Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

XEIRA IEM-Nigrán (Ramallosa)- "San Pedro da Ramallosa. Monumentos, lendas e paisaxes." Luns 14 de agosto, ás 18:30 h.

O vindeiro luns 14 de agosto, gozaremos dunha nova xeira polo concello de Nigrán na parroquia da Ramallosa "San Pedro da Ramallosa. Monumentos, lendas e paisaxes.", dentro do programa das xeiras de verán 2017 do IEM, e coa colaboración do concello de Nigrán, que será guiada polo especialista Antonio Soliño Troncoso.

A xeira ten como punto de encontro a Capela de San Campio na Ramallosa ás 18:30h.

Enlace ao punto de encontro:

https://drive.google.com/open?id=1N-J6l4qswZsjkAPwG1WpUFat8b8&usp=sharing

AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2017
SAN PEDRO DA RAMALLOSA. MONUMENTOS, LENDAS E PAISAXES.

Guiada por
ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO

A XEIRA. APROXIMACIÓN.
A parroquia de San Pedro da Ramallosa era coñecida no século XII como San Pedro de Filgueira, transformándose máis tarde en Filgueiras, denominación que segundo os libros parroquiais aínda mantiña a mediados do XVIII, antes de mudar para a actual. Durante o Antigo Réxime integrou o Partido de Val de Miñor polo que no político e gobernativo se debía ao Procurador Xeral do devandito Partido mentres que no contencioso estaba baixo xurisdición do Xuíz do reguengo de Baiona. Coa chegada dos concellos constitucionais San Pedro pasa a integrar o de Nigrán o 7 de decembro de 1836, ratificado mediante R.O. en febreiro do ano seguinte.
Esta xeira pretende complementar a que con final en Panxón realizou o IEM polos areais da parroquia o ano pasado. Aquela tivo como fío condutor o Rexionalismo arquitectónico e a repercusión que sobre algunhas das intervencións exerceron indianos nados nela. A presente, cunha motivación máis variada, atenderá a parámetros históricos, monumentais, paisaxísticos, etnográficos,... e rematará enlazando co tema da pretérita citada, o Rexionalismo e os indianos. Entre outras pezas comentaremos a capela e cruceiro de San Campio emprazadas a carón do esteiro do río Miñor; a medieval ponte da Ramallosa, unha das máis belas de Galicia; as distintas edificacións do pazo de Pías; a murada granxa da Robaleira, de século XVI; un tramo da antiga Estrada Real ao Val da Louriña; a parroquial de orixe románica e o cemiterio hixienista no que asentan monumentais panteóns; a primeira adega de viño espumoso do Val de Miñor; cruceiros do XVI e XVII; e arquitectura rexionalista construída por indianos en emprazamentos de privilexio. Tamén falaremos de encrucilladas e lendas, de persoeiros e algúns dos seus soños, de árbores senlleiras e paisaxes feridas. Todo durante as aproximadamente tres horas e cuarto que nos levará percorrer os cómodos catro quilómetros e medio de trazado previsto.

 

Está en:  Inicio Memoria Histórica
Skip to content
O IEM e mais SOS Groba presentan un estudo -alegación contrario á instalación dun parque eólico na serra do Galiñeiro PDF Imprimir Correo-e

O IEM - Novas
Escrito por IEM   
Xoves, 29 Novembro 2012 20:29
galineiro_cartel_protesta

Na mañá deste xoves 29 de novembro, o Instituto de Estudos Miñoranos e mais S.O.S Groba presentaron as respectivas alegacións ao proxecto de execución do Parque Eólico do Galiñeiro, que se van a sumar as outras corenta e dúas que os diversos colectivos que forman a Plataforma Pola Protección do Galiñeiro van a presentar ata o venres día 30 en que remata o prazo de presentación de alegacións. Todas estas sumaranse ás 8055 que a mesma Plataforma presentou onte no rexistro das oficinas da xunta de Vigo, nese caso, alegación individuais resumidas nun texto de dúas páxinas nas que se salientan os valores do Galiñeiro e as desfeitas que suporía para todo o patrimonio natural e cultural que posúe a serra.


As alegacións presentadas polo IEM e SOS GROBA son un rigoroso estudo de 90 páxinas , elaborado por técnicos en urbanismo, patrimonio, bioloxía e xeoloxía que aportaron unha análise pormenorizada dos defectos e mentiras que o proxecto presentado pola empresa Terra do Vento conten non diversos apartados do mesmo. Un traballo conxunto de xente da Plataforma e os colectivos que, ademais do seu rigor, supón un estudo exhaustivo dos bens patrimoniais, naturais e culturais da serra do Galiñeiro que non son tidos en conta e valorados pola empresa, que falseando a realidade e acochando no seu interese moitos valores presentes, tenta acabar coa riqueza que tódolos veciños e veciñas das bisbarra de Vigo e o sur da provincia de Pontevedra veñen gozando dende hai centos de anos.
O IEM e SOS Groba queren pór de manifesto a súa rotunda negativa a que se siga desfacendo o patrimonio de todos en beneficio duns poucos, e que se siga a estragar o medio ambiente e o noso patrimonio cultural, etnográfico e arqueolóxico. Asemade, tamén quere agradecer a tódolos colectivos que integran a Plataforma,o seu traballo e entrega desinteresada a prol desta causa compartida pola maioría da cidadanía do Val Miñor, Vigo e a Louriña e todo o sur da provincia. Tamén salientar o traballo persoal dos compañeiros/as que levaron o peso da elaboración deste estudo que forma a base das alegacións presentadas. A todos/as eles o noso agradecemento e o ánimo para seguir loitando nesta e noutras causas que nos ameazan, como a minería a ceo aberto das Terras raras, as canteiras ilegais e as agresións ao medio ambiente e o patrimonio da serra. O IEM e SOS Groba sempre estaremos aí.

 

Preme aquí para descargar o estudo-alegación.