Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Laura Ramos Cuba gaña o XIº Premio de poesía VictorianoTaibo coa obra presentada baixo o título de A situación actual

O xurado do certame poético VictorianoTaibo que convoca o Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, integrado polos escritores e escritoras Iria Misa, Gonzalo Navaza, Miguel Anxo Mouriño, Marta Dacosta en nome do IEM e Rafa Vilar, gañador da Xª edición, resolveu que o libro gañador desta XIª edición era o presentado co título de A situación actual que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Laura Ramos Cuba.

O xurado valorou que se trata dunha obra absolutamente contemporánea en que atopamos unha voz intimista moi forte. Unha voz dunha grande radicalidade, capaz de reflectir unha situación límite, unha crise emocional. Destaca a capacidade de poetizar o cotián con sinxeleza e fondura a un tempo. O xurado tamén salientou a unidade do libro, que mantén ao longo da lectura o pulso e o ritmo.

Laura Ramos Cuba, é unha moza burelá graduada en xornalismo e comunicación audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Este é o seu primeiro premio e, será, o seu primeiro libro publicado, co que o certame Victoriano Taibo ten a satisfacción de permitir que saia á luz esta voz actualísima que nos fala desde as súas propias coordenadas inseridas neste século XXI.

A entrega do premio será o día 17 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.

 

Está en:  Inicio
Skip to content
XV XEIRA ALÉN MIÑOR CERDEDO - MONTE SEIXO (5 de maio de 2018)

Escrito por IEM -Sec   
Martes, 10 Abril 2018 20:14
portaln

Percorreremos, guiados pola sensata palabra colmada de sentimento de Calros Solla, o Monte Do Seixo, mítico cimeiro da Terra de Montes, biqueira da Serra do Cando. Cos seus picoutos, encostas e bosques, con vistas maravillosas (cando o vento norte limpa de nubes o horizonte) á Ría de Pontevedra,os concellos veciños de A Lama, Beariz e Forcarei.

Unha serra parcialmente esnaquizada por un parque eólico no ano 2000, pero que todavía conserva unha forte pegada etnográfica, con moitísimas lendas e referencias prehistóricas, castrexas e de sabedoría tradicional. Esta montaña máxica que para os devanceiros era un medio de comunicación coas deidades celestes atesoura un abraiante patrimonio material, natural e inmaterial: túmulos, vereas, marcos, pedrafitas, milladoiros, foxos, neveiros, afloramentos graníticos de caprichosa feitura. A natureza exprésase nas mandas de garranos e de vacas que campan pola serra tendo conta das súas vidas cando o lobo llo permite. O vento mareiro deloura cornos e crinas nos piricotos orientados cara ó mar.

 

Iniciaremos o itinerario camiñando dende a necrópole neolítica da Chan de Mamas ata Portalén-Marco do Vento (5 Km. ida e volta). De camiño daremos razón das Lagoas de Xestido, Outeiro da Cama e Laxa Mosqueira (pedras referidas da fertilidade), do Almadraque de Pirocha (representación da Moura-Deusa Nai), da Trampa do lobo, da Cruz do Seixo (Ara Solis), Marco do Vento (marco de deslinde de unidades territoriais locais) e, por suposto, visitaremos e gozaremos dun lugar que non nos deixará indiferentes: Portalén (a porta doutro mundo, oráculo do Samaín, correo dos que xa non están entre nós…), lugar inveterado de culto e ritualidade.

En Castro Grande avanzaremos ate as Pedras Ghiadas (aliñamento lítico), a Mámoa de Xestido e a Lagoa do Medio.

Neste itinerario o guía falaranos das innumerables lendas e tradicións como a do rato Rabisaco, a Besta branca, a Moura de loiros cabelos, a Galiña dos pitos douro etc.

Pola tarde visitaremos o barrio de Pedre co seu conxunto de hórreos, a Ponte Medieval de Santo Estevo de Pedre que salva o Lérez e a aldea vella de Vichocuntín, descuberta hai poucos anos. Componse de media ducia de vivendas cuxa feitura, dimensións, materiais e anexos falan dunha, noutrora, puxante comunidade agropecuaria. Destacan un muíño roulón e un pombal, e un hórreo de catro esteos pousados no valo da congostra, sinal de propiedade do terreo no que asenta.

 

CARACTERÍSTICAS DA XEIRA

 

DATA: 5 de Maio de 2018

 

GUÍA: Calros Solla Varela(profesor, escritor, membro do colectivo Capitán Gosende)

 

HORARIO APROXIMADO

 

SAÍDA DO AUTOCAR Sábado: 8:00 de Gondomar, dende a explanada do Pavillón de deportes.

 

CHEGADA: Sábado, aproximadamente ás 21.00, ó mesmo lugar de partida.

 

Para anotarse á Xeira haberá que chamar ao IEM ao teléfono 986 360575/627 276816, de luns a venres de 18.00 a 21.00, ou escribir un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

  • PREZO SOCIOS/AS: 40 EUROS
  • PREZO NON SOCIOS/AS:45 EUROS
  • Nº DE CONTA IEM: ES95 2080 5035 0730 4001 4164

O prezo inclúe a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar e o guía.