Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

O IEM e o Concello de Gondomar homenaxean a María Victoria Moreno.

O acto terá lugar na Paradela, na praza Latino Salgueiro de Gondomar, e comezará ás 19:30 horas

Este 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Instituto de Estudos Miñoráns, IEM, e o concello de Gondomar, a través da concellaría de Cultura, celebrarán as Letras galegas cunha homenaxe á escritora María Victoria Moreno, a quen se lle dedica a data este ano.

Os escritores Iria Misa e Miguel Anxo Mouriño lerán fragmentos da obra desta profesora estremeña que namorou da lingua galega e dedicou a súa vida a escribir en galego, especialmente para os máis novos e novas. Ese lectorado tan presente para María Victoria Moreno estará representado neste acto por alumnado do CEIP Neira Vilas e IES plurilingüe Terra de Turonio, que lerán fragmentos de Eu conto, ti cantas.

Acompañando á palabra recitada estará o grupo musical Xardín desordenado que interpretará pezas do seu último traballo, "A vitoria da luz", baseado en textos de María Victoria Moreno e pechará o acto. Tamén, durante todo o acto a pintora Irene Silva realizará un mural en directo.

Palabra, música, pintura únense así para festexar a nosa lingua, esta que tanto amou María Victoria Moreno, quen non dubidou en utilizala no ensino ou en dar aulas de lingua alí onde for requirida en tempos da ditadura franquista. Os seus versos, os seus relatos en que os animais teñen un papel principal, o seu amor pola lingua son o legado que nos deixa unha estremeña que un día namorou deste noso país.

Está en:  Inicio Novas Péchase a fosa de Grandal (Vilarmaior) co retiro de cinco corpos exhumados.
Skip to content
Péchase a fosa de Grandal (Vilarmaior) co retiro de cinco corpos exhumados. PDF Imprimir Correo-e

Memoria histórica - Novas
Martes, 18 Outubro 2011 21:09
portada-cemiterio
DSC04520
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Co retiro dos restos exhumados polo equipo arqueolóxico do IEM, dirixido por Xosé Lois Vilar, pechouse a fosa común no cemiterio de San Pedro de Grandal (Vilarmaior) na tarde deste martes 18 de outubro. Aos dous cadáveres atopados na xornada do venres 15, sumáronse os restos doutras tres persoas, todos eles pendentes de identificar por parte das unidades forenses. Xunto cos restos, foron atopados unha moeda, unha medalla, un chisqueiro, un calzado, minas de grafito, e unha folla escrita que poden ser de utilidade na seguinte fase de identificación dos corpos.
A orixe desta pescuda estivo no reclamo feito polo ex deputado no Congreso de Deputados polo BNG Francisco Rodríguez, quen busca ao seu avó, o ebanista Xosé Rodríguez Braxe, fusilado o 15 de setembro do 36, coñecido en Cabanas como Luxo. Logo, uniuse Olimpia Varela, quen intenta recuperar os restos do seu tío, Manuel Varela González, agrarista, morto o 11 de setembro de 1936. Pero na fosa tamén se atoparon máis corpos. Isto xunto con testemuñas da época,acercou a familiares doutra vítima da represión, Joaquín Rodríguez Rodríguez, comerciante, representante de máquinas de escribir e dunha estafeta de correos. Fora fusilado naquelas datas e o seus netos queren saber si se encontra nesta fosa.
Os estudos anatómicos forenses destes restos localizados estarán agora baixo responsabilidade de Fernando Serrulla, do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA). Posteriormente procurarase a identificación dos restos a través dunha comparativa do ADN cos dos seus descendentes. Estes traballos estarán dirixidos por Ángel Carracedo, director do Instituto de Medicina Forense da Universidade de Santiago de Compostela.