Skip to content

IEM - Instituto de Estudos Miñoranos

Increase font size Decrease font size Default font size

Destacados

XEIRA IEM-Gondomar: Polas extremas de Gondomar. Mércores 19 de xullo, ás 18:30h

O vindeiro mércores 19 de xullo gozaremos doutra nova xeira do IEM, esta vez polo concello de Gondomar "Polas extremas de Gondomar". O punto de encontro será no local do IEM (Avda. Da Feira, 10 baixo)ás 18:30H, e será guiada polos especialistas Xosé Lois Vilar Pedreira e Xosé Ramón García Martínez.


Está en:  Inicio O IEM Acta constitución
Skip to content
Acto homenaxe no Val Miñor a Valentín Paz Andrade no Día das Letras Galegas. PDF Imprimir Correo-e

Filoloxía e literatura - Artigos
Escrito por IEM   
Luns, 14 Maio 2012 22:59
CARTEL


- O acto terá lugar o vindeiro xoves 17 de maio ás 19:30 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío.
-Na actividade os empresarios do Val Miñor lerán poemas do homenaxeado e contarase coa participación do Coro Tradicional Cantares do Brión.


O Instituto de Estudos Miñoranos está a organizar un acto de homenaxe a Valentín Paz Andrade (Pontevedra 1899 – Vigo 1987), un dos máis poliédricos activistas do galego da nosa recente historia. Poeta, xornalista, avogado, empresario, político ... Paz Andrade é o galego que asumiu Galicia como tarefa e dedicoulle un anaco moi importante da súa vida. Seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade, contaxioulle o amor á poesía galega e a amizade de Castelao, a quen dedicaría unha parte notable da súa obra poética. Foi colaborador xornalístico dende moi novo, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, fundador e director do xornal Galicia, avogado de sona, colaborador da revista Industrias Pesqueras, membro do Seminario de Estudos Galegos, redactor do Estatuto, membro da RAG, senador pola provincia de Pontevedra... Por outra banda, foi tiroteado polos anarquistas nun gravísimo atentado, estivo desterrado polo réxime en Verín, onde padeceu outro intento de atentado por parte dun grupo de falanxistas, pasou algún tempo no cárcere por motivos políticos, ...
Finalmente queremos salientar a súa participación na fundación e funcionamento dunha empresa pioneira no mundo que revolucionou a industria pesqueira e que leva un nome galego: Pescanova. Os buques conxeladores, unha total innovación, exhibiron polo mundo nomes moi entrañables: Galicia, Ferrol, Gondomar, Betanzos .... Destacou, pois, como grande empresario e por iso este día 17 de maio a el dedicado os seus colegas, empresarios do Val Miñor, queren renderlle homenaxe recitando poemas seus no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar. Únese xenerosamente á homenaxe o coro tradicional Cantares do Brión que interpretará pezas do seu repertorio coa incorporación dunha obra creada e ensaiada para este evento ao musicar o poema "Tríadas do vento no mar", do libro Sementeira do vento. O Acto será conducido polas escritoras Marta Dacosta e Rexina Vega e comezará ás sete e media da tarde do Día das Letras Galegas, 17 de maio de 2012.
Queremos subliñar a colaboración de Asociación de Comerciantes e Hostaleiros de Gondomar (ACHEGO) e da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor que espallaron, con entusiasmo, entre os seus asociados a idea de participación nesta acto. Tamén salientamos a axuda de Casa Planta, do Concello de Gondomar e dun xeito especial da súa Consellería de Cultura.

 

Para descargar o cartel da Homenaxe preme aquí.