Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

XEIRA IEM-Nigrán (Ramallosa)- "San Pedro da Ramallosa. Monumentos, lendas e paisaxes." Luns 14 de agosto, ás 18:30 h.

O vindeiro luns 14 de agosto, gozaremos dunha nova xeira polo concello de Nigrán na parroquia da Ramallosa "San Pedro da Ramallosa. Monumentos, lendas e paisaxes.", dentro do programa das xeiras de verán 2017 do IEM, e coa colaboración do concello de Nigrán, que será guiada polo especialista Antonio Soliño Troncoso.

A xeira ten como punto de encontro a Capela de San Campio na Ramallosa ás 18:30h.

Enlace ao punto de encontro:

https://drive.google.com/open?id=1N-J6l4qswZsjkAPwG1WpUFat8b8&usp=sharing

AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2017
SAN PEDRO DA RAMALLOSA. MONUMENTOS, LENDAS E PAISAXES.

Guiada por
ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO

A XEIRA. APROXIMACIÓN.
A parroquia de San Pedro da Ramallosa era coñecida no século XII como San Pedro de Filgueira, transformándose máis tarde en Filgueiras, denominación que segundo os libros parroquiais aínda mantiña a mediados do XVIII, antes de mudar para a actual. Durante o Antigo Réxime integrou o Partido de Val de Miñor polo que no político e gobernativo se debía ao Procurador Xeral do devandito Partido mentres que no contencioso estaba baixo xurisdición do Xuíz do reguengo de Baiona. Coa chegada dos concellos constitucionais San Pedro pasa a integrar o de Nigrán o 7 de decembro de 1836, ratificado mediante R.O. en febreiro do ano seguinte.
Esta xeira pretende complementar a que con final en Panxón realizou o IEM polos areais da parroquia o ano pasado. Aquela tivo como fío condutor o Rexionalismo arquitectónico e a repercusión que sobre algunhas das intervencións exerceron indianos nados nela. A presente, cunha motivación máis variada, atenderá a parámetros históricos, monumentais, paisaxísticos, etnográficos,... e rematará enlazando co tema da pretérita citada, o Rexionalismo e os indianos. Entre outras pezas comentaremos a capela e cruceiro de San Campio emprazadas a carón do esteiro do río Miñor; a medieval ponte da Ramallosa, unha das máis belas de Galicia; as distintas edificacións do pazo de Pías; a murada granxa da Robaleira, de século XVI; un tramo da antiga Estrada Real ao Val da Louriña; a parroquial de orixe románica e o cemiterio hixienista no que asentan monumentais panteóns; a primeira adega de viño espumoso do Val de Miñor; cruceiros do XVI e XVII; e arquitectura rexionalista construída por indianos en emprazamentos de privilexio. Tamén falaremos de encrucilladas e lendas, de persoeiros e algúns dos seus soños, de árbores senlleiras e paisaxes feridas. Todo durante as aproximadamente tres horas e cuarto que nos levará percorrer os cómodos catro quilómetros e medio de trazado previsto.

 

Está en:  Inicio Novas Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionisio Pereira González.
Skip to content
Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionisio Pereira González. PDF Imprimir Correo-e

Memoria histórica - Novas
Martes, 22 Novembro 2011 23:47
dionisio

Durante a segunda conferencia do ciclo 75 anos despois  será presentada a última obra do historiador Dionisio Pereira González, Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939). A obra, editada no ano 2010,  toma como fío principal a evolución do asociacionismo mariñeiro en Galicia na etapa contemporánea. Afonda  no desenvolvemento da conflitividade social e laboral no «Mar dos Galegos» dende finais do século XIX e comezos do XX, así como na represión que tras o golpe militar do 18 de xullo de 1936 se dirixiu contra todo este tecido individual e colectivo. 

O libro,  produto de moitos anos de traballos e investigacións potenciados coa singradura do chamado Barco da Memoria (2006), recupera, relaciona e interpreta con rigor e veracidade anacos da «memoria dos vencidos» para retornalos aos seus herdeiros e a toda a cidadanía.

Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), cun estilo claro e conciso, ofrécelle ao lector todos os datos necesarios para entender a organización societaria dos mariñeiros galegos, dende o período anterior ao xurdimento do movemento obreiro ata a chegada da Guerra Civil e a posterior ditadura franquista.

O autor

Dionisio Pereira é profesor de Ensino Medio. Xunto con A. Martínez, Manuel González Probados e X. Castro Formou o Colectivo de Historia Xerminal. En 1994 foi elixido primeiro presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, nacida o ano anterior en Ribeira. No ano 2007 viuse envolto nun proceso xudicial a raíz dunha denuncia de familiares de Manuel Gutiérrez Torres, alcalde de Cerdedo desde 1950 e xefe local da Falanxe nos días despois do golpe militar que iniciou a Guerra Civil. Esixíaselle a Dionisio Pereira que se retractase dunha frase publicada no libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo (2006)