Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

Resolución do II Certame Escolar de Creación Dramática.

Reunidos os membros do xurado integrado por Miguel Anxo Mouriño Fernández, escritor e membro do IEM, Fátima Granxa Paz, en representación dos grupos da sección de teatro do Instituto de Estudos Miñoráns e Luís Carballo Moure, membro do IEM, que actuou como secretario, acordaron por unanimidade a concesión do premio do II Certame Escolar de Creación Dramática, que convoca o IEM en colaboración co concello de Gondomar ao CEIP Souto Donas (Gondomar) pola obra Día de pesadelo.

A obra foi escrita polas alumnas Carolina Figueroa Granxa, Erea Estévez Vilar e Zayra Costasde 6° curso de E.P.

O xurado, tamén acordou conceder accésit as seguintes obras:

Vaia tres na arribada! CEIP De Mallón

A casa embruxada. CEP Sabarís

Unha historia de piratas. C.E.I.P. Serra- Vincios

O premio consta de tres partes: un lote de libros, a publicación da obra na web do IEM e a súa representación polo grupo de teatro "A Moura" de Chaín, no colexio de Souto-Donas.

Ademais, o xurado decide entregar a cada participante un diploma acreditativo de participación no certame escolar de creación dramática.

Gondomar a 30 de marzo de 2019.

Está en:  Inicio Marítima " Somos serra, a serra protéxenos, e nós protexerémola". III Andaina pola Serra do Galiñeiro.
Skip to content
" Somos serra, a serra protéxenos, e nós protexerémola". III Andaina pola Serra do Galiñeiro. PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Escrito por IEM   
Martes, 15 Maio 2012 02:17
manuel-rivas-galineiro
anxo-angueira-galineiro
leo-galineiro
  • Anterior
  • 1 of 3
  • Seguinte

"Estamos aquí para protexer a Serra do Galiñeiro. Máis é ela -oídes ben- quen nos protexe a nós."

 (Manifesto da III Andaina)

A III Andaina pola defensa da Serra do Galiñeiro congregou a máis de dúas mil persoas o pasado domingo 13 de maio. Foi a maior concentración de protesta contra a instalación do parque eólico proxectado pola Xunta de Galicia e adxudicado á empresa Terra do Vento.

"Ten razón quen afirmou que unha xeografía, o mellor xeito de coñecela é polos pés. Andala... andar a terra. Penso que moito dos males que nos pasan... comezando aquí en Galiza, é porque quen gobernan  andan pouco na súa terra. Deberían comezar por coñecela polos pés... por andala."

O escritor Manuel Rivas foi o encargado de ler o manifesto na aba do monte, logo dunha andaina de máis de sete quilómetros, que levou aos participantes  polas ribeiras do río Zamáns e os afluentes que regan O Galiñeiro.

"A Serra é hoxe o lugar dos lugares. O corazón da terra que nos convoca. Un lugar onde se concentra a máis poderosa das enerxías: a da solidariedade. O don de entrelazar soidades para rescatar a esperanza."

Na súa intervención, Rivas fixo fincapé nunha dupla relación que coroa a vida da serra e os homes e mulleres que a habitan, ou transitan o seu espazo: "nós a protexemos, ela protexenos".

"Nós estamos aquí para pedir maior protección, para esixir protección para a Serra do Galiñeiro, mais a Serra do Galiñeiro, a marabilla cordal que vertebra o sur atlántico de Galiza dende a Ría de Vigo ao esteiro do Miño está a protexernos a nós dende milenios."

No documento, tamén  se lembrou a reclamación feito dende hai anos por distintas asociación e institucións - e recollida en resolucións da Xunta de Galicia- de ampliar a Rede Natura 2000 que protexe ao Monte Aloia á totalidade da serra.

"Loitaremos andaina tras andaina, para que teña a maior protección dos Espazos Protexidos. Para que o Parque Natural de Monte Aloia non sexa un curruncho, unha excepción, senón que se extenda a toda a Serra do Galiñeiro."

No acto, tamén tivo lugar un recital poético a cargo de Pepe Caccámo, Iago Castro, Silvia Penas, Oriana Méndez e Anxo Angueira, así como a participación dos músicos Tino Baz, as Cantareiras do Alba e Leo Arremecághona.

"A serra protexenos e temos que protexela, contra plantacións improcedentes e monocultivos forestais foráneos, que estragan a biodiversidade e multiplican os perigos de incendio. Contra as canteiras ilegais que deixan na serra feridas incurables. Contra os depósitos de monstros e de lixo, contra a maquinaria pesada, contra os chirimbolos eólicos fóra de lugar e ao servizo da cobiza e non do ben común."

Finalmente  Manuel Rivas denunciou a falsa crenza de que na Galiza non se sabe coidar o espazo natural, ou que falla estima para pelexar polos dereitos do país.

"Somos auga, e a auga pode có máis duro.

Somos serra, a serra protéxenos, e nós protexerémola.

Xurámolo polo que máis queremos: A andaina comunal seguirá ate conseguir ese parque natural para a Serra do Galiñeiro."

Dim lights Embed Embed this video on your site