Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Volta dos Nove. Sábado 13 de outubro

Volta dos Nove

O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e a Comisión da Volta dos Nove convídavos ós actos de lembranza do asasinato dos Ineses, a señora Dolores Samuelle e Os Nove de Baiona e Panxón o vindeiro sábado 13 de outubro.Hai xa 82 anos.

Ás 11h30'-no cemiterio civil de Sabarís unha lembranza oral e floral para Xosé e Luís López Luís e Dolores Samuellle, tamén coa compaña musical dos da Foz.

Ás 11h45'-na Volta dos Nove palabras, música e flores para os nove homes asasinados a noite do 15 para o 16 de outubro de 1936.

 

Foi no 24 de xullo, a media mañá, festas en Santa Cristina.

Entraron as tropas que viñan de acalmar Vigo.

O comandante militar de Baiona: Ramón Blanco Linares. Requisa na sociedade obreira de Sabarís, na Porta do Sol, socialista e anarquista. Fichas de afiliación, revistas pornográficas, correspondencia, ...

Ducias de homes fuxidos. Foron aparecendo todos, pero entre outros, faltaban Pepe e Luís, Os Ineses. Descubertos o 13 de outubro de 1936 agochados na casa de Ventura Pérez, cego, axudado por Dolores Samuellle que compraba moitos víveres para o vello, ou o xornal. Delación e entrada de falanxistas, e garda civil a mañá do 13. Defensa propia e ferido (Luís Refojo Mariño, camisa nova). Luís morto a tiros nunha viña camiño da Ladeira, Pepe no muro do cemiterio. Exposición pública e asasinato de Dolores Samuellle, por encubridora.

En Vigo o 15 morre o ferido e esa noite van buscar veciños do Val de Miñor os cárceres de Vigo, traen nove que matan antes da amañecida e á tarde enterran o camarada caído.

Herminio Ramos lembrounos:

1936 Octubre 16. En el día de hoy aparecen muertos a la orilla de la carretera más allá de la fuente de San Roque nueve hombres que resultaron ser vecinos desta villa, calificados de rojos presos en Vigo.

Está en:  Inicio
Skip to content
O clima no Val Miñor.

Escrito por IEM   
Martes, 28 Agosto 2012 22:17

o-clima

Presentación: "O Clima no Val Miñor", é unha pescuda desenvolvida polo profesor Salvador Rodríguez Muñóz* , en base a datos recollidos entre os anos 1987 - 1999 na estación termopluviométrica do Instituto Nacional de Meteoroloxía no Val Miñor. A súa versión orixinal está publicada na Revista de Estudos Miñoranos Nº1 do ano 2001.

 

O clima no Val Miñor.
A situación xeográfica do Val, a carón do mar, unida á súa orografía (as serras circundantes non son moi elevadas) fai que poidamos cualificar o seu clima como de tipo oceánico, suave e chuvioso con certa tendencia á aridez estival, como xa veremos. O Val, afectado polas altas presións subtropicais (anticiclón das Azores) e as baixas noratlánticas, vese sometido ao predominio dos ventos do oeste e do suroeste, que teñen un doado acceso ó Val dada a orientación oeste-leste do mesmo.
Para a análise da meteoroloxía local dispoñemos dos datos recollidos pola Estación Termopluviométrica do Servicio Nacional de Meteoroloxía, sita no Instituto de Educación Secundaria "Escolas Proval", en funcionamento desde mediados do ano 1986. Os datos estudados abranguen o período 1987-1999, é dicir, trece anos que permiten facemos unha idea bastante aproximada do clima no Val.
Temperaturas
A temperatura media anual sitúase arredor dos 14,5°C. As desviacións respecto deste valor non superan dun ano ao outro os O,9°C. A media das temperaturas máximas é 19,7°C, e a media das mínimas é 9,3°C, con variacións interanuais igualmente pequenas, como observamos na gráfica seguinte.

