á Xeira haberá que chamar ao IEM ao teléfono 986 360575/627 276816, de luns a venres de 18.00 a 21.00, ou escribir un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo .

Prazas mínimas: 35

Data límite para inscribirse: 22 de Febreiro

As baixas que se realicen con menos de 48 horas antes do comezo da xeira non se aboará o importe da mesma.

  • PREZO SOCIOS/AS:45 EUROS
  • PREZO NON SOCIOS/AS:50 EUROS
  • Nº DE CONTA IEM: ES95 2080 5035 0730 4001 4164

O prezo inclúe a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar, as visitas e o guías.