Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

SUSPENSIÓN DO FALADOIRO DE ADRIANA NOGUEIRA POR MOTIVOS DE SAÚDE.

POR MOTIVOS DE SAÚDE DE ADRIANA NOGUEIRA, QUEDA CANCELADO O FALADOIRO ESTE MÉRCORES 22 DE NOVEMBRO.

O IEM AGRADECE O SEU INTERESE E PREGA DISCULPEN AS MOLESTIAS OCASIONADAS.

Está en:  Inicio Novas CONCLUSIÓNS: XORNADAS SOBRE O ESTUDO DA REPRESIÓN NO PRIMEIRO FRANQUISMO NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA
Skip to content

Relacionados

CONCLUSIÓNS: XORNADAS SOBRE O ESTUDO DA REPRESIÓN NO PRIMEIRO FRANQUISMO NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA PDF Imprimir Correo-e

Memoria histórica - Novas
Mércores, 03 Novembro 2010 21:30
Xornadas SOBRE O ESTUDO DA REPRESIÓN NO PRIMEIRO FRANQUISMO NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA
Download this file (COCLUSIÓN DAS XORNADAS SOBRE O ESTUDO DA RFEPRESIÓN editadofinal.pdf)
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Gondomar, 22 e 23 de outubro de 2010

As Asociacións da Memoria e persoas (investigadores, historiadores e relatores) que participaron nas “Xornadas” organizadas polo Instituto de Estudos Miñoranos que tiveron lugar  na Aula de Cultura “Ponte de Rosas” de Gondomar, o pasado venres 22 e sábado 23 de outubro de 2010, na sesión de posta en común chegaron ás seguintes conclusións:

1º.- Con carácter xeral considerar que o termo represión que se adoita empregar podería xerar algunha confusión, a pesar do seu uso consolidado socialmente, xa que o que realmente se produciu foi unha “persecución”, decretada polas autoridades sublevadas, contra os sindicatos obreiros, sociedades labregas e partidos democráticos e non da represión dunha acción previa. Así mesmo valorouse que a tensión social que seguen a provocar estes estudos está en relación coa non asunción por algúns sectores sociais dun conflito que só asumirá  o carácter de “Historia” cando se poida investigar o que aconteceu coas vítimas, e  tamén aos verdugos e aos salvadores.

2º.- Resaltar os avances realizados nos últimos tempos na investigación, nomeadamente das vítimas, a cargo de investigadores particulares, asociacións da memoria e do proxecto interuniversitario “Os nomes, as voces, os lugares”, así como, agás en contadas ocasións,  reflectir  a ausencia de iniciativa por parte das institucións públicas que se limitan a conceder certas axudas a proxectos concretos ou a actuar ante demandas externas pero non asumen a investigación como responsabilidade propia.

Aínda así constatouse que o estudo da persecución franquista adoece de grandes lagoas entre as que se subliñaron:

  • A persecución sobre as mulleres, escasamente documentada e, na actualidade, con limitadas posibilidades de transmisión oral. Acadou unha importancia moito maior da que ata o momento se ten divulgado, con maltrato físico (rapado de cabelo, aceite de rícino…), marxinación social e miseria económica.
  • Constatar a importancia do número de persoas naturais de Portugal vítimas da persecución franquista en todas as súas manifestacións, nomeadamente nas áreas lindeiras co país veciño, e demandar o interese das autoridades portuguesas na investigación do acontecido cos seus cidadáns e cidadás.
  • Se ben se ten avanzado no estudo dos procesos militares nos que se viron encartadas milleiros de persoas, pola contra pouco se ten avanzado no coñecemento dos presos e presas por orde gobernativa por ter desaparecido boa parte dos rexistros carcerarios así como por terse destruído, no inicio da transición e por orde do daquela Ministro do Interior, Martín Villa, arquivos policiais, da Dirección Xeral de Seguridade, da Falanxe e da Secretaría Xeral do “Movimiento Nacional”. Neste sentido, reclamamos a inmediata dispoñibilidade da documentación penitenciaria relativa a esta provincia, depositada en malas condicións na Prisión de A Lama.
  • Outro ámbito de investigación apenas esbozado é o estudo dos que se viron obrigados (para salvarse) ou forzados a alistarse no exercito franquista, así como dos desertores do mesmo (fuxidos nuns casos ou cambiándose de bando) proba palpable da desafección cara ao novo réxime por unha parte importante da xuventude galega.
  • Resaltar a importancia da guerrilla no noso país e a insuficiencia dos estudos realizados sobre a mesma, nomeadamente nas áreas do Deza, Trasdeza e Tabeirós nas que tivo un forte impacto.
  • Subliñar a importancia e descoñecemento da represión económica, non só no referido á  incautación de bens das sociedades labregas, sindicatos obreiros ou partidos democráticos senón tamén das multas e do roubo de propiedades de vítimas da persecución, mediante a tramitación dos Expedientes de Responsabilidades Civís (1937) e dos Expedientes de Responsabilidades Políticas (1939). O estudo desta represión económica podería achegar datos de relevo sobre os beneficiarios dos mesmos e polo tanto dos vitimarios. Neste eido, reclamamos que a documentación existente nos Xulgados de 1ª Instancia de toda a provincia relativa a esta temática, se deposite de xeito inmediato no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, tal e como é preceptivo.
  • Constatar a existencia de puntos negros na investigación en determinados concellos da provincia, nomeadamente na área do Salnés, dos que só se teñen datos do  baleirado dos rexistros civís, libros de cemiterios e causas militares pero escaso coñecemento de información oral.
  • Reflectir o descoñecemento do que lle aconteceu a moitos galegos aos que a sublevación militar colleu fóra de Galicia por motivos laborais (canteiros, cabaqueiros, mineiros, mariñeiros, seitureiros, afiadores, xornaleiros, etc.), debido á súa profesión itinerante.
  • Sinalar como de especial interese a investigación sobre os métodos e sistemas de represión que permitiría unha achega aos motivos que empurraron a determinadas persoas a cometer os crimes que realizaron.
  • Propor a necesidade de considerar a represión nun ciclo histórico máis amplo para entender mellor a súa brutalidade, a súa engrenaxe, as súas motivacións e tamén os seus protagonistas (vítimas e vitimarios) do que se deriva a importancia de ampliar aínda máis os estudos sobre a IIª República e, mesmo, sobre o período da Restauración, nomeadamente  os anos da ditadura de Primo de Rivera.

3º.- Seguimos a constatar as dificultades para acceder a moitos arquivos (municipais, follas de servizo da Garda Civil e outros) mediante dilacións de toda caste. Demandar do Estado a posta a disposición de todos os/as investigadores/as destes arquivos e recomendar a demanda xudicial no seu caso.

4º.- Expresar que 74 anos despois do golpe de Estado o medo segue instalado entre unha parte considerable daquelas persoas, nomeadamente familiares, relacionadas coas vítimas.

5º.- Reclamar unha vez máis que o Estado asuma as súas responsabilidades e tome iniciativas no proceso de localización e  identificación das vítimas, así como a investigación dos feitos, no canto de delegar nas asociacións da memoria ou persoas dedicadas á investigación, en moitas ocasións de xeito particular. Denunciar a negativa absoluta por parte do actual goberno da Xunta de Galicia a apoiar calquera caste de iniciativa por parte de familiares, asociacións da memoria ou persoas investigadoras, chegando mesmo a non abonar actividades acordadas pola anterior administración e realizadas en tempo e forma.

 

Gondomar 23 de outubro de 2010

 

Attachments:
Descargar Conclusións das Xornadas[ ]105 Kb