taboa-1


O mes máis frío é xaneiro, cunha temperatura media de 10°C e mínima media de 5,4ºC. Os meses máis calorosos son xullo e agosto, cunha temperatura media de 19,4°C e 19,5ºC respectivamente, e cunha media das máximas de 25,2°C e 25,4°C respectivamente. A amplitude térmica anual oscila, polo tanto, arredor dos 10°C, moi pequena, debida sen dúbida á proximidade do océano e ao seu efecto termorregulador

taboa-2


En canto ás temperaturas extremas, o número de días con temperatura mínima inferior aos cero graos Celsius é de once, por termo medio. A mínima absoluta no período estudado foi de -5°C, no ano 1987. Pola outra banda, o número de días con temperatura máxima igual ou superior aos 30°C é de oito, sendo a máxima absoluta do citado período 37,5°C, no ano 1995.

taboa-3


O paso do inverno á primavera faise de forma suave. O ascenso máis pronunciado das temperaturas ocorre entre os meses de abril a maio. O descenso de temperatura logo do período estival prodúcese de xeito continuo e bastante uniforme.
Horas de insolación
O número de horas de sol sitúase sempre por riba das 2.100 horas/ano, sendo a media 2.266 horas/ano. Os meses menos soleados son novembro e decembro, e os máis soleados xullo e agosto, como cabía esperar, con dez horas de sol ao día.

taboa-4


Cómpre subliñar que, dentro do Val, as zonas orientadas ao sur, protexidas dos ventos do norte, están máis expostas ao sol, o que fai que haxa unha notable diferenza na densidade de poboación entre a marxe dereita do Val (Chandebrito, Priegue, Camos, Parada ... ) e a esquerda (Borreiros, Donas, Mañufe, Couso ... ).
Balance hídrico
A precipitación media anual sitúase, no período analizado, nos 1.413 11m2, lixeiramente superior aos 1.293 11m2 das vertentes N e NW da Península Ibérica. O número de días de chuvia oscila arredor dos 132 ao ano.
Pola contra, a evaporación potencial media, que representa o número de litros de auga que se evaporan por cada metro cadrado de terreo, é de 794,9 11m2, claramente inferior á precipitación media; o balance hídrico entre precipitacións e evaporación é, tódolos anos, positivo.
Cómpre destacar a notable diminución das precipitacións producida arredor do ano 1992, como se observa no histograma seguinte

taboa-5


A tendencia a unha certa aridez estival mencionada anteriormente apréciase de forma evidente (gráfica seguinte) no balance hídrico dos meses centrais do ano: en xuño, xullo e agosto a evotranspiración é significativamente superior á precipitación. Nembargante, a reserva de humidade do solo non chega a esgotarse totalmente en ningún mes do ano.

taboa-6


Datos comparativos
Por último, é interesante comparar brevemente os valores climáticos do Val Miñor cos da veciña poboación de Vigo (estación meteorolóxica de Peinador) e cos valores de Galiza en conxunto. Nas gráficas vese que as temperaturas son máis extremas no Val que na veciña zona de Vigo: as máximas son consistentemente máis altas e as mínimas máis baixas. E na outra gráfica apréciase como as precipitacións son inferiores no Val con respecto ao aeroporto.

taboa-7

taboa-8

taboa-9


En canto á comparación do clima no Val co do resto de Galiza, observamos que as temperaturas mensuais medias son máis suaves no Val: nos meses de outubro a maio (outono, inverno e primavera) as temperaturas son máis altas, e nos meses centrais do ano (verán) máis baixas que en Galiza en conxunto:

taboa-9b


Nas precipitacións sinalamos que os meses centrais do ano (xuño a setembro) son máis secos que no resto de Galiza, e máis chuviosos os restantes do ano:

taboa-9bb


No cadro seguinte resumimos os datos máis relevantes do clima do Val Miñor.

taboa-9bbb


 

*Salvador Rodríguez Muñoz. (Zamora,1957). Licenciado en Química pola USC. Profesor de Física e Química no IES "Escolas Proval" do que foi Director durante moitos anos. Dende 1987 é responsable da estación termopluviométrica do Instituto Nacional de Meteoroloxía no Val Miñor.