Volta dos 9 Imprimir

Memoria histórica - Volta dos nove
Escrito por Gonzalo Navaza   
Xoves, 04 Setembro 2014 00:09

volta_dos_9

Foi nos días tristísimos de dor e de miseria

en que sopraba un vento de loito rigoroso

e a animalia afiaba na tobeira coitelos

para os ollos dos orfos 

Polo espiñazo arriba subía un arrepío

coas voces que na noite presaxiaban a infamia,

o ollar do delator, o riso do asasino

e a morte en cada casa

 

A morte en cada casa, en cada cuarto a morte

e o solo de pistolas a mandar no concerto

cun fondo monocorde de hisopos e amidóns

e as palabras do medo.

 

E as desaparicións, e os paseos nocturnos

e a violencia a rexer o curso das xornadas

nos tristísimos días en que o lobo da xente

impuxo a súa lei pola forza das balas

 

Gonzalo Navaza (Lalín, 1957)

Publicada orixinalmente no libro Volta dos 9. Arte e memoria. Arte é memoria. (IEM,2007)